25/11/2024
Pedimos que investiguen a Carrefour por posibles prácticas abusivas
Solicitamos á Consellaría, AICA e CNMC a investigación destas prácticas e a aplicación da Lei da Cadea Alimentaria. O coordenador do sector leiteiro, Xulio Fernández, trasladou esta alerta directamente á Conselleira nos premios Exceleite 2024
Lugo, 25 de Novembro 2024. A multinacional francesa da grande distribución Carrefour está a utilizar como produto reclamo leite galego envasado por Leite Río, unha práctica abusiva en principio rexeitada nos acordos da Distribución ca Administración e que pode vulnerar a Lei da Cadea.
Estas prácticas desleais supoñen unha grave ameaza para as granxas galegas, a día de hoxe perceptoras dos prezos máis baixos de todo o Estado malia sermos o territorio con máis produción. De feito, como xa denunciamos no seu momento, precisamente no mes de xullo Leite Río liderou as ofertas de contrato á baixa ás gandeiras galegas, con propostas que caían até os 38cts/l.
Alertadas por esta práctica, con ocasión dos VIII Premios á Excelencia Hixiénico-Sanitaria das Explotacións Leiteiras de Leite Cru de Vaca (Exceleite 2024) que tivo lugar o pasado venres, o coordenador do sector leiteiro no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Xulio Fernández, trasladou á Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, a nosa preocupación por esta nova campaña de baixada de prezos do leite por parte desta multinacional da distribución, enfatizando a necesidade de poñerlle couto de xeito contundente, previndo que outras distribuidoras queiran aproveitarse desta situación para tamén tirar os prezos dos produtos lácteos.
Instamos polo tanto á Consellaría do Medio Rural, así como ao Ministerio de Agricultura a través da Axencia de Información e Control Alimentario (AICA), a investigar a existencia dun posíbel incumprimento da Lei da Cadea, na medida na que se está a producir unha clara desvalorización do leite que afecta a distintos axentes dentro da mesma, con especial incidencia no elo máis feble: as granxas.
Asemade, sendo conscientes de que xa en anteriores ocasións a Comisión Nacional de Mercados e da Competencia (CNMC) ten identificado prácticas abusivas por parte dos axentes máis poderosos no sector, constatadas posteriormente pola Xustiza, solicitamos tamén a súa intervención ante a actual estratexia de Carrefour e Leite Río.
Ao igual que manifestou a Conselleira no discurso da entrega de premios Exceleite 2024, no SLG tamén consideramos que esta excelencia na calidade debe pagarse: as industrias e a distribución teñen que facer un esforzo por mellorar os prezos ás gandeiras e gandeiros. Nesta liña, ademais de cuestións imprescindíbeis como que a propia administración galega e estatal cumpra co seu deber de velar polo cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, facemos fincapé unha vez máis na importancia de que sexan desenvolvidas campañas e estratexias de comunicación orientadas a visibilizar o excepcional traballo que levan adiante as produtoras e produtores galegos para facer chegar alimentos de excelente calidade ás persoas.