
06/03/2025
Produtores/as de Faba da Mariña, coa Secretaria Xeral do SLG, participarán nun encontro organizado por COAG Asturias en Navia
Perdas de ata o 80% debido ás pragas provocadas pola humidade e a calor poñen en risco a viabilidade do sector produtor de faba. Animamos ás produtoras/es galegas e asturianas a participar nesta xuntanza que terá lugar mañá, venres 7, ás 12h. en Navia
A situación crítica que atravesan os produtores e produtoras de faba é unha evidencia que vimos poñendo de manifesto desde hai meses, con perdas do 80% das colleitas debido ás pragas provocadas pola humidade e a calor.
Este feito afecta por igual á produción en Galiza, nomeadamente na comarca da Mariña, e en Asturias.
A idéntica situación que se dá nos dous territorios propiciou este encontro no que van participar produtoras de ambas marxes do Eo, entre elas a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, que tamén é produtora de faba de Lourenzá.
O que COAG Asturias pretende con esta reunión é crear un Grupo de Traballo para consensuar propostas e accións en aras de defender os intereses do sector que viven unha situación de incerteza que os leva ao peche se desde as Administracións non se toman medidas inmediatas e urxentes.
A reunión vai ter lugar mañá, venres 7 de marzo, no Liceo de Navia ás 12 horas, e desde aquí animamos a todos os produtores e produtoras a participar e crear unha forza común en defensa de dos intereses da faba asturiana e galega.
Imaxe: Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). Dispoñible en: https://www.g24.gal/-/os-produtores-da-ixp-faba-de-lourenza-perderon-mais-do-80-por-cento-da-colleita