27/06/2024
PIEs: A fórmula da Xunta de Galicia para legalizar que determinadas empresas se enriquezan a costa de enfermar ás persoas e ao medioambiente
A declaración da contaminante mina de Touro como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) é un verdadeiro escándalo político. DIA negativa, sancións reiteradas, oposición social... A declaración PIE é violencia institucional contra a poboación
Nestes días a Xunta de Galicia vén de outorgarlle a categoría de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) á polémica mina de cobre a ceo aberto de Touro (Cobre San Rafael, Atalaya Mining), para deste xeito proceder á súa reapertura.
Como é sabido, esta é unha figura inventada ad hoc polo Goberno galego para saltarse requisitos medioambientais en proxectos especialmente lesivos para a saúde das persoas e do medioambiente e moi habitualmente cunha forte e consciente a oposición social aos mesmos. Neste caso a mina conta cunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa -aliás de varias sancións- e a propia empresa ten interposta unha demanda no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra o goberno autonómico.
Baixo a denominación PIE a Xunta de Galicia outorga privilexios a determinadas empresas, conectadas con elites económicas e/ou políticas galegas (non se coñece polo dagora a ningunha persoa autónoma ou pequena empresa á que lle declararan PIE algún proxecto), permitíndolle por exemplo expropiar de xeito forzoso as terras da veciñanza, acelerar a tramitación do proxecto ou limitar á metade do legal o tempo no que vai estar a exposición pública, poñendo deste xeito significativos impedimentos para dificultar que a cidadanía poda estar informada e defenderse dun plan de negocio industrial que prexudica gravemente á poboación e ao territorio.
En definitiva, a creación da declaración de proxecto industrial estratéxico é unha das evidencias máis claras da conivencia de determinadas persoas que ocupan cargos na administración galega cos intereses de determinadas persoas que ocupan cargos en certas empresas. Deste xeito, cando un negocio non vai polas boas, vai pola de proxecto estratéxico.
“Que se tome a decisión política de ignorar que a mina de Touro non cumpre os requisitos para a súa apertura é un auténtico escándalo” -cualifica a Responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG, Margarida Prieto Ledo- “O verdadeiramente estratéxico para este país, e para todos os países, son cuestións como a produción de alimentos sans e saudables ao alcance de toda a poboación. O verdadeiramente estratéxico sería declarar PIE a soberanía alimentaria, o acceso á auga ou o sanemaento das rías e ríos. O que foi e vai ser a mina de Touro xa o sabemos. Inda fai pouco máis dun mes Augas de Galicia iniciou un expediente sancionador polos vertidos industriais non autorizados procedentes dos terreos da mina con elevados indicadores de cobre e níquel nos ríos da contorna que desembocan no río Ulla. Nós non queremos iso. Queremos vivir nun medio rural saudábel e poder facer as nosas actividades económicas, sen ter a ameaza constante de que nos impoñan os intereses económicos de corporacións que poñen en risco o noso futuro”.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comsisións Labregas apoiamos a denuncia e a loita levada adiante pola Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, e reiteramos canda elas que precisamente nesa contorna existe unha economía diversificada entre multitude de sectores como o agroalimentario, gandeiro, forestal, servizos, comercio ou turismo, en especial o vinculado ao Camiño de Santiago. Abrir a mina de Touro significaría que a propia Xunta de Galicia non nos permita vivir das nosas granxas, dos noso pequenos negocios, etc. para que unha empresa con longa traxectoria de nefastas praxes ecolóxicas se lucre a costa da nosa saúde e a destrución da natureza.