04/06/2024
Reiteramos á Consellaría do Medio Rural a pertinencia de convocar unha xuntanza con tódolos sectores para abordar medidas fronte á crise de excedentes na Ribeira Sacra
A CMR segue sen concretar se vai pór fondos para destilación de crise na Ribeira Sacra nin activar accións complementarias. O SLG subliña que é preciso activar medidas de fondo dirixidas directamente ás persoas viticultoras e que protexan o modelo
Como anunciamos a principios do mes pasado, ante a confirmación de que a Xunta de Galicia está a tramitar a destilación de crise na Ribeira Sacra, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitou unha entrevista ca nova titular da Consellaría do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, para abordar con urxencia esta cuestión, alén de estarmos en contacto directo con viticultores e viticultoras e ternos reunido xa co Consello Regulador da DO Ribeira Sacra.
A día de hoxe estamos a tres meses da vendima, non hai contratos para a compra de uva e a Conselleira non respondeu á nosa solicitude. Ademais, a través dos medios de comunicación soubemos polo seu Presidente que tamén o Consello solicitou unha reunión entre este, a Consellaría, alcaldes/as e algunhas grandes adegas.
Confiando en que a nova conselleira non herdara do seu predecesor o controvertido hábito de tentar eludir as súas responsabilidades como interlocutora da Administración no diálogo coas organizacións sindicais agrarias, vimos de dirixirnos unha vez máis á CMR -por escrito e telefonicamente- para lembrarlle que nós tamén temos solicitada esa xuntanza, así que agardamos que á maior brevidade posíbel nos sexa trasladado, cando o resto de axentes do sector, a convocatoria pertinente.
“Cremos que ante a situación de excedentes na DO Ribeira Sacra é necesario implantar medidas de fondo que vaian máis aló da destilación de crise e dar xa a información que ten a Administración e o Consello Regulador ás persoas viticultoras. Pensamos que a situación excepcional nesta DO merece unha xuntanza conxunta de todas as partes para tentar resolver este problema no menor prazo posible e coas menores baixas de persoas viticultoras e viñas abandonadas”, explica Xosé Manuel Parente, responsábel do sector do viño no SLG-CCLL.
Como alertamos o pasado mes, as iniciativas presentadas até o dagora pola Consellería do Medio Rural -incluída a destilación de crise, para a cal ademais a CMR segue sen concretar se porá fondos propios- non garanten o mantemento na zona de viticultores e viticultoras, as grandes esquecidas neste tipo de medidas, obviando que na Ribeira Sacra non só nos estamos xogando o futuro do sector vitivinícola, senón tamén do noso modelo territorial e de produción de alimentos, dado que toda a promoción da zona faise en base a un cultivo da vide en bancais que desaparecerá se non hai persoas viticultoras que traballen neles.