IsabelVilalba_XoséMaría_Bruxelas

13/12/2024

Participación do SLG na mobilización estatal fronte ao acordos de desregulación comercial e a prol dunha PAC máis forte para as labregas

Unha delegación do SLG, entre as que estará a Secretaria Xeral Isabel Vilalba, desprazarase a Madrid este luns 16 de decembro. Concentración a partir das 12h. no Ministerio de Agricultura

O vindeiro luns 16 de decembro, unha delegación do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCCLL) que contará ca Secretaria Xeral Isabel Vilalba desprazarase a Madrid para participar na concentración convocada ás 12h. pola Coordinadora de Organizaciones Agrarias y Ganaderas (COAG) -da que facemos parte a nivel estatal- e ASAJA, fronte ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Paseo Infanta Isabel, nº1).

Entre as nosas reivindicacións salientamos o rexeitamento á sinatura de pre-acordo de desregulamentación comercial Unión Europea (UE)-Mercosur e demandamos a suspensión do xa establecido entre a UE e Marrocos.

Como temos denunciado tamén dende a Coordenadora Europea Vía Campesina (ECVC), o acordo de liberalización comercial proposto entre a Unión Europea e países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai) privilexia nos dous continentes o modelo agroindustrial en detrimento das pequenas e medianas granxas e a agricultura labrega.

Cunha forte oposición por parte dos campesiñado de ámbalas dúas beiras do Atlántico dende o inicio mesmo da súa negociación, as labregas e labregos alertamos de que o debilitamento do actual marco regulatorio provocaría competencia desleal, dumping e a caída de prezos para los agricultores/as europeos, ao tempo que conlevaría enormes problemas sociais e medioambientais nos catro países do Mercosur, en total contradición con los obxectivos do Pacto Verde e as promesas da UE no Diálogo Estratéxico sobre Agricultura.

Logo de décadas de políticas de desregulamentación neoliberal, a día de hoxe podemos constatar que este plantexamento comercial tivo como resultado o peche de milleiros de granxas en toda Europa, afastou o control da alimentación da mans das persoas para desvialo cara ás grandes multinacionais, agravou o éxodo rural ás cidades, conlevou un empeoramento de calidade en moitos alimentos, en absoluto mellorou o acceso a unha alimentación sa e nutritiva -senón máis ben todo o contrario- e impactou mesmo na homoxeneización das dietas a nivel global, tendo entre as súas múltiples consecuencias negativas a perda de coñecementos agrarios e destrución da biodiversidade ou o abandono e deterioro de espazos naturais.

Fronte a esta depauperación da calidade e fortaleza do sistema agroalimentar europeo, esiximos a fin dos acordos de libre comercio e a competencia desleal; que a adquisición de produtos agrícolas por embaixo de custos de produción sexa incorporada á lista negra da Directiva sobre prácticas comerciais desleais; a regulación dos mercados a través da Organización Común de Mercados (OCM); garantía de prezos mínimos na PAC, prezos mínimos de entrada para as importacións e a regulación do volume, así como asegurar orzamento abondo e distribución equitativa das axudas da PAC para permitir unha transición viábel cara á agroecoloxía e as prácticas sostíbeis. Demandamos asemade que todos os produtos que entren de terceiros países se equiparen aos estándares de produción da UE, tanto a normativas de benestar animal, regulacións de fitosanitarios, normativas medioambientais, obrigas laborais e sociais, etc. Tamén a nivel de PAC reiteramos que é precisa unha simplificación real para as labregas e labregos, estratexias sólidas de regulamento de mercados e un incremento da súa dotación total.

Na mobilización que levaremos adiante organizacións de todo o Estado este luns 15 en Madrid demandaremos tamén un plan de choque ante o incremento continuado dos custos de produción, con implicación dos ministerios de Agricultura, Traballo, Economía e Facenda para establecer medidas específicas e de vixilancia dos oligopolios que controlan os insumos do sector agrario, para evitar a especulación de prezos e os custos inxustificadamente elevados.

Tamén é crucial que o Ministerio se implique en medidas que axuden a paliar os efectos do quecemento global -do cal precisamente a industrialización mundial do sistema alimentar é un dos principais responsábeis-, establecendo plans de actuación para previr e paliar as consecuencias tanto das secas como das inundacións, ao tempo que elabora unha estratexia de fondo que permita deseñar un camiño no que a actividade agraria sexa unha ferramenta para coidar os ecosistemas e contribuír positivamente á urxente recuperación medioambiental.