Imaxe da GC vía EP

30/01/2025

Racismo, explotación laboral, acaparamento de terras e contaminación: AGROINDUSTRIA FÓRA DA GALIZA!

Celebramos que por fin sexa investigada a explotación de persoas migrantes por parte de agro-industrias na provincia de Lugo. No ano 2021 o SLG e outras organizacións sociais desenvolvemos unha campaña de denuncia centrada na multinacional Surexport

Esta semana os medios de comunicación fixéronse eco dunha investigación da Garda Civil fronte un posible delito contra os dereitos dos traballadores nunha produción de arandos en Pacios (Lugo) que afectaría a 80 persoas africanas que foron atopadas desorientadas, aloxadas nun establecemento sen licencia en Ordes (A Coruña) que debían financiarse eles mesmos, ademais de pagarse o transporte até Lugo.

Segundo fontes de organizacións sociais que están seguindo casos de explotación laboral industrial a persoas migrantes na provincia luguesa, precisamente persoas que están sendo investigadas por estes feitos ocuparon cargos de responsabilidade na polémica agroindustria Surexport, até fai uns meses instalada na Terra Chá, que conta con múltiples denuncias vinculadas ás súas condicións laborais e na que mesmo tivo lugar en agosto do 2021 a morte dun temporeiro de 27 anos ao finalizar a súa xornada de traballo.

Ademais dos hábitos de esclavismo agroindustrial, Surexport tamén foi motivo de polémica no noso país por escuras manobras de acaparamento de terras dos montes comunais, como aconteceu en Loentia (Terra Chá), provocando mesmo que a veciñanza trasladara a súa preocupación á Delegada do Goberno.

Á vista da información coñecida agora, semella que a nova empresa que aspira a xestionar esta plantación de arandos pretende manter a anterior política de explotación irregular de traballadores e traballadoras da que se servía a súa predecesora. Iso si, polo dagora con distinta sorte, xa que durante anos ninguén conseguiu que se tomaran medidas contundentes contra Surexport, malia terse feito varias denuncias na provincia de Lugo.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), tanto a través da nosa participación como Coordenadora Europea Vía Campesina -onde no 2022 diriximos a nivel europeo unha campaña contra a agroindustria-, como con outras organizacións sociais, denunciamos en moitas ocasións o racismo e explotación laboral que acompaña á instalación de agroindustrias que se vén producindo nos últimos tempos na provincia de Lugo.

En alianza con outras organizacións sindicais e sociais galegas, precisamente no ano 2021 desenvolvimos unha campaña de sensibilización ao respecto dos abusos da propia multinacional Surexport, adicada nese momento á exportación de froitos vermellos na Terra Chá. Alertamos en reiteradas ocasións da vulneración de dereitos humanos e, de xeito destacado, laborais, que protagonizou esta corporación.

O denunciado esta semana non é, xa que logo, unha vulneración de dereitos humanos puntual, senón unhas dinámicas que acompañan á produción intensiva de alimentos, depredadora de persoas e medio ambiente, unha precarización extrema da que se serven as agroindustrias para logo situar estes produtos a baixo prezo nos andares dos supermercados en calquera época do ano.

Unha vez máis reiteramos a necesidade de que Galiza, en tanto que unha das principais zonas de produción de alimentos de todo o Estado, asuma a aposta polo modelo agroecolóxico de produción, baseado no desenvolvemento de prácticas sostíbeis co medio ambiente, as granxas de tamaño humano e cunhas condicións laborais dignas, nun medio rural vivo.

As persoas que producimos alimentos dun xeito medioambiental e socialmente sostíbel e responsábel vivimos nos lugares onde traballamos. A agroindustria, como estamos comprobando, condena a unhas condicións laborais penosas que, ca connivencia de certos poderes públicos, xestiona servíndose da desesperación das persoas con menos capacidades económicas, ao tempo que os seus dirixentes se coidan moito de vivir ben lonxe dos territorios onde se instalan estas producións altamente contaminantes e socialmente problemáticas.

A vindeira fin de semana o Sindicato Labrego Galego vai desenvolver o VII Foro Galego de Agroecoloxía, nesta edición baixo o título “Agroecoloxía VS Megaindustria”, espazo no que tamén trataremos os abusos vinculados á instalación de agroindustrias de froitos vermellos na provincia de Lugo.

Imaxe: Guardia Civil vía Europa Press