O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Agrupación Apícola de Galicia, a Asociación Apícola Abellas Nais, a Asociación Casa do Mel, a Asociación de Apicultura Serra da Carba, Asociación Galega de Apicultura e a Asociación Provincial Lucense de Apicultores rexistraron esta mañá un manifesto conxunto para salvagardar o futuro do sector no edificio de San Caetano da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, baixo o lema Polas nosas abellas, polo noso futuro e pola nosa terra! Stop Velutina e o abandono institucional!
As organizacións asinantes deste manifesto solicitan ás administracións competentes que as demandas que se recollen no escrito sexan escoitadas e que se executen as accións oportunas para desenvolvelas, e agardan unha resposta, unha xuntanza e solucións específicas á problemática no prazo de 30 días. “Se en 30 días non hai solucións o sector valorará accións: se non hai solucións, mobilizacións!”, sinalaron.
As demandas do manifesto
Dese modo, tal e como se recolle no manifesto, os colectivos esixen ás administracións, en especial á Xunta de Galicia, a Fegamp e o MAPA, financiamento para investigación científica pública, compensacións económicas por perdas e sobrecustos, defensa do mercado local e etiquetado transparente, a creación dunha mesa permanente da Apicultura Galega, e a protección as abellas na PAC.
O cambio climático, a perda de biodiversidade, o encarecemento dos custos de produción, as importación de mel, a varroa destructor e, de maneira moi importante a invasión incontrolada da Vespa Velutina Nigrithorax (Vespa velutina) son as causas principais da crítica situación na que se encontra o sector, “esta tormenta perfecta na que corremos o risco de desaparecer se non se afronta como unha problemática social e un problema de toda a sociedade”, recoñecen.
As abellas, as gardiás invisibles do noso territorio
A apicultura en Galiza está a atravesar unha crise sen precedentes na que corremos o risco da desaparición de miles de colmeas por todo o territorio e, polo tanto, a desaparición das persoas abelleiras, custodios e custodias das mesmas e parte moi importante na conservación da biodiversidade e do noso medio rural.
A seguir, o manifesto:
POLAS NOSAS ABELLAS, POLO NOSO FUTURO E POLA NOSA TERRA!!
STOP VELUTINA E O ABANDONO INSTITUCIONAL!!
A apicultura en Galicia está a atravesar unha crise sen precedentes na que corremos o risco da desaparición de miles de colmeas por todo o territorio e polo tanto a desaparición das persoas abelleiras, custodios das mesmas e parte importantísima na conservación da biodiversidade e do noso medio rural.
O cambio climático, a perda de biodiversidade, o encarecemento dos custos de produción, as importación de mel, a Varroa destructor e, de maneira moi importante a invasión incontrolada da Vespa Velutina Nigrithorax (Vespa velutina) son as causas principais desta tormenta perfecta na que corremos o risco de desaparecer se non se afronta como unha problemática social e un problema de toda a sociedade.
As abellas son as gardiás invisibles do noso territorio. Mentres recollen o néctar e o pole sementan o futuro de Galicia. Cada colmea destruída pola Vespa velutina non é so unha perda económica para as persoas abelleiras, é un golpe directo o noso ecosistema. Coidar das abellas é a forma máis pura e urxente de coidar do noso medio ambiente, e ten que ser un compromiso social do conxunto da sociedade e das administracións. A día de hoxe a velutina é un problema social máis ala das perdas e danos que causa no noso sector, danos noutros sectores como a froita, o viño e mesmo no gando, risco para as persoas que vivimos no medio rural, as persoas labregas e as actividades forestais…
As persoas abelleiras sufrimos unha enorme carga física, psicolóxica e económica polos estragos que directa e indirectamente nos xera a vespa velutina nos nosos colmeares. Ademais sentimos a frustración de levar anos denunciando a situación e que ningunha administración poña solucións reais encima da mesa e se sente a traballar co sector co fin de garantirlle un futuro e minimizar a incidencia desta praga nas nosas vidas. O noso esgotamento e aguante está chegando ó límite. Á cada vez maior dificultade de obter un rendemento económico que nós permita ter unha vida digna, temos que sumarlle ver como todos os veráns e outonos a velutina nós mata colmeas, moitas veces diante dos nosos ollos, e sen poder facer nada, ou mantelas a costa dun enorme esforzo económico que compromete a nosa viabilidade económica.
As persoas abelleiras fomos as primeiras en investigar, deseñar defensas e conter a praga ante a lentitude institucional, pero estamos cansas e fartas de camiñar soas. Para evitar o abandono masivo das nosos proxectos produtivos esiximos a todas as administracións, en especial á Xunta de Galicia, a Fegamp e o MAPA as seguintes accións directas:
As organizacións asinantes deste manifesto solicitan ás administracións competentes que estas demandas sexan escoitadas e que se dean pasos para ir desenvolvéndoas, esperando unha resposta, unha xuntanza e solucións específicas á problemática antes exposta.
ASINAN:
Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Apícola Abellas Nais, Asociación Casa do Mel, Asociación de Apicultura Serra da Carba, Asociación Galega de Apicultura, Asociación Provincial Lucense de Apicultores e Sindicato Labrego Galego.