fabalourenzá

04/02/2025

Receptividade unánime dos concellos da Mariña á proposta do SLG de demanda urxente de interlocución ca Consellaría

Barreiros, Trabada, Lourenzá, Ribadeo e Mondoñedo coinciden na necesidade de medidas urxentes para o sector da faba. As perdas alcanzan o 80% da colleita. Solicitamos axuda directa, modificación da PAC e grupo de traballo sobre cambio climático

Como denunciamos dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, as persoas produtoras de faba na comarca da Mariña contabilizaron o pasado mes de decembro a perda do máis do 80% da colleita. As choivas constantes no verán deron lugar a unhas condicións de humidade e calor que propiciaron a proliferación de enfermidades, provocando unha grande afección de fungos neste cultivo.

Solicitamos nese momento unha xuntanza urxente ca Conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, da que meses despois seguimos sen ter ningún tipo de resposta.

O 23 de decembro, convocouse unha asemblea en Lourenzá na que participaron medio cento de persoas, boa mostra da preocupación existente por unha situación que implica perdas económicas para un bo número de familias labregas, afectando directamente a unha das actividades produtivas que axuda a fixar poboación e dinamizar economicamente a zona, constituíndo asemade un elemento de identificación cultural e social da comarca.

No acto analizouse a situación pola que atravesa o sector e acordouse demandar da administración medidas de apoio que posibiliten a súa supervivencia. O Sindicato Labrego Galego iniciou de contado unha rolda de contactos cos principais concellos de Barreiros, Trabada, Lourenzá, Ribadeo e Modoñedo, xestionados por diferentes formacións políticas, que coincidiron unanimemente no recoñecemento desta problemática e confirmaron o seu apoio á demanda do SLG de manter unha xuntanza de traballo urxente ca Consellaría do Medio Rural.

Canda as xestións realizadas directamente cos consistorios, o SLG está a coordinar unha petición unánime canda concellos, cooperativas e organismos implicados na produción e comercialización da faba de Lourenzá insistindo na demanda diante da Consellaría de que abra interlocución á maior brevidade posible.

As medidas de acción demandadas, acordadas na asemblea do 23 de decembro polo sector son as seguintes:

- Establecemento dunha axuda directa que permita salvar a campaña ás persoas produtoras.

- Modificación da axuda da PAC nomeadamente na liña “Axuda á produción sostible de proteínas de orixe vexetal” dotándoa de contía suficiente.

- Constitución dun equipo de traballo que estude as afeccións dos cambios na climatoloxía e os seus posíbeis efectos na aparición de novas enfermidades que poidan afectar a este cultivo.

O máis urxente sería establecer unha liña de axuda directa, como parece que si que vai haber en Asturias”, explica o coordinador do Sindicato Labrego na comarca da Mariña, Antonio Villarino. “É imprescindíbel que a que a Consellaría atenda á preocupación e sente co sector, pero até o dagora a conselleira está actuando como se non soubera o que pasa. As perdas nesta colleita foron gravísimas, a xente pode desistir de seguir producindo se non ve unha garantía de que por parte da Administración se tome en serio ao sector e se valoren as súas potencialidades”.

Produción de faba na Mariña

Aínda que se denominan “fabas de Lourenzá”, trátase dunha produción que engloba o territorio da Mariña. De feito estímase que se produce na Galiza o 30% de toda a leguminosa que hai no Estado español, e a maioría incluso está na Mariña. A zona de produción, almacenamento e envasado da faba abarca o territorio da Mariña Luguesa -A Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental-, que engloba os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. No mercado de Lourenzá véndense arredor de 600.000 kg anuais de faba.