17/04/2023
Políticas Locais para a Transición Agroecolóxica e a Soberanía Alimentar
Conmemoramos o Día das Loitas Labregas, convocado pola coordenadora La Vía Campesina Internacional dende o ano 1996. A soberanía alimentar e a agroecoloxía xa son o presente, e único camiño para un futuro sustentábel social e medioambientalmente
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), organización integrante da coordenadora labrega internacional La Vía Campesina (LVC), participamos este ano na convocatoria anual de mobilizacións en conmemoración do Día das Loitas Labregas, realizada por LVC dende o ano 1996 en lembranza da masacre do Dourado dos Carajás (Brasil).
A través da xornada “Políticas locais para a transición agroecolóxica e a soberanía alimentar”, que tivo lugar durante toda a mañá de hoxe na Aula da Natureza de Toques (A Coruña), dende o SLG procuramos fornecer un espazo de diálogo e debate que, a través de análises completadas con experiencias prácticas, contribúa a avanzar na visibilización e desenvolvementodo do modelo labrego agroecolóxico de produción de alimentos a través das políticas públicas, co obxectivo de transitar cara a soberanía alimentar dos pobos.
A Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba, abríu a xornada cunha intervención na que chamou a atención sobre o feito de que a alimentación, tanto no relativo á produción de alimentos como aos seus modelos de distribución, non ocupa, malia á súa importancia trascendental para a cidadanía, unha posición relevante nos programas políticos das formacións que concurren ás eleccións municipais que terán lugar o vindiero mes de maio, estando ausente por completo na meirande parte deles.
A seguir, Vilalba presentou o Pacto de Milán de Políticas Alimentarias, asinado durante a celebración do Cumio do Cambio Climático celebrado nesta cidade italiana no 2015, identificándoo como unha ferramenta na que as administracións públicas se poden apoiar para avanzar no desenvolvemento de sistemas alimentares sustentables, inclusivos, seguros, resilientes e diversificados. A través da súa asunción, os gobernos locais comprométense a proporcionar á poboación unha alimentación saudábel para as persoas e o medioambiente, accesíbel a tódalas persoas. Esta ferramenta de traballo establece un marco de acción baseado nos dereitos sociais, procurando mellorar de xeito significativo na conservación da biodiversidade, mitigando os efectos do quecemento global e reducindo o desperdicio de alimentos.
Avanzando na aproximación a este tipo de políticas alimentarias dende o local como unha cuestión transversal a ámbitos esenciais da acción da administración pública, como é non só o da propia alimentación, senón tamén da saúde, a educación ou a sostenibilidade económica e social, a continuación Nuria Alonso Leal, en representación da Fundación Entretantas, puxo en valor a celebración de xornadas como a de hoxe, na que poder traballar dende a voz das labregas e labregos.
Ao tempo que fixo fincapé na importancia dos procesos de diagnose previa á elaboración das políticas públicas en xeral e das alimentarias en particular, Nuria Alonso presentou a Rede de Municipios pola Agroecoloxía, unha iniciativa participativa na que os seus membros desenvolven colectivamente os seus obxectivos, plans de acción e modelo de funcionamento, ca premisa de axudar ás administracións a construír sistemas locais que garantan unha alimentación saudábel, sostíbel e accesíbel ao conxunto da poboación potenciando a xeración de emprego local.
A segunda parte da xornada, articulada baixo o epígrafe “Experiencias locais que camiñan cara a soberanía alimentaria”, deu paso á presentación de realidades para ter como referencia práctica na aplicación de estatexias políticas que permitan avanzar na consecución deste dereito para os pobos.
Eva López Quiroga, técnica superior de xestión do Proxecto Eo Alimenta, deu conta deste exitoso proceso, recoñecido o ano pasado co premio Cidades e Pobos que Alimentan, da noemada Rede de Municipios pola Agroecoloxía. Esta iniciativa, da que formamos parte activa como Sindicato Labrego Galego, procura acadar para a Biorexión Eo un plan que permita articular a produción a pequena escala e/ou agroecolóxica coa extensión de redes e/ou diferentes modelos de comercio local local. Pola vía da diversificación dos sistemas alimentarios neste territorio e a autosuficiencia, a estratexia Eo Alimenta contribúe á transición cara a unha sistema alimentario máis sostible no territorio, centrándose en lograr a participación da sociedade no desenvolvemento colectivo deste plan agroalimentario.
