
09/03/2025
O XIX Encontro da Secretaría pecha poñendo en valor o Sindicato como espazo de empoderamento e ferramenta de loita
As participantes no XIX Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG sumáronse á manifestación do 8M celebrada en Lugo. Dinámica de articulación interna, intercambio de sementes e visita a unha gandaría ecolóxica protagonizan a segunda xornada
A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas pechou hoxe o seu XIX Econtro Anual, nesta ocasión celebrado nas instalacións do Vello Cárcere da cidade de Lugo. As asistentes ao encontro sumáronse onte á manifestación do 8M celebrada na cidade da muralla, estando ademais o SLG presente nas restantes mobilizacións convocadas ao longo de todo o país.
Logo dunha xornada de sábado centrada na posta en común de análises e experiencias que permiten identificar as eivas existentes na transversalización da perspectiva de xénero nas políticas públicas, a través da dinámica “labregas organizadas, labregas apoderadas” a xornada de peche virou cara os aspectos máis internos de autoorganización e traballo entre mulleres a fin de concretar as nosas demandas, colectivizalas e trasladalas aos distintos eidos correspondentes.
“A Secretaría nace como unha ferramenta das mulleres do Sindicato Labrego Galego. Ten tres bloques de traballo. Un ten que ver co que vai dende o individual ao colectivo, darnos conta da nosa realidade como mulleres labregas, que problemáticas temos no noso día a día, etc. Outro bloque é o relacionado con todo o vinculado cos dereitos profesionais como mulleres labregas; e outra terceira pata é como nos organizamos e traballamos entre nós. Durante a mañá de hoxe traballamos esta última parte, ver como nos sentimos como mulleres labregas, que nos aportou participar na Secretaría das Mulleres e como se foron dando os pasos”, explica a responsábel da Secretaría das Mulleres, a gandeira María Ferreiro.
A participación das mulleres en mobilizacións sociais, como por exemplo a loita das Encrobas traída na voz da nosa afiliada María Pardo; a formación sindical como reforzo para empoderarnos como mulleres cando participamos noutros espazos, como sinalou a integrante da Dirección Nacional (DN) e viceresponsábel do sector da horta Belén Fervenza; os aportes engadidos á loita labrega que proporcionan as análises políticas que se traballan no interior da organización, postos en valor pola tamén integrante da DN e da Executiva Nacional Uxía García ou a proposta de que a Secretaría das Mulleres “vaia a máis”, seguir fortalecéndoa como elemento cohesionador e vehicular das demandas das mulleres da organización, traída pola gandeira Concha de Friol, engadíronse ao relato de anécdotas e experiencias vinculadas ao Sindicato que foron especialmente importantes na vida das mulleres que participaron neste XIX Encontro.
A continuación tivo lugar o tradicional intercambio de sementes entre as asistentes, un dos momentos máis emocionantes da fin de semana, e que nesta edición celebramos baixo a máxima “Feminismo, a nosa semente de vencer”.
Logo do xantar despedimos este encontro anual da Secretaría das Mulleres, como é habitual, coñecendo unha granxa das nosas afiliadas, desta volta a de Concha de Friol, a gandaría de leite ecolóxica e queixería tradicional Casa Bértolo.