Novas

  • Pequenas agricultoras e labregas piden aos ministros e eurodiputados da UE que se opoñan ao Acordo Comercial UE-Mercosur

    Pequenas agricultoras e labregas piden aos ministros e eurodiputados da UE que se opoñan ao Acordo Comercial UE-Mercosur

    • 18,Xul 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • ACORDO
    • AGRICULTORAS
    • LA VIA CAMPESINA
    • LABREGAS
    • sindicato labrego galego
    • soberanía alimentaria
    • UE-MERCOSUR
    • Dende o SLG amosamos a nosa total oposición a este acordo e animamos á poboación a trasladar estas demandas aos nosos gobernos a través da páxina web www.farmersunite.eu/

    • O acordo causaría danos irreversíbeis a sectores vulnerábeis da agricultura europea e poñería en perigo a soberanía alimentaria.

    O pasado 8 de xullo, a Coordinadora Europea Vía Campesina (ECVC) -da que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas fai parte- xunto co Consello Europeo de Xoves Agricultorxs (CEJA), o Comité de Organizacións Profesionais Agrícolas e a Confederación Xeral de Cooperativas Agrarias da Unión Europea (COPA-COGECA) e a Federación Europea de Sindicatos da Alimentación, Agricultura y Turismo (EFFAT), catro das principais organizacións europeas que representan a persoas produtoras e traballadoras do campo, enviaron unha carta conxunta instando ás persoas responsábeis políticas da Unión Europea (UE) a rexeitar o acordo comercial UE-Mercosur na súa forma actual.

    Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, como xa manifestamos en diversos comunicados, amosamos a nosa total oposición a este acordo de desregulación entre a UE e os catro países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai), que privilexia nos dous continentes o modelo agroindustrial en detrimento das pequenas e medianas granxas e a agricultura labrega.

    O escrito está dirixido aos Ministros de Agricultura e Comercio da UE, así como ás persoas integrantes da Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo, e advirte que o acordo causaría danos irreversíbeis a sectores vulnerábeis da agricultura europea e poñería en perigo a soberanía alimentaria na Unión Europea.

    No SLG cremos que o comercio internacional debe operar dentro duns parámetros de sostibilidade ambiental, de dereitos humanos, de dereitos laborais, de transición ecolóxica, etc, e que ademais non debe ser un obxectivo en si mesmo, xa que o obxectivo da produción de alimentos debe ser alimentar os nosos países, non exportar sen máis”, esclareceu Xosé María García, integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego e labrego en San Sadurniño. “E iso é garantir a produción, a soberanía alimentaria, o coidado da terra, de sostibilidade, de arrefriamento do clima, de cohesión social e de benestar, etc, incluso en termos de seguridade nacional e orde pública”, engadiu.

    Dende o SLG rexeitamos dito acordo porque a súa aplicación vai provocar competencia desleal, dumping e a caída de prezos para as pequenas e medianas persoas agricultoras europeas, ao tempo que suporía enormes problemas sociais e medioambientais nos catro países do Mercosur, en total oposición aos obxectivos do Pacto Verde e as promesas da UE no diálogo estratéxico sobre agricultura. Opoñémonos a este acordo polo impacto social e a negación da necesidade de sistemas alimentarios sostíbeis que representa, utilizando a alimentación como moeda de cambio e negociación en vez de contemplala como o que é: un dereito innegociábel para todos os pobos do mundo.

    Garantir os ingresos das labregas e dos labregos, o coidado da terra e da paisaxe, a estrutura territorial dos países, mesmo a seguridade, son obxectivos que nos levan á mesma conclusión: non ten sentido facer un tratado de libre comercio como o que se pretende aprobar entre a Unión Europea e Mercosur”, subliñou García.

    Estas demandas das organizacións agrarias europeas poden ser trasladadas pola cidadanía aos nosos gobernantes a través da páxina web www.farmersunite.eu/ (traducida a dez linguas). Dende o Sindicato Labrego Galego animamos á poboación xeral a participar. Só hai que completar o formulario online con datos que alí se especifican (nome, apelidos, correo electrónico, país, código postal e se a persoa asinante é agricultora ou traballadora agrícola). Actuemos XA!

    Estas demandas das organizacións agrarias europeas poden ser trasladadas pola cidadanía aos nosos gobernantes a través da páxina web www.farmersunite.eu/ (traducida a dez linguas). Dende o Sindicato Labrego Galego animamos á poboación xeral a participar

    A continuación reprodúcese o texto íntegro da carta:


    Estimadas e estimados Ministros de Agricultura e Comercio da UE, estimados e estimadas membros da Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo:

    Nós, as organizacións asinantes que representamos os diversos intereses de persoas produtoras e traballadoras agrícolas en Europa — COPA-COGECA, CEJA, ECVC e EFFAT — instámolos a se opoñer firmemente á conclusión do acordo comercial UE-Mercosur na súa forma actual.

    Este Acordo de Libre Comercio causaría danos irreversibles a sectores vulnerables da agricultura europea e socavaría gravemente os principios da soberanía alimentaria. Ignora as demandas de persoas produtoras e traballadoras agrícolas de garantir unha competencia xusta e un ingreso digno.

    Restrinxir as importacións en sectores sensíbeis (como carne vacúa, aves de curral e azucre) mediante cotas non é unha medida de protección suficiente. A propia avaliación de impacto da Comisión Europea sobre os efectos acumulativos dos acordos comerciais confirma que se esperan reducións de prezos en moitos destes sectores. Aínda que algunhas destas reducións poidan parecer “limitadas”, na práctica agravarían condicións de mercado xa insostibles, onde os prezos en orixe non alcanzan para soster os medios de vida.

    No actual contexto global de inestabilidade económica e xeopolítica, entrar nun acordo comercial desequilibrado só profundaría a dependencia externa da UE nun sector agrícola estratexicamente vital. A agricultura non só é un piar das economías rurais, senón tamén da seguridade alimentaria e económica de Europa.

    Opoñémonos firmemente á instrumentalización da agricultura como moeda de cambio para obter vantaxes noutros sectores. Avogamos en cambio por un enfoque renovado do comercio baseado en principios de sostibilidade económica, social e ambiental, normas recíprocas, rendición de contas e aplicación efectiva dos compromisos asumidos no capítulo de Comercio e Sostibilidade, incluíndo os oito convenios fundamentais da OIT e unha transición xusta — tal como sinala o Diálogo Estratéxico sobre o Futuro da Agricultura. Tamén é esencial asegurar a coherencia entre os obxectivos internos da UE e os seus compromisos comerciais externos.

    Reiteramos que o obxectivo dunha renovación xeracional na agricultura, unha prioridade chave para o sector, non se pode lograr se a nosa política comercial promove o dumping social e afianza a competencia desleal.

    As masivas protestas labregas a principios de 2024 en toda a UE enviaron unha mensaxe clara e inequívoca: hai que poñer fin ás negociacións do acordo UE-Mercosur. En resposta, a Comisión Europea suspendeu temporalmente as conversas. Durante ese período, representantes políticos de todos os sectores expresaron solidariedade coas preocupacións manifestadas polo campo. Con todo, a continuación e aceleración das negociacións tras as eleccións europeas amosa unha preocupante falta de consideración ante a oposición xeralizada en moitos Estados membros.

    Chegou a hora da claridade e a acción. Como organizacións representativas dos múltiples rostros do sector agrícola europeo —tanto de persoas produtoras como traballadoras—, chamamos aos Estados membros e ao Parlamento Europeo a rexeitar a ratificación do acordo comercial UE-Mercosur.