Novas

  • Renovación de contratos do leite: Volvemos constatar a discriminación de Lactalis, CAPSA e Lence ás pequenas e medianas granxas

    Renovación de contratos do leite: Volvemos constatar a discriminación de Lactalis, CAPSA e Lence ás pequenas e medianas granxas

    • 31,Xul 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • CAPSA
    • galiza
    • Lactalis
    • Lence
    • Renovación de contratos do leite
    • sindicato labrego galego
    • Mañá, 1 de agosto, comeza o novo período de renovación de contratos para as granxas galegas. Seguimos co prezo por debaixo da media europea e da medida estatal.

    • As primas por cantidade volven penalizar as granxas máis pequenas. “As empresas xogan co cambio nas primas entón é bastante difícil facer o seguimento e saber o que imos cobrar”, denuncia Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada en políticas agrarias no SLG. 

    Galiza, 31 de xullo de 2025. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) iniciou en abril deste ano unha campaña dirixida ás persoas consumidoras explicando a discriminación de Lactalis, CAPSA e Lence ás pequenas e medianas granxas a través da desagregación do prezo final pagado ás persoas gandeiras, cun gráfico que concreta os prezos finais sen IVE. Agora, volvemos analizar as cifras da renovación de contratos asinados para o período de agosto de 2025 a marzo de 2026. Para iso, seleccionamos de novo as tres industrias que máis recollen en Galiza para saber como quedaría o litro de leite. “Seguimos constatando que no mesmo tipo de leite hai unha gran diferenza segundo a industria que recolle e segundo a cantidade de leite que se teña”, explica Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada en políticas agrarias no Sindicato Labrego Galego.

    Nese senso, observamos que existe unha diferenza significativa entre as granxas que venden máis leite e as que venden menos, coa mesma calidade de leite. “É unha barbaridade”, exclama Rodríguez. Por exemplo, en Capsa a diferenza é de 6,7 céntimos/litro; en Lactalis de 5,5 céntimos/litro, e en Lence de 4 céntimos/litro. Dende o SLG insistimos en que non existe ningún motivo obxectivo polo que as pequenas granxas que producen en Galiza cobren menos polo leite. É máis, en todo caso deberían ser especialmente remuneradas polo seu aporte á vértebra social, desenvolvemento económico e coidado ecosistémico das zonas nas que se localizan, apostando por máis granxas no territorio e non por un número limitado con moitos animais concentrados nuns poucos concellos da franxa central de Galiza, que é o que está pasando nestes momentos.

    Cos prezos actuais para a renovación de contratos do novo período das granxas galegas que comeza mañá, 1 de agosto, encontrámonos con que seguimos por debaixo da media europea e da medida estatal. As primas por cantidade volven penalizar as granxas máis pequenas. “Os incrementos no prezo base foron de 3,4 céntimos/litro, pero logo ao modificarse algunhas primas o incremento non foi tan relevante. As empresas xogan co cambio nas primas entón é bastante difícil facerlle o seguimento e saber o que imos cobrar”, denuncia a gandeira e economista.

    Somos a Comunidade do Estado español que menos cobra o prezo do leite, e dentro das rexións produtoras europeas somos das que menos cobra, e aínda por riba o diferencial de prezos que hai entre as nosas granxas máis pequenas e as nosas máis grandes supera os 8 céntimos –8,57 céntimos segundo os datos da Consellería do Medio Rural do mes de maio-”, sinala Xulio Fernández, coordinador do Sector Lácteo no Sindicato Labrego. Tal e como denunciamos en marzo, incrementouse o diferencial entre as granxas máis pequenas e as máis grandes: daquela era de 6,6 céntimos. “Galiza é quen tira polo prezo medio do Estado para abaixo. A media do Estado non alcanza a outros Estados de Europa que podía ser semellante porque á rexión que máis produce estáselle pagando moitísimo menos”, manifesta.

    Novidades para o novo período

    No gráfico, elaborado polo Sindicato Labrego Galego, amósase, en cor laranxa, as novidades respecto da anterior renovación de contratos das tres industrias. Destacamos que non se modifica só o prezo base, senón tamén distintas primas. “Que cada persoa bote as súas contas en función do tipo de leite que teña porque facerlle seguimento ás industrias é bastante difícil en canto ao prezo”, afirma Ana Rodríguez.

    Así, para o período do 08/2025 ao 03/2026, o prezo base en Lactalis é de 42,5 céntimos; en Capsa 43 céntimos; e en Lence 44,9 céntimos. Hai mudanzas tamén, no caso de Lence, nos índices de graxa (0,4 milésima para 3,7-3,8 e 0,5 milésima para >3,8) e de proteína 0,3 milésima para >3,20. No caso de Lactalis 0,8 en Super A. Novidades para Lence en canto a <25000 xermes (0,5); 25000-29000 (0,1); <190000 células (0,5); 19000-240000 (0,1). No que se refire a benestar, Lactalis: aceptábel (0,1), bo (0,3-1,00), excelente (1,2). Capsa (2) para pastoreo+recaldi. Hai mudanzas tamén na prima de volume (miles) en Lence 600-900 (3) e 900-1200 (3,8). E Capsa: 250-400 (3), 400-600 (4), 600-800 (4,7), 800-100 (5,3), 1000-1500 (5,8), 1500-2000 (6,2), >2000 (6,7). O complemento para Lactalis fica en 1 e para Lence en 2.

    Dende o Sindicato Labrego solicitámoslle, novamente, ás industrias Lactalis, CAPSA e Lence –que son as maioritarias, pero non as únicas que discriminan ás pequenas e medidas granxas galegas- que poñan fin a esta agresiva estratexia comercial que afecta precisamente ás unidades produtivas máis vulnerábeis do elo máis feble da cadea láctea, ao tempo que demandamos un incremento de prezos a todas as granxas, acorde cos prezos medios estatais e europeos.

    [Anexamos os gráficos elaborados polo Sindicato Labrego Galego]

    [Anexamos os gráficos elaborados polo Sindicato Labrego Galego]

    DESCARGA AQUÍ OS GRÁFICOS EN PDF!

    250801_SLG_INFORMA