Novas

  • O XX Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG pechouse coa creación dunha nova Dirección na Secretaría, composta por un grupo motor de labregas

    O XX Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG pechouse coa creación dunha nova Dirección na Secretaría, composta por un grupo motor de labregas

    • 09,Mar 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • Creouse unha nova Dirección da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, composta polas labregas Uxía García de Buciños e Estefanía Jacinto, entre outras.

    • O XX Encontro anual da Secretaría das Mulleres do SLG tivo lugar esta fin de semana en Pontevedra baixo o lema ‘2026: ano das mulleres agricultoras, ano de dereitos!’.

    • A participación e a autoorganización son ferramentas chaves das mulleres labregas e alicerces fundamentais destes Encontros.

    Galiza, 9 de marzo de 2026. A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de celebrar o seu XX Encontro anual baixo o lema ‘2026: ano das mulleres agricultoras, ano de dereitos!’. O evento tivo lugar o 7 e 8 de marzo no Centro Social O Burgo, en Pontevedra, e contou con palestras, visitas a hortas, visitas culturais, intercambio de sementes e participación na manifestación do 8M convocada para as 18h. Creouse unha Dirección da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, procurando articular unha rede de mulleres labregas dándolle máis forza ao traballo colectivo, composta, entre outras, polas labregas Uxía García de Buciños (Allariz) e Estefanía Jacinto (Begonte).

    Participación e autoorganización

    María Ferreiro, gandeira e Secretaría Xeral do Sindicato Labrego Galego, na benvida destacou o Encontro como “un dos espazos esenciais da organización, onde nos xuntamos as labregas do país”. A participación e a autoorganización son ferramentas chaves das mulleres labregas e alicerces fundamentais destes Encontros. Acompañou á Secretaria Xeral na presentación Belén Fervenza, produtora de horta e flor da zona (Redondela), e actual responsábel do Sector Vexetal da organización. Ela, como moitas produtoras da zona, venden no Mercado 4Ponlas, que se sitúa ao carón do Centro Social o Burgo. “Que se faga este Encontro en Pontevedra, nunha cidade, significa que hai vida e rural dentro das cidades”, manifestou.

    Reivindicacións da Secretaría das Mulleres

    A Secretaria Xeral do SLG, María Ferreiro, logo de facer un repaso polo traballo da Secretaría das Mulleres destes últimos anos, lembrou, entre outras reivindicacións, as loitas que se fixeron pola cotización das mulleres labregas á seguridade social e a loita polos dereitos á titularidade dos proxectos labregos. Tamén aludiu ao traballo da Secretaría das Mulleres tanto a nivel nacional -como estes Encontros anuais, seminarios, etc.-, e mencionou todo o traballo que se fai a nivel comarcal e coas aliadas do Sindicato Labrego Galego, como é a Marcha Mundial das Mulleres -presente neste XX Encontro a través de Ximena González Ataide-. Ademais, Ferreiro dedicou unha mención especial ao traballo de Isabel Vilalba por todo o camiño e traxectoria que fixo durante os anos que foi Secretaria Xeral do SLG. “Nunca foi para min un camiño individual, senón que foi algo colectivo”, mencionou Vilalba. “Nestes anos fomos consolidando moitas cousas e nelas seguiremos traballando”.

    25 anos da Marcha Mundial das Mulleres

    No marco do XX Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL Ximena González Ataide debullou os 25 anos da Marcha Mundial das Mulleres. “O vínculo que temos dende a Marcha Mundial das Mulleres co Sindicato Labrego Galego é moi potente”, afirmou González Ataide. “A cuestión da Marcha ten como nacemento tamén a soberanía alimentaria, a Secretaría das Mulleres do SLG fixo constitución do nacemento da MMM na Galiza”, engadiu, recalcando que a soberanía alimentaria e a defensa do territorio son centrais en todas as reivindicacións da Marcha.

    Dereitos das mulleres: Guía de Igualdade no Rural’

    O sábado pola tarde presentouse a obra ‘Dereitos das mulleres: Guía de Igualdade no Rural’, unha ferramenta de consulta e orientación para que as mulleres labregas poidan identificar os seus dereitos e recursos. As labregas participantes nesta edición do Encontro dividíronse en grupos onde analizaron diversas cuestións da guía. Alén diso, a gandeira e integrante da Executiva Nacional do SLG Isabel Vilalba presentou a Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Labregos e das Labregas e doutras Persoas que traballan nas Zonas Rurais.

    Yo nací en un surco de judías

    Para finalizar a xornada do sábado, as labregas do SLG trasladáronse ao Centro Cultural de Lérez para asistir á representación teatral “Yo nací en un surco de judías”, unha produción de CSIC, Fundación la Caixa, Ayuntamiento de Madrid e almealera que trata o relevo xeracional dende unha perspectiva feminista, tentando responder á pregunta de por que cada vez menos persoas queren dedicarse á agricultura e á gandaría.

    Visita á Horta da Gándara e peche da xornada

    A segunda sesión do XX Encontro da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego inaugurouse na mañá do domingo coa visita ao proxecto Horta da Gándara coa labrega Mara Erlenmaier Filgueira, que produce todo tipo de verduras e froitas a 2km de Pontevedra. A seguir, como en todas as edicións, organizouse o intercambio de sementes e tamén se presentou a rede de labregas de Pontevedra, composta por labregas da zona. Tamén afondamos na horta rexenerativa e comunitaria en Barro, da man de Elena Buceta, veterinaria do rural en defensa preventiva e coordinadora a horta comunitaria rexenerativa na Escola de Agudelo, que acudiu ao encontro canda máis labregas que traballan nesta horta rexenerativa. Para pechar o Encontro, as labregas desprazáronse ao centro da cidade para acudir á manifestación do 8M.