Seguidamente, Eva González Pérez, xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia Arnoia, presentou a ferramenta Aterra, que a través do visor aterra.gal procura desenvolver un modelo de acceso á terra que poda ser replicable noutros concellos galegos. A través desta aplicación, completada por unha rede de axentes locais acompañada por un equipo técnico, as persoas que precisan terras poden acudir para localizar un territorio axeitado á súa produción de alimentos, ao tempo que persoas que dispoñen de terras poden ofrecelas tamén a través desta ferramenta, a fin de pór fin ao abandono das terras agrarias no noso país.
Inés Vieites, dinamizadora agroecolóxica no Mercado da Biosfera de Allariz, activo dende o ano 2012, deubullou os numerosos aportes da comercialización de alimentos a través da venda directa das produtoras ás consumidoras nos espazos das feiras e mercados. O control das labregas sobre o prezo dos seus produtos, a posibilidade de proporcionar unha alimentación de calidade sá e de calidade a un prezo mesmo máis asequible que o que a día de hoxe se poden atopar nas superficies comerciais da grande distribución, son algúns dos aportes deste modelo. Son salientábeis tamén os beneficios dos circuitos curtos de comercialización de alimentos no tocante á conservación de terras adicadas á produción de alimentos, así como as repercusións positivas cara ao medioambiente -ao eliminar cuestións como a inxente cantidade de plásticos e materiais que emprega o modelo agroindustrial-, así como para o benestar emocional, ao constituír un espazo de relación social e coidados.
A concelleira de Novas Tecnoloxías e Emprego de Brión, Guarina Rey Vázquez, presentou o proxecto de obradoiro compartido de transformación alimentar activado no ano 2020 polo propio Concello: Transformando en Brión, que conseguíu contribuír a mellorar a economía familiar promovendo o produto local próximo e de confianza, atendendo á demanda actual de produto caseiro e ecolóxico, sendo o primeiro concello en fornecer un espazo destas características.
Esta proposta contribúe ao máximo aproveitamento da alimentación producida na contorna, axudando ás persoas labregas a desestacionalizar os seus produtos, proporcionando formación específica e instalacións que funcionan como cociña e obradoiro alimentar para que canda a venda do produto en fresco as produtoras/es podan tamén transformar, aproveitando os excedentes. Case un cento de persoas están participando deste proxecto, entre elas Esther Roca, produtora do obradoiro, que destacou na súa intervención os beneficios de poder participar nesta proposta colectiva.
Dende o Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, a súa xerente, Fe Álvarez Sánchez, reivindicou que é absolutamente imprescindíbel dar o paso cara sistemas agroalimentarios de baixa enerxía, que non é xa unha elección política, senón unha urxencia imposta polos límites do sistema. O sector da alimentación global consume arestora o 30% da enerxía, destacou Álvarez, pero un terzo dos alimentos rematan no lixo, polo que o sistema alimentario desenvolvido baixo as imposicións da globalización capitalista é absolutamente derrochador de enerxía.
Dende o GDR Montes e Vales Orientais trabállase tamén co obxectivo de activar unha estratexia alimentaria que permita recuperar o mosaico das nosas aldeas, buscando activar as terras agrarias arredor dos asentamentos poboacionais para precisamente producir alimentación para abastecer ás súas habitantes.
Case 80 entidades están implicadas nestes proxectos pequenos pero de grande incidencia, entre os que se atopan o selo Cociña de Ancares Terras de Burón e Grupo Operativo GayAS -que proporciona alimentos vinculando a gastronomía cas produtoras locais e a actividade turística-, ou o fornecemento de alimentos ecolóxicos para comedores escolares, acadando unha forte permeabilidade no territorio.
A xornada “Políticas Locais para a Transición Agroecolóxica e a Soberanía Alimentar” pechou cunha dinámica de traballo interno para a elaboración de novas propostas e futuro, finalizando ca realización dun xantar conformado por produtos agroecolóxicos.