Minaslitioourense

10/07/2024

Pedimos a paralización da solicitude de permisos de investigación mineira Novo Frixo, Novo Cima e Novo Arboim (Ourense)

Animamos á cidadanía a presentar alegacións denunciando o impacto medioambiental e socioeconómico destes proxectos. A superficie solicitada para extracción de litio pola madrileña Omega Real Estate equivale a máis de 5 veces Compostela

A mediados do mes de xuño dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alertamos a través das nosas redes sociais da apertura a información pública da solicitude do permiso de investigación mineira para a explotación de litio sobre grandes extensións de territorio na provincia de Ourense con afección en terras portuguesas: Novo Frixo (85 cuadrículas mineiras en Laza, Sarreaus e Cualedro); Novo Cima (15 cuadrículas mineiras en Verín e Vilardevós e Novo Arboim (27 cuadrículas mineiras en Oímbra).

Canda esta denuncia difundimos tamén un mapa elaborado por técnicas do Sindicato Labrego onde poden identificarse con exactitudes estas localizacións solicitadas pola empresa Omega Real Estate con sede en Madrid: https://www.google.com/maps/d/viewer?mid=1P2Sq7-j4KByc8vzhcJJ44zvubMgGpQs&ll=42.08757034863168%2C-7.506944033852642&z=12

A finais de xuño convocamos unha primeira xuntanza ca veciñanza, na que participou a nosa Responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras, Margarida Prieto Ledo, o membro dos servizos xurídicos do Sindicato Labrego Galego Xosé Pérez Rei e Xosé Ramón Cendán.

Ao longo destas semanas organizacións ecoloxistas puxeron a disposición da cidadanía alegacións aos proxectos, cuxo prazo remata o 22 deste mes.

“É fundamental que traballemos todas unidas, aportando dende distintos eidos. Estamos nun momento de preocupante presión industrial sobre o territorio rural galego que está a provocar unha considerable alarma social -asevera Margarida Prieto-. Cando inda estamos en plena loita contra a posible instalación dunha macrocelulosa na Ulloa, atopámonos con esta retahila de solicitudes de permisos de investigación mineira en Ourense e, ao mesmo tempo, ca Xunta de Galicia utilizando a figura de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) para impoñer a reapertura da contaminante mina de Touro ou a continua publicación de polígonos industriais eólicos. As persoas que vivimos no medio rural galego espertamos cada día ca espada de Damocles de que nos rodeen de construcións industriais que impactan de xeito directo contra a nosa calidade de vida. Vivir preocupadas, ca angustia de se se vai aprobar ou non un proxecto, se nos van expropiar forzosamente as nosas terras, se van contaminar a auga que bebemos, se nos van cruzar liñas de alta tensión por riba... É un exemplo da violencia estrutural implícita na capitalización e privatización dos bens comúns para lucro de determinadas elites económicas, co apoio imprescindíbel de gobernos como a Xunta de Galicia, que non dubidan en lexislar para favorecer estes intereses empresariais por riba nos nosos dereitos”.

No caso das minas de litio solicitadas en Ourense, estamos a falar de 127 cuadrículas mineiras, que tendo en conta que cada cuadrícula son 32 hectáreas implican un total de 4.064 hectáreas, máis de cinco veces a extensión total do concello de Santiago de Compostela.

Sendo Galiza a comunidade autónoma con menos superficie agraria útil de todo o Estado español (entre un 21%/24% fronte ao máis de 40% de media estatal e 50% europea) resulta canto menos intranquilizador o goteo constante de solicitudes de acaparamento de territorio para uso industrial que ameaza ás granxas xa instaladas e teñen un efecto disuatorio cara novas incorporacións á actividade agraria.

Ademais, como sinalan as compañeiras das organizacións ecoloxistas, antes da explotación, as propias sondaxes implican unha transformación urbanística do territorio, ao eliminar cuestións como a fertilidade dos chans e a finalidade actual e potencial destes.

Con estas obras non só estamos excluíndo a posibilidade de producir nestes milleiros de hectáreas un ben imprescindíbel para a cidadanía como é a alimentación, senón que tamén teñen como consecuencia a destrución irreversible de recursos hídricos, biodiversiade, patrimonio natural e paisaxe.

Se cadra por iso, tanto por parte da empresa solicitante como por parte da Xunta de Galicia, non semella haber vontade de que a cidadanía coñeza o impacto real destes permisos de investigación, dada a pouca información que se está achegando a exposición pública, prescindindo de datos tan relevantes como as coordenadas mesmas das sondaxes, o volume de captación de auga solicitado, os produtos químicos que se empregarán, o consumo eléctrico que implicará. Tampouco se detalla plan de restauración.

Con relación a este último aspecto, cabe mencionar que inda fai pouco tempo que se taparon as minas xa existentes na zona de novo Frixo porque eran un perigo para as persoas e animais, até o punto que a veciñanza relata que os cazadores evitaban transitar esa zona porque lles desaparecían os cans.

Estamos vendo tamén como se están a utilizar os medios de comunicación para disuadir a oposición social -alerta Anxo --- do SLG na comarca de Xinzo da Limia-. Recenemente publicouse un artigo sobre a importancia estratéxica do Litio na UE, pero non se dixo nada da posible afectación aos nacementos dos ríos Támega e Limia no alto de Paradiña, nin da aberración das poligonais plantexadas collendo aldeas habitadas no medio e medio, nin do impacto medioambiental que terá na xente dos arredores, de todo iso non se di nada. De que o administrador único da empresa Omega Real State, Álvaro Zarza García, que concentra varias empresas mineiras e ten un pasado profesional significativamente polémico, tampouco. Tamén foi publicado na prensa que os alcaldes dos tres concellos afectados foron levar preguntas dos propietarios onde a Xefa Territorial. Que preguntas? Supostamente ainda non sabían nada de todo isto. Nin eles nin as persoas propietarias nin as comunidades de montes sabían nada. Pedimos claridade, a veciñanza non está tola, non se debe quitarlle ferro á primeira fase de investigación e recollida de mostras, sobre todo cando xa se sabe que con esta solicitude o que buscan as empresas é adquirir dereitos de explotación”.

Dende os Sindicato Labrego Galego seguiremos apoiando ás persoas afectadas fronte a este novo ataque ao noso territorio e observaremos moi de preto a tramitación destes expedientes por parte da Xunta de Galicia, á que instamos a paralizar de contado a solicitude destas tres permisos de investigación mineira.