10/04/2024
Por que o Conselleiro do Medio Rural José Vázquez négase a responder ás solicitudes de xuntanza para falar sobre as prevalencia de tuberculose bovina na Galiza?
Concentración ante a CMR polo plan de saneamento, contra o sacrificio obrigatorio de animais e as indemnizacións de miseria. Ao contrario do que trasladou a través dos medios, a Consellaría non accedeu a reunirse ca granxa de Manzaneda afectada
Como anunciamos o pasado 26 de marzo en Ourense, dado que o Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, non quixo sentar a falar co Sindicato Labrego e segue sen respostar ás solicitudes de entrevista para abordar a problemática do baleirado sanitario das granxas galegas, esta mañá concentrámonos diante da Consellaría do Medio Rural (CMR) en Santiago de Compostela "Polo plan de saneamento fronte á tuberculose bovina e contra o sacrificio obrigatorio de animais sans e as indemnizacións de miseria".
Dende a mobilización a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a tamén gandeira Isabel Vilalba Seivane, reiterou o apoio á granxa de Manzaneda á que obrigaron a sacrificar tódolos seus animais no mes de marzo, e subliñou que a día de hoxe non houbo ningún tipo de reunión por parte da Consellaría cos gandeiros afectados: “nin sequera se reuniron ca granxa de Manzaneda para indicarlle que dereitos económicos ten ou incluso cal é o procedemento para esta granxa para a entrada ou saída de animais, pese a que o conselleiro dixo que Jorge Mourelo, subdirector xeral, si que ía a falar con eles; entón, isto non se deu e segue sen darse”.
Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do SLG, diante dos Edificios Administrativos da Xunta de Galicia, Compostela.
Na mesma liña, Xosé Manuel Parente (SLG-CCLL Ourense), lamentou a deixadez de responsabilidades na que está enrocada a Consellaría malia á crecente preocupación no agro galego: “O triste é que parece ser que imos seguir sen resposta porque non se quere reunir co Sindicato Labrego. O único que fai é intercambiar notas de prensa nos periódicos. É lamentábel que ante esta situación na que están aparecendo casos de positividade e se fan baleiros sanitarios ninguén da Administración sexa capaz de sentar a falar cos titulares das explotacións que están vendo como as súas vidas están rompendo”.
Labregas e labregos concentradas hoxe pola mañá diante da Xunta de Galicia.
A Secretaria Xeral do SLG-CCLL voltou incidir en que a catalogación prevalencia 0 de tuberculose bovina na Galiza declarada dende o ano 2022 -malia estar constatada cientificamente a súa presenza en reservorios de fauna salvaxes- está a carrexar graves consecuencias para as granxas do noso país: “a primeira é matar animais sans, moitos animais sans, o cal non vai levar a ningunha situación de erradicación da enfermidade nin de un mellor control. A outra cuestión é que as indemnizacións son totalmente insuficientes para que estas granxas continúen, é dicir, significa para moitas pechar dun día para outro”.
Vilalba tamén chamou a atención sobre o contraditorio desta medida: “mentras tanto, ás granxas ca mesma situación pero en territorios con prevalencia superior só se lles sacrifican os animais positivos. É dicir, podemos chegar ao caso de que nunha granxa galega á que lle acaben de matar tódolos animais entre gando novo doutra na que tamén se detectou un positivo, pero nun territorio con prevalencia superior. É totalmente absurdo e discriminatorio para Galiza. Querémoslle preguntar ao conselleiro se nunha desas granxas que lle gusta a el visitar, de 400 ou 500 animais, se cando apareza o primeiro positivo van matalas todas tamén ou se so esta cuestión lle parece ben cando son granxas máis pequenas”.
Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos ao Conselleiro José González Vázquez que deixe de mirar cara outro lado e faga o seu traballo, cumprindo ca responsabilidade de establecer dun diálogo directo inmediato co sector para abordar a gravidade do escenario actual. “Volveremos aquí a Santiago e iremos onde faga falta, apoiando ás gandeiras e gandeiros galegos e demandando que se cambie o actual modelo de saneamento gandeiro, do que o único beneficiado é a propia Consellaría, que en lugar de facer campañas de saneamento anual pode atrasalas até tres anos, iso si, logo as gandeiras e os gandeiros pagan as consecuencias. Conselleiro: máis sanear e menos matar”, conclúe Xosé Manuel Parente.
MÁIS SANEAR E MENOS MATAR!!AS PERSOAS LABREGAS ESIXIMOS RESPECTO!!