Novas

  • Os novos procedementos da Xunta deixan sen prestacións ás persoas con dependencia

    Os novos procedementos da Xunta deixan sen prestacións ás persoas con dependencia

    • 05,Feb 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments

    Miles de valoracións de discapacidade quedan nun limbo xurídico por un recurso de inconstitucionalidade. No noso país, 36.638 persoas dependentes están ao cargo das súas familias sen ningún tipo de apoio.

    Unha vez máis no dende o SLG-CCLL vémonos na obriga de desmentir as cifras que dende a Consellería de Política Social se lanzan á opinión pública.

    Galiza, 5 de febreiro de 2026. A realidade é teimuda e manifestase cada día na vida das persoas dependentes ou con discapacidade e das súas familias. Esta realidade non se cambia con grandes titulares de prensa, senón con políticas públicas que prioricen servizos públicos de calidade e poñan o benestar das persoas no centro das actuacións. Unha vez máis dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vémonos na obriga de desmentir as cifras que dende a Consellería se lanzan á opinión pública. Nesta ocasión, a manipulación dos datos roza o ridículo: mesturan e suman expedientes de discapacidade e dependencia como se fosen equivalentes.

    Expedientes con máis dun ano de lista de agarda

    No caso da dependencia, aínda que é certo que se reduciron lixeiramente os prazos, seguimos a atopar moitos expedientes que superan o ano de espera. Non podemos esquecer que o prazo legal máximo para resolver é de seis meses, e que xa no 2021 a Xunta prometeu reducir os prazos para cumprir con esa obriga.

    A outra cara da moeda é que o importante non é só o número de valoracións realizadas, senón que estas estean ben feitas, cos informes técnicos adecuados, e que veñan acompañadas de prestacións que realmente faciliten a vida da persoa dependente e da súa familia, garantindo servizos e apoios de calidade.

    Sabemos que, actualmente, estes parámetros non se están a cumprir. A tendencia nos dous últimos anos –e moi acentuada no 2025– é a de reducir servizos en favor de prestacións económicas, unha deriva que afasta o sistema do seu obxectivo principal: a atención integral e digna.

    Por exemplo: se comparamos os datos do Imserso a 31 de decembro de 2024 e os do 31 de decembro de 2025, encontramos a seguinte realidade:

    Redución nos seguintes servizos e prestacións:

    Prevención da Dependencia e Promoción da Autonomía Persoal: 1,91% (do 5,90% ao 3,99%).

    Axuda a domicilio: 7,99% (do 23,39% ao 15,40%), o que se traduz en 1.817 usuarias menos.

    Centros de día/noite: 3,13% (do 8,58% ao 5,45%).

    Atención Residencial: 1,55% (do 6,44% ao 4,89%).

    Prestacións Vinculadas ao Servizo: 1,31% (do 15,51% ao 14,20%).

    Asistente Persoal: 0,03% (do 0,13% ao 0,10%).

    Pola contra, aumentou:

    Prestación para Coidadores Familiares: 4,77% (do 19,96% ao 24,73%), o que supón 15.620 persoas máis (un incremento do 74%).

    As cifras reais

    No noso país, 36.638 persoas dependentes están ao cargo das súas familias sen ningún tipo de apoio. Estes coidados son realizados en máis do 80% dos casos por mulleres e, nun porcentaxe moi elevado, trátase de persoas con grande dependencia. Unha prestación que, legalmente, está concibida como excepcional e complementaria, está a converterse na primeira opción para a Xunta: unha práctica claramente ilegal.

    Outra cifra que nos afasta da fantasía da Xunta e nos devolve á realidade é que seguimos a ser a comunidade autónoma con menos solicitudes por persoa potencialmente dependente: só 20,84 de cada 100 solicitan, fronte á media estatal de 35,66.

    Tampouco se sostén a cifra de novas persoas atendidas no sistema de dependencia, a menos que a Xunta estea a falsear os datos perante o Ministerio.

    Dende a Consellería de Política Social fálase de 28.737 persoas dependentes máis atendidas.

    Porén, as estatísticas oficiais recollen:

    16.464 novas persoas con resolución do PIA (Programa Individual de Atención).

    17.146 novas persoas con prestación efectiva.

    E destas últimas, o 91% corresponden a prestacións para coidadores familiares.

    Tampouco é certo que se trate dunha “inversión histórica” en dependencia, posto que seguimos a ser unha das comunidades que menos orzamento destina por persoa dependente. A deriva cara ás prestacións económicas familiares reduce exponencialmente o investimento por usuario, afastándose do modelo de servizos públicos de calidade. Estamos de acordo en que se deu un pulo histórico, mais non no sistema de atención, senón no seu deterioro. En canto aos expedientes de valoración da discapacidade, agardamos polos datos actualizados e desagregados de 2025 —que, por certo, a Xunta aínda non ten publicados na súa web.

    Porén, podemos constatar que as listas de espera continúan a superar os dous anos en todas as provincias. En Lugo, por exemplo, hai solicitudes de agosto de 2023 que seguen sen ser atendidas. Sabemos que a maioría das valoracións realizáronse mediante homologación do grao de dependencia ou ben sen presencialidade.

    Mentres tradicionalmente facíanse ao redor de 5.000 valoracións anuais, a Xunta ofrece agora cifras salientábeis: 57.582 novas no 2025, das cales 12.626 son por homologación do grao de dependencia. Isto deixa preto de 40.000 feitas por informes sen presencialidade.

    Se o dato das homologacións xera preocupación, o das valoracións por informes é aínda máis alarmante, posto que esta práctica non está recurrida e parece consolidarse como modelo.

    Limitacións e falta de verificación

    Xa houbo colectivos que denunciaron no seu momento a falta de rigor das valoracións non presenciais e a imprecisión que poden acadar. O novo sistema de homologación supón unha homoxeneización carente de base técnica, sen correspondencia coa realidade de situacións moi diversas, e que non valora cuestións esenciais como as necesidades de autocoidado e ou a mobilidade reducida.

    Ademais, coñecemos casos nos que os propios profesionais fan constar nos expedientes as limitacións que lles supón valorar por informes en contra do seu criterio. Temos verificado numerosos expedientes nos que a valoración foi recorrida por non ser presencial, e a nova resolución non tiña nada que ver coa inicial. Exemplo real: un matrimonio de Lugo que, ao recurrir e obter unha valoración presencial, obtivo os seguintes cambios:

    O señor pasou do 57% ao 59% de discapacidade, e de 0% a 27% en mobilidade.

    A señora pasou do 13% ao 49% de discapacidade, e de 0% a 32% en mobilidade.

    Inseguridade xurídica

    Outra cuestión que non consideramos menor é a inseguridade xurídica de moitas destas valoracións de discapacidade, ao estar admitido a trámite o recurso de inconstitucionalidade nº 6810-2025 e que pode evidencia o risco de vulneración de dereitos por un sistema de valoración homoxeneizado e pouco rigoroso. A suspensión deixa nun baleiro legal e expón a ter que reverter miles de valoracións se finalmente o Tribunal lle dá a razón ao Goberno central.

    En resumo, dende o Sindicato Labrego Galego esiximos a Consellería de Política Social un cambio de rumbo definitivo en política social un sistema de atención digno, personalizado e axustado a dereito e un compromiso público para reorientar o modelo, revertendo a deriva cara ás prestacións económicas e recuperando o investimento en servizos públicos de calidade.

    A nosa sociedade non pode construírse sobre cifras manipuladas e dereitos suspendidos. A dignidade das persoas dependentes e as súas familias non é negociábel.

    ANEXO_NdP050226