Na tarde de onte, o SLG celebrou unha asemblea do sector vitivinícola en Arbo para debater a situación da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas e do sector en xeral.
Desmentimos o bulo de que se queren baixar rendementos por hectárea dentro da DO na presente campaña.
Advertimos da problemática que pode ter a futuro a DO en canto ás existencias e propoñemos medidas reais para protexer as persoas viticultoras.
Condado, 14 de marzo de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLC-CCLL) celebrou na tarde de onte, 13 de marzo, unha asemblea do sector vitivinícola en Arbo para debater a situación da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas e do sector en xeral. Máis de sesenta viticultores do SLG, da subzona do Condado, reuníronse para analizar a campaña anterior e para desmentir o bulo de que se queren baixar rendementos por hectárea dentro da DO na presente campaña. Participaron na xuntanza as persoas vogais do SLG no Consello Regulador Rías Baixas, José Antonio Presa -coñecido como Pancho, primeiro vogal- e Cristina Carrera -segunda vogal-, viticultoras da zona do Condado, canda o Secretario de Acción Sindical, Brais Álvarez López e responsábeis comarcais do SLG na zona, como é o caso de Rosario Dominguez.
Posíbeis problemas das existencias
José Antonio Presa expuxo diante das persoas viticultoras presentes na asemblea os datos tanto de quilo de uva recollida como de viño producido na DO o ano pasado e os anos anteriores. Nese senso, constatouse que o aumento das hectáreas que se plantaron nos últimos anos -como xa temos denunciando en diversas ocasións dende o Sindicato Labrego Galego como acontece agora mesmo cos macroviñedos na zona do Ulla-, levan á DO a unha situación de indefensión onde cada vez existe máis existencias. “O almacenamento continúo de existencias pode provocar problemas de futuro que fagan que o prezo que perciba a persoa produtora baixe”, asegurou o vogal do SLG no Consello Regulador Rías Baixas.

Proposta do SLG
No regulamento da DO fíxase que a cantidade máxima que vai entregar cada persoa viticultora por hectárea son 12.000 quilos de uva, e o prego de condicións recolle que en situacións excepcionais se pode aumentar esa cantidade de 12.000 nun 25% máis. Dende o Sindicato Labrego Galego, de cara a vindeiras campañas futuras -e tal como se presenta o mercado- debateuse onte na asemblea das persoas viticultoras do SLG, que se hai problema de existencias, cando este supere un tanto por certo, tamén se poida, co fin de preservar o prezo, baixar as existencias na mesma proporción que se pode subir, para que figure esta condición no regulamento polo que poida acontecer no futuro coas viticultoras da DO. Contemplándose, que, en todo caso, isto se valorará sempre en base á campaña en curso e en base ás existenciais. “Rías Baixas durante moitos anos buscou calidade, e agora hai grandes bodegas dentro da DO que están buscando máis cantidade que calidade. Agora mesmo xa se vive unha situación á baixe dos prezos, e estes xa non permiten cubrir custos de produción, e se imos a unha situación onde haxa moitas existencias, pois é a lei da oferta e da demanda”, engadiu Presa. Esta proposta busca a protección das persoas viticulturas nun contexto global onde estamos á asistir á baixada do consumo de viño.
Medidas reais
Ademais, tamén se falou de incluír no regulamento medidas reais para, no caso de que se chegue a unha situación de existencias, as bodegas contribúan a que non colapse a DO. “Logo de analizar os datos dos últimos anos, no SLG vimos que hai un aumento na produción pero non na venda, polo que valoramos engadir no regulamento medidas para regular a produción e a porcentaxe de mosto que poden sacar as bodegas por quilo de uva para contribuír entre todas as partes a que non colapse a DO”, afirma o Secretario de Acción Sindical, o apicultor Brais Álvarez. Doutra banda, tamén se analizou a situación da cantidade de 12.000 quilos uva por persoa viticultora que recolle o regulamento actualmente. Viuse que na subzona do Condado -onde tivo lugar a asemblea- os datos da DO reflicten que esta cantidade por viticultor cúbrea produción que teñen por hectárea. “Na DO hai que ter en conta todas as realidades e por iso nos parece máis xusto poder abrir a posibilidade de aumentar un 25% – como xa está- pero tamén un 25% por abaixo polo que poida pasar no futuro. A idea é preservar a DO e que non colapse e ver que é mellor ir cara á calidade no lugar de cara á cantidade”, esclareceu Álvarez.
Lei da cadea
Alén diso, puxéronse sobre a mesa outras medidas adicionais que consideramos importantes no Sindicato Labrego Galego para garantir que o prezo que percibe a persoa produtora cubra custos de produción. “En canto á lei da cadea, aprobouse a proposta do Sindicato Labrego Galego de loitar por constituír mesas de prezo vinculantes dentro das Denominacións de Orixe onde se fixen os custos de produción, máis unha porcentaxe á alza para que se garanta un salario digno e o prezo mínimo que lle teñen que pagar á produtora. Isto parécenos unha parte moi importante para garantir prezos e ingresos, tendo en conta que os ingresos dos viticultores e das viticultoras hai que garantilos a un prezo moi por riba dos custos de produción e non por producir quilos, e priorizar a calidade por riba da cantidade por produtora”, aseverou o Secretario de Acción Sindical do SLG.

Proposta da PAC do SLG
Doutra banda, explicóuselle ás persoas viticultoras presentes na asemblea a proposta da PAC para o período 2028-2034 do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas -que se dará a coñecer aos medios de comunicación en rolda de prensa o vindeiro luns 16 de marzo no local nacional do SLG en Compostela-, que vai encamiñada a ser unha axuda á renda e non estar baseada na superficie. Trátase dunha proposta que inclúe á totalidade dos viticultores de todo o país, e foi ben acollida polas persoas asistentes. “En épocas de crise, as mesas de prezos e un bo regulamento interno da DO son mecanismos que garantirán os ingresos das persoas viticultoras. Expuxéronse exemplos de proxecto vitivinícolas explicando como lles afectaría a proposta do SLG en relación á PAC”, afondou Brais Álvarez.
Preocupación polo acontecido na Ribeira Sacra
Para finalizar, dende a nosa organización advertimos da problemática que pode ter a futuro a DO. Nese senso, preocúpanos que se nun ano a capacidade de almacenamento é superior á que se vende, poida pasar o que pasou na Ribeira Sacra, que de repente se deixe de recoller a uva ou que esta se compre á metade de prezo, cuestión na que levamos loitando dende o Sindicato Labrego Galego e así seguimos facendo para manter o futuro das e dos pequenos viticultores e viticultoras de Galiza.