211222

22/12/2022

Produtores/as en ecolóxico e de zonas desfavorecidas maniféstanse fronte ao Parlamento convocadas polo SLG

O conselleiro segue sen asumir responsabilidades, mentindo e buscando excusas para non activar as axudas necesarias. Campaña de mobilizacións para esixir medidas para as granxas discriminadas pola CMR no acceso ás axudas públicas

Produtoras e produtores en ecolóxico e de zonas desfavorecidas, afectadas pola neglixente xestión de fondos públicos da Consellaría do Medio Rural que ameaza con excluír destas axudas a milleiros de explotacións galegas, concentráronse este mediodía diante do Parlamento Galego (Santiago de Compostela) no marco da xeira de mobilizacións convocadas polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas que deron inicio o pasado venres 16 de decembro en Lugo.

Dende a concentración realizada ás portas do Parlamento, a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, trasadou aos medios de comunicación as claves da mala praxe por parte da Consellaría do Medio Rural que está a impedir o desenvolvemento duns sectores considerados cruciais polas institucións a nivel europeo e estatal para garantir unha alimentación san e de calidade, un medio rural poboado e vivo, así como o cada vez máis urxente coidado do noso medioambiente. Vilalba tamén chamou a seguir sumando forzas con outros colectivos, como organizacións agrarias, gabinetes técnicos e outro tipo de entidades que tamén traballan neste ámbito, de cara a seguir reforzando a presión á Xunta de Galicia nas mobilizacións que van seguir tendo lugar ao longo de todo o país.

Posteriormente, a Secretaria Xeral do SLG e unha delegación de produtoras asistiron á presentación dunha pregunta parlamentaria realizada polo BNG e o PsdG. “Na súa resposta, o Conselleiro do Medio Rural o único que fixo foi confirmar que segue sen pór solucións e sen asumir responsabilidades. É un especialista en buscar excusas para o único real, que é o feito de que non está a pór as axudas necesarias para que o sector ecolóxico se desenvolva neste país, un territorio no que, malia ao noso extraordinario pontencial, só temos un 5,15% da Superficie Agraria Útil en ecolóxico, moi lonxe do obxectivo do 25% para 2030 establecido na Unión Europea”, criticou Isabel Vilalba.

Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos absolutamente inaceptable a intención da Consellaría do Medio Rural de debilitar ao sector produtor en ecolóxico e zonas desfavorecidas escudándose na súa propia neglixencia á hora de programar a xestión destes orzamentos públicos. A Xunta de Galicia conta xa con sentenzas xudiciais que confirman a manipulación do reparto de fondos públicos para derivalos ao modelo agroindustrial de explotacións intensivas, discriminando e impedindo o acceso das pequenas e medianas granxas ás axudas ás que teñen dereito.

Habida conta destes precedentes, existe arestora unha crecente alarma entre as produtoras e produtores, que ven perigar a viabilidade das súas explotacións no sector ecolóxico ante as informacións, saídas da propia Consellería, da falta de máis de 2 millóns de euros para facer fronte ao total de solicitudes para a línea de ecolóxico da PAC 2022.

Dende o SLG-CCLL demandamos a subsanación inmediata das consecuencias da ausencia de planificación por parte da CMR, ampliando a partida adicada á produción ecolóxica garantindo que todas as persoas solicitantes podan acceder a este pago e que baixo ningún caso poida ser un motivo de denegación a falta de fondos, así como a rectificación urxente e inclusión para o novo periodo da PAC (2023-2027) dos pagos para zona desfavorecida (pagos distintos as zonas de montaña) ao total dos concellos calificados como tal.