Recurso de alzada IXP TG

23/05/2024

Os cambios realizados no prego de concións da IXP TG non son menores. Recorreremos esta modificación e elevarémola á UE se é preciso

A obriga de acortellar e alimentar con pensos os xatos criados en liberdade incide nas características e reputación do produto. Poñemos a disposición das granxas recursos de alzada dirixidos á CMR e activaremos accións informativas e de sensibilización

Ca recente publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da modificación das condicións da IXP Ternera Galega pola cal se formaliza o cambio que obrigaría a acortellar nos dous últimos meses os xatos cebados en Ternera Galega Suprema, ábrese prazo até o 7 de Xuño para facer alegacións.

Dando continuación á campaña en Defensa da Ternera Suprema e da Gandería Extensiva que encetamos no mes de xaneiro, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) interporemos un recurso de alzada dirixido á Consellaría do Medio Rural que, ademais, poñemos dende hoxe a disposición de tódalas granxas inscritas nos rexistros do Consello Regulador.

A cuestión central que queremos denunciar con estas alegacións é que a modificación operada no prego de condicións non é “menor”, senón que atendendo aos criterios establecidos no Regulamento (UE) núm. 1151/2012, do Parlamento e do Consello, do 21 de Novembro, sobre os reximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, a obriga de acortellamento debe considerarse “de certa importancia”, xa que está relacionada coas características esenciais do produto e implica introducir cambios esenciais no método de produción.

Analizando o calado das consecuencias da modificación do prego de condicións, resulta pertinente polo tanto somete-la mesma ao exame da Comisión Europea, para que esta faga a publicación correspondente, con dereito a oposición ás modificacións.

Tamén o Regulamento Delegado UE 664/2014 establece no seu artigo 6 o relativo ás modificacións nos pregos de condicións, diferenciando as non consideradas de menor importancia (punto 1º) e as consideradas de menor importancia (punto 2º). Por medio do recurso de alzada sostemos que non se trata dunha modificación de menor importancia, polo que o procedemento é inadecuado.

Así, é de destacar que o último parágrafo da páxina 28.032 do DOG no que se publica a Orde impugnada recolla só tres dos cinco criterios que a normativa europea sinala que hai que seguir, obviando precisamente os que entran en contradición ca consideración de modificación de calado, nomeadamente a) que a modificación está relacionada cas características esenciais do produto e b) que garda relación co vínculo entre a calidade ou as características do produto e o medio xeográfico ou o vínculo entre a orixe xeográfica e unha cualidade determinada, a reputación ou outra características do produto.

No que respecta ao primeiro aspecto, o primeiro que chama a atención é a “obrigatoriedade” da medida do acortellamento, é dicir, o “finalizado” é obrigatoriamente en ámbito pechado.

Se partimos da base de que o produto non é o mesmo co acabamento en recinto pechado que en crianza ao aire libre comendo pastos naturais -e suponse que algún cambio ten que haber entre unha cousa e outra cando se decidiu pór en marcha a modificación-, o feito de que a medida sexa obrigatoria implica necesariamente unha modificación esencial, cando menos para aquelas explotacións que realizan o acabado sen acortellar -porque esas persoas/explotacións sí van ver un cambio nas características do seu produto-, obrigatoriedade que é tanto máis inasumible toda vez que se refire especificamente ás explotacións en réxime extensivo e semiextensivo.

En segundo termo, obrigar a finalizar alimentando con penso en recintos pechados implica claramente unha diferenza substancial co recollido no Regulamento das IXPs “Ternera Gallega” e “Vaca e boi de Galicia”, onde pode observarse que o espírito do Regulamento vai na liña do aproveitamento de pastos e a tradición da produción de carne en Galicia, precisamente a súa especificidade (Capítulo II, Artigo 7).

Aliás, a día de hoxe o Regulamento fala de “recomendación” para o acabado, e o Prego de condicións modificado fala de “obrigatoriedade”, polo que cabe preguntarse se pode xuridicamente o Prego de condicións prevalecer -en caso de contradición- sobre o Regulamento.

As produtoras e produtores que alimentan o seu gando en modelo extensivo, ao aire libre e en base a pasto téñeno claro: os beneficios a nivel medioambiental, de benestar animal e condicións laborais e aforro de custos para as persoas gandeiras son obvias e irrefutábeis.

Unha clara mellora na rexeneración dos pastos e da calidade dos solos -así como do seu aporte como captadores de CO2-, o emprego de abono natural en lugar de químico, a pronunciada  redución no consumo de plásticos (por exemplo ao non ter que ensilar), o significativo descenso do tipo de enfermidades e, polo tanto, tamén da cantidade de medicación administrada aos animais, a mellora da presenza de ácidos graxos saudábeis na carne -por exemplo o Omega3-, o benestar que para os becerros e as vacas implica poder estender os meses de lactancia criados ao aire libre ca súa nai e cun destete máis natural, ou a significativa redución nas horas de traballo e custos para as persoas gandeiras que aporta apostar por modelos de produción sostíbeis son só algúns dos numerosos beneficios que aporta a alimentación en base ao pasto, e que até o dagora a ningún axente do sector se lle ocorrera cuestionar, nin moito menos desprestixiar.

Dende o SLG continuaremos avanzando nesta campaña, levando adiante accións de información e sensibilización, e dirixíndonos ao Ministerio e ás instancias europeas para demandar solucións que paralicen esta viraxe industrial da IXP Ternera Gallega, loitando por impedir que teña lugar un cambio de paradigma que pretende agasallar o prestixio do bon facer labrego ao modelo agroindustrial, ca complicidade das industrias, os cebadoiros, determinadas organizacións agrarias e a Consellaría do Medio Rural.