NonAnteproxectoCRTVG

09/08/2024

Renegar dunha TVG na nosa lingua tamén é renegar do noso medio rural

Rexeitamos o Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia. Sumámonos ás denuncias de vulneración do dereito a unha información independente e veraz e instamos á súa retirada

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) queremos manifestar o noso total rexeitamento ao Anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital aprobado polo Consello da Xunta e aberto até o 22 deste mes a suxestións no portal de transparencia.

Consideramos que este texto vai na dirección totalmente contraria do reforzo urxente das garantías duns medios de comunicación veraces e independentes que require o dereito á información fronte a fenómenos recentes como a desinformación e as fake news, contradecindo mesmo as directrices do Regulamento Europeo de Liberdade de Medios.

Tamén resulta salientábel, como sinala o propio Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que “o texto presentado chega ao punto de citar o Regulamento sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación como un dos seus motivos, cando esta normativa comunitaria, de obrigado cumprimento para todos os estados membros, alerta explicitamente contra aqueles "casos nos que as reformas lexislativas nos Estados membros aumentaron o control gobernamental dos medios de comunicación de servizo público, tamén no que respecta ao nomeamento das persoas que exerzan a dirección do consello de administración dos medios de comunicación de servizo público, ou dos membros deste", é dicir, que este Anteproxecto contradí na práctica precisamente o que pretende argumentar na teoría como obxectivo.

Esta interesada iniciativa do Partido Popular de Galicia supón ademais unha clara estratexia de debilitamento do noso idioma pretendendo que, en lugar de corrixir as xa actuais eivas neste aspecto, se dea cabida a máis contidos en castelán -xa a día de hoxe a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) emite numerosos contidos publicitarios e intervencións neste idioma-.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas queremos enfatizar que renegar dunha Televisión de Galicia no noso idioma tamén é renegar do noso medio rural.

“Non imos permitir que muden o significado da Televisión de Galicia, quenes o queren facer renegan realmente do noso país, do noso idioma, da nosa cultura e renegan dun xeito destacado do noso medio rural, que é -canda o traballo que se está a facer dende numerosas organizacións urbanas e persoas a título individual- onde se está a manter vivo o territorio e o idioma” -apostilla Xosé Ramón Cendán, do Sindicato Labrego Galego.Hoxe cúmprese o 325 “venres negro”. Se ben é sabido que lamentabelmente, e como veñen denunciando dende fai anos as súas traballadoras e traballadores, a TVG funciona como un boletín propagandístico do Partido Popular de Galicia, que inda por riba o fagan noutro idioma que non sexa en galego resulta canto menos indignante, unha absoluta falta de respecto para todo o pobo galego”.

Ademais de solicitar a retirada deste anteproxecto -ao que tamén presentaremos suxestións concretas demandando a súa eliminación-, o Sindicato Labrego Galego esixe que se adopten as medidas precisas para que a liña editorial da CRTVG adopte os cambios precisos para reflectir con veraciade a realidade do país, deixando de ocultar información relevante -como por exemplo o deterioro da sanidade e educación públicas, as demandas do agro galego ou o acaparamento forzado de terras e recursos para uso industrial- con pezas anecdóticas, procurando dar unha imaxe de Galicia no país das marabillas que dista moito da violencia estrutural capitalista neoliberal exercida polo Partido Popular dende a Xunta de Galicia dende fai máis dunha década.

O pobo galego ten dereito a unha televisión pública que forneza información veraz na lingua propia. A Corporación Radio e Televisión de Galicia ten que cumprir o seu obxectivo esencial de contribuír a manter viva a nosa lingua e informar da realidade social, económica e de servizos que hai na Galiza dun xeito fidedigno e non inventado.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas chamamos a toda a sociedade galega a organizarnos e unirnos, non so para frear este retroceso, senón tamén para termos un medio en galego público e veraz para toda a sociedade galega e non so para un grupo de interese.