PresentaciónForoLabregoAgroeco

17/01/2025

Presentación do VII Foro Labrego de Agroecoloxía

Esta primeira edición en Lugo terá lugar do 1 ao 2 de febreiro na Casa da Terra e na Casa da Cultura de Antas de Ulla. Políticas públicas para impulsar a agroecoloxía e experiencias labregas de contra Altri e outros megaproxectos, eixos principais

Na mañá de hoxe a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba Seivane, o apicultor lugués e membro da Executiva Nacional do SLG, Brais Álvarez López e o deputado da área de Medio Rural e Mocidade, Daniel García Fernández, presentaron en rolda de prensa o VII Foro Labrego de Agroecoloxía, que por vez primeira terá lugar na provincia de Lugo.

Os días 1 e 2 de febreiro a Casa da Terra e a Casa da Cultura de Antas de Ulla acollerán este espazo, que terá como eixos centrais a análise e deseño de políticas públicas que permitan o avance da produción agroecolóxica, a visibilización da loita contra Altri-Greenalia dende unha perspectiva labrega e agroecolóxica e coñecer de primeira man experiencias labregas na defensa da terra fronte megaproxectos noutros territorios.

O sábado pola mañá transcorrerá cunha visita guiada á Feira Vella de Monterroso, onde xantaremos. Ás 15.45h tarde terá lugar a recepción e benvida, a cargo da Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, e Daniel García, deputado da Área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entidade financiadora desta convocatoria.

A mesa “A Ulloa, unha comarca en equilibrio” encetará a posta en común derredor das seguintes temáticas: “Defendendo a terra e a produción de alimentos sans”, a cargo de Isabel Vilalba; O impacto da celulosa e os contaminantes na saúde”, ca intervención en liña da neurocientífica do Texas Medical Center (Houston, EEUU) Sonia Villapol; O Impacto socioeconómico dos megaproxectos industriais”, que será exposto polo investigador do CISPAC Xavier Simón e O impacto de Altri no territorio e na produción de alimentos”, introducido por Alejandro García, gandeiro de Cachenas Cas Fidalgo e activista na Plataforma Ulloa Viva.

Logo dun descanso retomaremos a sesión de tarde centrándonos en analizar como desenvolver a comarca da Ulloa dende a agroecoloxía. Coñeceremos experiencias que xa están en marcha, como o programa rural de Educación Infantil e Primaria “Da Escola á Granxa”, que será presentado por Carlos Rodríguez; a continuación Eva Quiroga, coordenadora e dinamizadora do proxecto “EoAlimenta: a Estratexia Alimentaria Participativa da biorrexión do Eo” explicará as claves desta iniciativa, na que tamén participamos como SLG. Marijo Imaz Gurrutxaga achegará dende Euskal Herria a experiencia do Servizo de Dinamización Local Agroecolóxica de Orduña, Ekoizpen; Ignacio Maestre e Soraya Valiente García pecharán esta parte dando conta do proxecto "Ruralitud, recursos para o emprendemento rural".

Como non podía ser doutro xeito, esta primeira xornada rematará cunha cea agroecolóxica, que terá lugar na Casa da Terra de Antas de Ulla.

O domingo pola mañá dará comezo cun faladoiro labrego na Casa da Cultura de Antas de Ulla, baixo o título Megaindustria é destrución: Experiencias de loita e resistencia”. Andrea González tratará a loita contra Alcoa, Loli Rodríguez a da mina de Corcoesto, Sergio Louzao a da mina de Touro e Lois Varela a loita contra Altri-Greenalia.

Seguidamente, ás 12h. terá lugar a preestrea do filme “O Ulla si, un proxecto audiovisual colectivo para reprensar o presente e o futuro do Ulla”, e debate posterior. O xantar ás 14h. consistirá en petiscos agroecolóxicos.

Ás 15.30 retomaremos a sesión da tarde cunha visita guiada a cargo de Xurxo Mouriño, biólogo e activista da Plataforma Ulloa Viva, que porá fin a esta sétima edición do Foro Labrego de Agroecoloxía.