
29/01/2025
Que quedou do anuncio da CMR de que solicitaría ao Ministerio a excepción do prato invertido como permite o Artigo 10.4?
RD1051/2022 Nutrición Sostíbel: mantense a prohibición do prato invertido, o incremento da carga burocrática e o uso de lodos. Dende o ano 2018 vimos pedindo á Consellaría que actúe fronte a este RD que prexudica de xeito diferenciado ás granxas galegas
Fai máis de medio ano, en xuño do 2024, finalizou o prazo para presentar alegacións ás modificacións que propuxo o Ministerio de Agricultura do Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, polo que se establecen normas para a nutrición sostibles dos solos agrarios.
Como denunciamos nese momento, todo parecía indicar que a Consellaría do Medio Rural (CMR) non garantira a incorporación das especificacións propias das granxas galegas, malia a ter sido difundida publicamente no mes de marzo unha carta do Ministerio na que alentaba a solicitar á Xunta de Galicia o recoñecemento do uso de técnicas que estiveran avaladas tecnicamente e demostraran unha eficiencia similar na redución de emisións de amoníaco cando se aplican xurros -como así habilita o apartado 4 do artigo 10 de dita norma-, e ter afirmado a propia CMR a través dos medios de comunicación que poría en marcha “os mecanismos necesarios” para regular a aplicación de xurros con prato invertido na comunidade.
“Fai máis ou menos un ano, vendéronlle a todo o sector que este problema estaba amañado porque se permitía o uso do prato invertido. Falouse da carta do Ministerio e de que a Consellería xa estaba traballando para que este autorizase. Nesa data, o SLG enviou un correo electrónico ao Ministerio de Agricultura para que nos informara e enviara esa carta na que se falaba deste tema. Nunca recibimos resposta, e normalmente contesta”, apunta a gandeira e economista especializada en Política Agraria Común Ana Rodríguez (SLG).
O 26 de xuño do 2024 urximos á CMR a aclarar se realizara o trámite de solicitar ao Ministerio o uso do prato invertido ou se seguía todo como estaba. Nunca obtivemos resposta. A data de xaneiro do 2025 temos enriba da mesa a enésima modificación deste Real Decreto e as cousas seguen semellantes, confirmándose polo tanto a inacción da Consellaría.
Polo que respecta ao devandito Artigo 10, os cambios que se propoñen son mínimos. A redacción actual que presentan é a seguinte:
Prohíbese a aplicación de xurros mediante sistemas de prato, abanico e por canón, agás nos seguintes casos:
a) nos recintos con pendentes medias superiores ao 10% ou de superficie inferior a unha hectárea cando non sexan estremeiros con outros recintos da mesma granxa
b) Na granxa enteira cando o resto dos recintos da granxa (descontados aqueles incluídos na excepción anterior e os pastos comunais) representen unha superficie inferior ao 50% da superficie total neta da granxa, ou o seu conxunto non supere as 2 has.
Seguimos sen saber nada do famoso prato invertido. Así, malia que levamos dende o ano 2018 advertindo á Consellaría e pedíndolle que actúe para adecuar este Real Decreto, atopámonos con que máis dun lustro despois as alegacións que presentamos no seu día seguen sendo válidas na súa maioría, tamén para o uso do prato invertido.
“Precisamente o Real Decreto de Nutrición Sostible dos Solos Agrarios, o que en Galicia coñecemos como o Real Decreto dos Puríns, é unha das normativas que máis nos afecta ás persoas gandeiras galegas. No resto do Estado é un Real Decreto que non lles preocupa o máis mínimo, dado que a maioría son agricultores e agricultoras que fertilizan con fertilizantes químicos. Pero a realidade galega é outra. Aquí hai moitas gandarías de carácter familiar, que non son capaces de cumprir este Real Decreto en cuestións como a maquinaria a introducir, o plan de abonado, o plan de fertilización, o asesor de fertilización, etc.”, abonda Ana Rodríguez.
Efectivamente, as modificacións que se propoñen neste momento para a xestión burocrática consisten simplemente en atrasar a entrada en vigor, non en adaptarse á realidade dos distintos tipos de granxa.
“Polo tanto, este RD segue sendo unha norma moi complexa, que require coñecementos especializados e que nos toca asumir a todas as granxas con superficie, sexa cal sexa a dimensión, a carga gandeira ou a orixe da fertilización orgánica. Máis gastos, máis burocracia, máis papeis, máis carga a engadir á xornada laboral das pequenas e medianas granxas galegas, que de por si xa temos un traballo: o de producir alimentos”, explica.
Así, tampouco se adecúan as esixencias de contar con asesoramento técnico en materia de fertilización -do que se exclúen as granxas que non teñen que facer plan de adubado-, senón que simplemente se demoran, pasando a ser obrigatorio un ano despois da entrada en vigor da obriga de elaborar un plan de abonado para as granxas situadas en zonas vulnerables; dous anos para o resto.
Outra cuestión na que non se avanzou nada, e é moi preocupante, é o anexo VIII, que permite o uso de lodos e residuos como materiais fertilizantes nas terras.
Atopámonos, polo tanto, ante a inminente aplicación dunha norma que prexudica ás granxas galegas, ao que a Consellaría podería realizar modificacións subsanando estas consecuencias para o sector primario galego, pero ante o que non consta que teña feito absolutamente nada máis que mentir a través dos medios de comunicación.
“Se fai máis de medio ano cuestionabamos a existencia real da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia, habida conta da súa inacción e a negativa a convocar mesas de traballo ou establecer interlocución directa con tódalas organizacións agrarias, a situación actual é inda máis desconcertante, incrementando a incertidume e vulnerabilidade do sector primario galego”, advirte Rodríguez. “Solicitamos, unha vez máis, que a CMR informe publicamente das súas actuacións con respecto ao RD 1051/2022, así como todas aquelas consideracións ao respecto da súa adecuación para as pequenas e medianas granxas galegas”.