OutraLimiaÉPosible

20/10/2024

“Plantámonos” pecha o seu segundo encontro anual celebrado en Allariz co roteiro reivindicativo “Outra Limia é Posible”

O movemento Plantámonos/ Nos Plantamos, xuntou máis de 200 persoas de 50 colectivos de todo o Estado durante esta fin de semana en Allariz, Ourense, no seu segundo encontro estatal. O obxectivo foi fortalecer o movemento pola soberanía alimentaria con diferentes estratexias para avanzar cara un modelo de produción agroecolóxico. Para finalizar o encontro realizouse o roteiro “Outra Limia é Posible” no que se denunciaron as consecuencias da agricultura e gandería industriais para as persoas e a Natureza.

Imaxes do encontro 

Clips de vídeo

NP. 20/10/2024 - Logo dunha fin de semana marcada pola formación e articulación interna, a segunda xuntanza do movemento estatal Nos Plantamos/Plantámonos, que se vén celebrando en Allariz dende o venres 18 ata hoxe, finalizou cunha xornada protagonizada por un roteiro reivindicativo pola comarca da Limia co obxectivo de dar a coñecer de primeira man os impactos da gandería industrial.

Ao longo do encontro leváronse a cabo diferentes dinámicas e formacións co fin de establecer estratexias para denunciar os impactos sociais e ambientais do modelo agroalimentario e poñer sobre a mesa os vindeiros pasos para avanzar en colectivo cara unha transición agroeocolóxica no marco da soberanía alimentaria como alternativa á agroindustrialización da produción de alimentos.

Así, realizáronse talleres en materia de comunicación e estratexias de mobilización, nos que as persoas participantes articuláronse en grupos de traballo sobre temas específicos, como as loitas territoriais na defensa dunha alimentación sa e saudábel para as persoas e o medioambiente ou as ameazas sistémicas que dificultan o avance dos modelos de produción agroecolóxicos.

Hoxe, domingo, como parte final del encontro tivo lugar o roteiro “Outra Limia é Posible”. O grupo partiu ás 10.30h. da Torre da Pena -dende onde se pode observar unha panorámica do que foi a lagoa de Antela-, guiados polas explicacións do galego Serafín González -científico do CSIC estatal e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)-, que leva anos denunciando a contaminación por nitratos na Limia, elevando mesmo esta denuncia a institucións europeas, que constataron a existencia de prácticas ilegais na comarca.

De feito, xa no ano 2017 a propia Unión Europea notificou ao Estado español a apertura dun procedemento de infración da Directiva sobre nitratos (Directiva 91/676/CE do Consello) argumentando que “España non controla as súas augas de maneira efectiva, comprometendo a súa capacidade para revisar as zonas vulnerábeis aos nitratos e avaliar a eficacia dos programas de acción, limitando así a eficacia da lexislación”.

A lagoa de Antela foi un espazo de grande valor ecolóxico, non só para a fauna -nomeadamente aves-, senón que tamén con presenza humana e unha significativa actividade agrícola e gandeira, grazas precisamente á existencia desa zona húmida.

A desecación da mesma foi unha intervención destrutiva discorrida dende a lóxica agroindustrial, que non só non conseguiu reverter nin deter a perda de poboación na comarca, senón que ademais causou graves danos ambientais e deu lugar a un tipo de agricultura insustentábel no tocante ao emprego de auga e fertilizantes.

Tamén afectou ao coidado do solo, xa que desecar a lagoa deu lugar a unha grande superficie de terra areosa e pobre en materia orgánica, para practicar unha agricultura allea ao tradicional equilibrio co gando e o monte dos que se obtiña o esterco para os cultivos.

Ademais, logo desta desecación instaláronse unha grande cantidade de granxas intensivas, principalmente avícolas e de porcino, que supuxeron un novo golpe á auga en forma de sobreconsumo e contaminación debida á inxente cantidade de residuos xerados por esta actividade.

Mentres esta destrución medraba e se apoderaba do territorio, pequenas producións labregas diversificadas e iniciativas agroecolóxicas e de protección ambiental resistiron coidando da terra e achegando ás mesas alimentos sans, nutritivos, sustentables e de calidade.

O roteiro reivindicativo finalizou en Ponte Liñares, onde se fixo fincapé no grao de contaminación da auga deste río. Alí o gandeiro do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) Samuel Formoso achegou a perspectiva labrega sobre a problemática da Limia en particular, e do modelo agroindustrial en xeral, así como a alternativa que ofrece a agroecoloxía, e procedeuse á lectura das conclusións do encontro. O obxectivo desta visista foi, por unha parte, visibilizar os impactos da agroindustria a través do exemplo da comarca da Limia e, por outra, pór en valor que tamén hai producións labregas e agroecolóxicas que funcionan noutra lóxica.

Coincidindo co Encontro pola soberanía alimentaria de Plantámonos/Nos Plantamos en Allariz, activistas de diferentes colectivos achegáronse ás instalacións de Coren en Ourense para esixir unha transición agroecolóxica e denunciar o impacto da industria agrogandeira. As activistas despregaron pancartas nas inmediacións e devolveron á empresa 300 litros de puríns.

A agroindustria destrúe e meteunos en múltiples problemas que hoxe coñecemos como crise ecolóxica global, crise enerxética, despoboamento rural, agrotóxicos, perda de solo fértil, dificultade de aceso a auga doce potable...

Dende Plantámonos reivindicamos que a saída a estes problemas pasa por transformar o sistema agroalimentar en chave agroecolóxica: desintensificar, extensificar, reducir agrotóxicos, relocalizar a produción, transformación e comercialización de alimentos... É dicir pór a andar unha transición agroecolóxica co compromiso de todos os niveis de goberno e a implicación cidadá, porque a transición ecolóxica da que escoitamos falar tanto ultimamente non se producirá sen reconsiderar un elemento central como o sistema agroalimentario.

Reiteramos que é a agricultura familiar e social baseada na agroecoloxía a que dá cohesión social e vida ás zonas rurais, a que coida da biodiversidade agraria que produce alimentos sans e sostibles, e a que se desenvolve baixo un modelo agroalimentario socialmente xusto e sustentable, con perspectiva feminista e asentado en bases de economía social e solidaria. Sobre ese modelo de produción e consumo debe centrarse o desenvolvemento de sistemas alimentarios, para que realmente sexan sostibles e resilientes ante a crise ecosocial, climática e de biodiversidade que si está a causar os verdadeiros problemas do campo.