VidesRB

25/09/2024

Onde están as axudas e garantías para as viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra?

Está remando a vendima. As viticultoras están malvendendo ou tendo que deixar podrecer as uvas nas vides da comarca. Logo de meses publicitando solucións, a Consellaría non habilitou ningunha medida directa para as persoas produtoras

Estamos rematando a vendima e non hai constancia de que foran habilitadas as axudas e medidas para garantir a recollida da uva na Ribeira Sacra anunciadas pola Xunta de Galicia no Consello do 2 de setembro. Descoñecemos tan sequera se despois de ir ao acto publicitario cos alcaldes algún representante do Goberno galego volveu á Ribeira Sacra.

A día de hoxe a realidade é que moitas persoas viticultoras estanse vendo obrigadas a malvender a prezos por debaixo de custos de produción e outras seguen sen ter ningunha saída para a súa uva.

Os viticultores e viticultoras preguntámonos que está a pasar cos anuncios do representante de AGACAL ou coas promesas da Xunta que até o momento só tiveron como resultado real desmobilizar o sector.

Máis de quince días despois do anuncio da Consellaría do Medio Rural (CMR) da creación dunha mesa de traballo con participación das organizacións agrarias que non realicen mobilizacións, non só non temos coñecemento de ningún resultado, senón que ademais non nos consta sequera que volveran xuntarse para “traballar”.

Ao tempo que prevalece a opacidade con respecto á xestión da Consellaría, publicitan constantemente na Televisión de Galicia que a Xunta e Unións Agrarias están deseñando unha folla de ruta para a Ribeira Sacra. Levan gastado tantas follas que xa se acabou a libreta, e medidas encima da mesa nada de nada: a xente malvendendo as uvas, tirándoas, deixándoas colgadas e vendo como outra vez máis, as volveron deixar esmorecer”, explica Xosé Manuel Parente, coordenador do sector vitivinícola no SLG.

Tampouco temos novas ao respecto da destilación de crise, nin da “ampliación da formación e divulgación das oportunidades que ofrece a Política Agraria Común (PAC) para os viticultores en xeral, e en especial para os da Ribeira Sacra”, nin do reforzo das “estratexias de promoción da calidade desta denominación de orixe”. E moito menos de que a Xunta de Galicia teña en mente adoptar o marco legal para aprobar axudas de minimis ao sector produtor empregado fai xa meses pola súa homóloga na Rioja.

A Ribeira Sacra está vivindo unha situación dramática. Está en perigo a supervivencia de máis de medio milleiro de viticultores e viticultoras que ven como os seus proxectos de vida, os seus viñedos, a súa vida no rural, nos pobos e aldeas dunha paraxe tan fermosa como a Ribeira Sacra, está tocando fin”, alerta Xosé Manuel Parente.