Novas

  • O VIII Foro Labrego de Agroecoloxía finaliza coa creación da Secretaría de Agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego

    O VIII Foro Labrego de Agroecoloxía finaliza coa creación da Secretaría de Agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego

    • 09,Feb 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • FORO LABREGO AGROECOLOXÍA
    • Secretaría de Agroecoloxía
    • soberanía alimentaria
    • O labrego de San Sadurniño Xosé María García Villaverde, criador de ovella galega, avicultor artesanal e fruticultor ecolóxico, vén de ser escollido responsábel da nova Secretaría de Agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas.

    • Esta fin de semana Mondoñedo acolleu o VIII Foro Labrego de Agroecoloxía do SLG, un encontro financiado pola Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo. O amor pola terra, a liberdade e poder vivir dignamente do traballo son tres das chaves fundamentais para dar e coller o relevo na actividade agraria, que debe ademais camiñar cara á agroecoloxía.

    Mondoñedo, 9 de febreiro de 2026. O VIII Foro Labrego de Agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), que tivo lugar o sábado 7 e domingo 8 no Pazo de Santomé en Mondoñedo, chegou onte á súa fin, e fíxoo coa creación dunha nova Secretaría na organización, unha Secretaría dedicada precisamente á agroecoloxía, da cal o labrego de San Sadurniño Xosé María García, criador de ovella galega e galiña de Mos e produtor de froita, foi a persoa escollida para dirixir esta nova Secretaría de Agroecoloxía.

    A nova Secretaría de Agroecoloxía do SLG

    O SLG-CCLL leva tempo traballando a proposta agroecolóxica, tanto coa súa participación na Coordenadora Europea Vía Campesina (ECVC) e en La Vía Campesina (LVC) -das que a organización fai parte- como no seu propio traballo cotiá, integrándoa na súa análise, propostas e mensaxe así como en diversas actividades de formación, divulgación e incidencia política. Podemos, por exemplo, lembrar como nos últimos anos organizamos o evento “Agroecoloxía ou Barbarie” -que co tempo acabou dando lugar á fundación da alianza “Nos Plantamos”, que tivo o seu último encontro estatal en Allariz, celebramos oito edicións do Foro Labrego de Agroecoloxía, traballamos os SPG (Sistemas Participativos de Garantía), implicámonos na divulgación da flexibilización da normativa hixiénico-sanitaria e promovemos os obradoiros compartidos... ou participamos no RURBACT, vinculado á Rede de Municipios pola Agroecoloxía. Esta aposta do SLG-CCLL pola agroecoloxía levou á organización a asumir no X Congreso o compromiso de crear unha Secretaría de Agroecoloxía de carácter transversal, mandado reafirmado no recente XI Congreso, que tivo lugar o pasado 29 de novembro en Lalín.

    María Ferreiro e Xosé María García 2

    Liñas estratéxicas de traballo

    A nova Secretaría de Agroecoloxía tamén dará continuidade ao traballo da organización referido ao Foro Labrego de Agroecoloxía cuxa oitava edición acabamos de finalizar en Mondoñedo, dinamizando e tentando que sexa considerado un espazo de encontro agroecolóxico labrego de referencia, así como colaborando co resto de sectores da organización para traballar formación e enfoque político, ou calquera outro asunto que xurda no ámbito agroecolóxico, de acordo coa Executiva Nacional do SLG-CCLL. Ademais, a Secretaría de Agroecoloxía do Sindicato Labrego terá como liñas estratéxicas de traballo os Sistemas Participativos de Garantía (SPG), a compra pública de alimentos e todo o vinculado coa transición agroecolóxica, facendo fincapé tamén no ámbito formativo.

    Grupos de traballo e programas

    O traballo actual do Sindicato Labrego Galego, a partir de agora realizado a través da Secretaría de Agroecoloxía do SLG, encóntrase en diversos espazos, como o Grupo de Traballo de Agroecoloxía Labrega e Clima da Coordinadora Europea Vía Campesina (ECVC), no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), no movemento estatal Nos Plantamos e na Agricultura e Gandaría Ecolóxica da Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG); e tamén nos programas vixentes arredor da Rede de Municipios pola Agreocoloxía, no Foro Compra Pública Valencia 2026 e na Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria (RITA).

    Presentación Foro

    Mesa relevo 1

    Visita Foro

    A agroecoloxía é o relevo

    A escolla do labrego Xosé María García Villaverde como responsábel da Secretaría de Agroecoloxía enmarcouse na finalización do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego, que transcorreu esta fin de semana en Mondoñedo, baixo o título de ‘A agroecoloxía é o relevo’ e que contou co financiamento da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

    Nas xornadas desta fin de semana ficou claro que o relevo na cultura labrega é unha peza fundamental. Todas as persoas que cultivamos alimentos traballamos as terras para que teñan futuro e se sigan producindo alimentos sans, e a poboación que nos suceda poida seguir coidando os agroecosistemas que mantemos vivos e alimentando a cidadanía. O amor pola terra, a liberdade e poder vivir dignamente do traballo son tres das chaves fundamentais para dar e coller o relevo na actividade agraria, que debe transicionar cara á agroecoloxía se quer ser accesible ao relevo, tanto familiar como de persoas que se incorporan de cero.

    A oitava edición do Foro deu comezo coa visita agroecolóxica ao proxecto de vacún de carne de Bruno Botana en Estelo (Mondoñedo), proxecto do que colleu o relevo dos seus pais. A labrega da Mariña e integrante da Executiva Nacional do SLG, