AlegaciónsMinaTouroOPinoNON-locais

17/12/2024

Poñemos a disposición os locais do SLG para alegar á mina de Touro-O Pino. Animamos a toda a cidadanía a visibilizar a súa oposición a este proxecto

Debido ás queixas por non poder acceder á documentación ambiental pública, a Xunta tivo que ampliar prazo de alegacións. Esta mina altamente contaminante e as malas prácticas de Cobre San Rafael son unha ameaza para toda a sociedade galega

Compostela, 17 de Decembro 2024. Debido a erros na ligazón de descarga da documentación sometida a información pública, concretamente no acceso ao arquivo «EsIA37_Anexo 35_CARTOGRAFÍA AMBIENTAL.pdf» incluído na carpeta «4-Estudio ambiental», hoxe foi publicado un novo prazo de presentación de alegacións ao proxecto de reapertura da explotación dunha mina de cobre nos concellos de Touro, O Pino e Arzúa (A Coruña) e Vila de Cruces (Pontevedra) por parte da multinacional Atalaya Mining, solicitada a través da súa filial, a controvertida sociedade Cobre San Rafael. Ábrese un prazo de 30 días hábiles a contar a partir de mañá.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) poñemos a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Mina Touro-Opino Non. Estas poden ser presentadas a través dos rexistros ordinarios da Xunta e Concellos -en calquera, inda que a persoa non estea empadroada ou non sexa un concello afectado de xeito directo-, así como pola Sede Electrónica da Xunta de Galicia. As alegacións tamén poden ser rexistradas en nome doutra persoa.

A fin de dinamizar a participación da cidadanía, dende o Sindicato Labrego Galego facilitamos como punto de entrega de alegacións os nosos locais en toda Galiza.

Entre outras accións de denuncia, o Sindicato Labrego tamén elaborou un mapa ca zona de afección da mina, e dende varias organizacións sociais difundimos un folleto informativo cas principais ameazas para a saúde humana e medioambiental implícitas neste proxecto e un acceso directo ás alegacións a través dun QR -adxuntamos documento-.

O único motivo polo que esta mina que non quere a veciñanza, que ten motivado manifestacións masivas, e que entre outros organismos públicos foi apercibida até polo Valedor do Pobo, é o rechamante apoio que lle dá a Xunta de Galicia. O pobo galego temos que facer forza unha vez máis. Esta campaña de alegacións é moi importante, non so para a veciñanza de Touro-O Pino, que levan anos loitando contra este proxecto industrial altamente contaminante, senón para toda a sociedade galega -enfatiza a coordenadora da loita contra o acaparamento de terras no SLG, a chairega Margarida Prieto-. Neste momento temos empresas mineiras solicitando explotación de recursos por toda a xeografía galega, dende Ourense até a Terra Chá. Cada mina que se pare será un paso adiante e un importante apoio para todas as comarcas ameazadas. Todos e todas estamos chamadas a alegar contra o destrutivo plan de negocio de Atalaya Mining e Cobre San Rafael, é unha loita na defensa da nosa terra, do noso futuro como país e como pobo”.

Marcado por unha forte oposición social, este vello proxecto de reapertura foi denegado en 2020 polas graves afeccións aos recursos hídricos, protagonizando nestes últimos anos reiterados episodios de vertidos contaminantes, aliás de contar xa a día de hoxe cunha xigantesca balsa de residuos mineiros contaminantes catalogada como de risco moi elevado debido ás súas posibilidades de rotura. Ademais, este novo proxecto formúlase en máis de 800 ha de terreo, superando case en 200 ha o que collería a mina, entre os que se atopa solo urbano que, segundo o PXOM do concello de Touro, non conta entre os seus usos permitidos o da actividade mineira.

Como temos reiterado en numerosas ocasións dende o SLG, na contorna dos terreos cobizados por esta empresa para exportar cobre a China, existe unha economía diversificada entre multitude de sectores como o agroalimentario, gandeiro, forestal, servizos, comercio ou turismo. Abrir a mina de Touro significaría que a propia Xunta de Galicia non nos permita vivir das nosas granxas, dos noso pequenos negocios, etc. para que unha empresa con longa traxectoria de nefastas praxes ecolóxicas se lucre a costa da nosa saúde e a destrución da natureza.

Pasquín informativo