O evento terá lugar no Centro Social O Burgo, en Pontevedra, baixo o lema ‘2026: ano das mulleres agricultoras, ano de dereitos!’. Trátase dunha xuntanza anual das labregas do Sindicato Labrego Galego, un espazo para reencontrarnos e fortalecernos.
Palestras, visitas a hortas, visitas culturais, intercambio de sementes, xantares e, como non pode ser doutro xeito, as labregas participantes desprazaranse ao centro de Pontevedra para acudir á manifestación do 8M.
Galiza, 5 de marzo de 2026. A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) acollerá o 7 e o 8 de marzo o seu XX Encontro anual baixo o lema ‘2026: ano das mulleres agricultoras, ano de dereitos!’. O evento terá lugar no Centro Social O Burgo, en Pontevedra, e contará con palestras, visitas a hortas, visitas culturais, intercambio de sementes, xantares e, como non pode ser doutro xeito, as labregas participantes desprazaranse ao centro de Pontevedra para acudir á manifestación do 8M. Trátase dunha xuntanza anual das labregas do Sindicato Labrego Galego, un espazo para reencontrarnos e fortalecernos.
Sábado 7 de marzo
O Encontro inaugurarase ás 11:15h da mañá do sábado 7 de marzo coa benvida da Secretaria Xeral do SLG-CCLL, a gandeira María Ferreiro Santos. Ás 11:30h comezará a primeira palestra, que afondará na situación actual e futuro da Secretaría das Mulleres. Logo, Ximena González Ataide, da Marcha Mundial das Mulleres, debullará os 25 anos de loita compartida á 13h. Tras unha pausa para xantar, as actividades retomaranse ás 16h coa palestra que dá título á XX edición do Encontro da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego: “2026, ano das mulleres agricultoras, ano de dereitos”. Ás 19:30h as labregas do SLG trasladaranse ao Centro Cultural e Lérez para asistir á representación teatral “Yo nací en un surco de judías”, unha produción de CSIC, Fundación la Caixa, Ayuntamiento de Madrid e almealera que trata o relevo xeracional dende unha perspectiva feminista, tentando responder á pregunta de por que cada vez menos persoas queren dedicarse á agricultura e á gandaría. A xornada do sábado pecharase ás 21:30h cunha cea compartida no albergue GBC (Pontevedra).
Domingo 8 de marzo
A sesión do domingo dará comezo ás 10h coa visita ao proxecto Horta da Gándara coa labrega Mara Erlenmaier Filgueira. A seguir, tras o xantar no Centro Cultural O Burgo, ás 15h será a quenda do intercambio de sementes e da presentación da rede de labregas de Pontevedra. Ás 17h as labregas desprazaranse ao centro da cidade para acudir á manifestación do 8M programada para ás 18h.

