Novas

  • PAC 2026: Advertimos de que a obrigatoriedade de indicar o DNI das propietarias nas solicitudes vai supor a redución da superficie declarada

    PAC 2026: Advertimos de que a obrigatoriedade de indicar o DNI das propietarias nas solicitudes vai supor a redución da superficie declarada

    • 03,Feb 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • PAC
    • POLÍTICA AGRARIA COMÚN
    • O prazo de solicitude das axudas da Política Agraria Común (PAC) para este ano 2026 abriuse o 1 de febreiro e pecharase o 30 de abril (presuntamente).

    • A obrigatoriedade de indicar o Documento Nacional de Identidade (DNI) ou de identificación fiscal (NIF) das persoas arrendadoras vai supoñer varios problemas, como a redución na superficie declarada ou o atrasado na tramitación das axudas.

    Galiza, 3 de febreiro de 2026. O domingo 1 de febreiro abriuse o prazo para solicitar as axudas agrícolas e gandeiras da Política Agraria Común 2026 (PAC), que finalizará o vindeiro 30 de abril. Son varias as novidades e modificacións que encontramos nesta nova PAC, pero, sen dúbida, a máis destacada e que máis problemáticas vai supoñer á hora da tramitación das solicitudes, é a obrigatoriedade de indicar o Documento Nacional de Identidade (DNI) ou de identificación fiscal (NIF) das persoas titulares dos recinto de máis dunha hectárea en réxime de arrendamento, que deberá coincidir coa persoa titular catastral do recinto. Esta novidade -anunciada no Real Decreto 1039/2025 do 19 de novembro de 2025– tratouse, xunto a outras cuestións vinculadas coa PAC, na xuntanza do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) á que acudiu o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas o pasado luns 26 de xaneiro en Lugo.

    Diverxencias entre titularidade real e catastral

    Previa a esta normativa, as persoas propietarias que non querían que as súas parcelas fosen declaradas na PAC podían ir ao FOGGA e acreditar que son propietarias desas fincas e bloquealas, polo que non era obrigatorio identificar a estas persoas propietarias. Esta posibilidade con esta nova normativa desapareceu. “Cando declaras unha parcela que teña máis dunha hectárea e non sexa propiedade túa, tes que identificar ao propietario desa parcela, entón identificas simplemente poñendo o DNI. O problema é que neste país temos problemas coa propiedade e o catastro, xa que hai moitas herdanzas que aínda están sen partir, polo tanto a propiedade está a nome do avo ou do pai, ou de herdeiros de…entón en moitos casos existen diverxencias entre titularidade real e titularidade catastral”, explica Andrés Castro, técnico tramitador da PAC do Sindicato Labrego Galego.

    Recentemente as propietarias e os propietarios estaban a recibir cartas sobre a revalorización catastral na Política Agraria Común, feito que asustou a moitas delas. Dende a nosa organización incidímoslle ás labregas e aos labregos en que manteñan a tranquilidade, “porque chegue unha carta cunha revalorización catastral ou porque alguén que che leva unha parcela teña que identificar o teu DNI na solicitude da PAC non vai influír nada no tema da propiedade, a parcela vai seguir sendo túa”, comenta Castro.

    Que problemas pode supoñer a obriga do DNI?

    Dende o Sindicato Labrego Galego advertimos que a obrigatoriedade de indicar o Documento Nacional de Identidade (DNI) ou de identificación fiscal (NIF) das persoas arrendadoras vai supoñer problemas, o primeiro é a redución na superficie declarada, xa que sen o DNI das propietarias as tramitadoras non poden declarar esa parcela, pero iso non significa que non se estea facendo un uso dela. Isto choca de cheo con outra obriga legal das persoas solicitantes das axudas, xa que a norma di que todas as persoas beneficiarias teñen que declarar todas as parcelas das que fan uso, pero se as propietarias non ceden o DNI, a tramitadora non pode incluílo. Ademais, como dixemos, a titularidade catastral debe coincidir coa titularidade da PAC e non sempre se cumpre. Todo isto vai atrasar en grande medida a tramitación das axudas, xa que agora as persoas solicitante teñen que engadir unha información que, en moitos casos, vai ser complicada de conseguir.