26/04/2024
Por que se está a ralentizar a cadea de distribución de vacún de carne na Galiza?
Varias gandarías de vacún de carne advirten demoras de até 8 días en levarlles os xatos aos matadoiros. Pedimos á Consellaría de Medio Rural que aclare se se están a pór en circulación xatos conxelados e explique o motivo
Nas últimas semanas varias gandarías reportaron ao Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) problemas na cadea de distribución de vacún de carne. Concretamente estanse a producir demoras na recollida dos xatos nas granxas para o seu traslado aos matadoiros, en ocasións de até máis dunha semana.
Con esta situación, preocupadas pola posibilidade dun funcionamento deficiente da cadea, son varias as posibilidades que están a barallar as gandarías, sen que a Consellaría do Medio Rural (CMR) estea a aportar información que concrete estas circunstancias.
Dende o SLG solicitamos á CMR que aclare se estes atrasos efectivamente se deben a que os matadoiros están saturados e acumulan demoras de días e, de ser así, cal é o motivo desta saturación. Tamén hai rumores de que, ante a imposibilidade de fornecer carne fresca abondo ao mercado, estanse a pór en circulación xatos conxelados, polo que consideramos que cómpre que a CMR se pronuncie sobre a realidade desta hipótese canto antes.
As gandeiras e gandeiros sinalan tamén que, de non ser atallada con celeridade, en poucas semanas esta problemática vaise agravar. Até o 31 de maio pode haber liberdade de movementos de animais, pero a partir desa data será preciso que as reses teñan administrada a vacina da lingua azul. Sen embargo, moitas zonas están inda sen vacinar -e nas zonas vacinadas está a haber unha alta incidencia de efectos secundarios-, o que pode repercutir en que máis gando do habitual sexa levado a matadoiro ante as posibles dificultades para movelo a partires do 31.
Canda a incertidume de non saber cando van ser recollidos os animais para o seu traslado aos matadoiros, no sector tamén medra a inseguridade con respecto á axuda de 200€ anunciada pola Consellaría para aqueles xatos marcados co selo nos matadoiros da IXP Vacún de Galicia, xa que polo dagora non temos constancia de que fora percibida por ningunha granxa.
Lembrar tamén que, xa no momento no que foi dada a coñecer, dende o Sindicato Labrego Galego advertimos de que esta medida podía dar lugar a unha discriminación das granxas que fan venda directa ou circuítos curtos de comercialización, e que polo tanto non necesariamente empregan os matadoiros con selo da IXP, podendo este agravio comparativo provocar o aumento de granxas que decidan sacrificar nos matadoiros da IXP.
Pedimos polo tanto á Consellaría que se pronuncie o antes posible para concretar cales están sendo os motivos da ralentización da cadea de distribución do vacún de carne e pór solucións; aclarar en que medida a campaña de vacinación da lingua azul pode afectar a estas dinámicas comerciais e indicar en que data contempla abonar as axudas de 200 euros por xato sacrificado nos matadoiros da IXP anunciada fai catro meses.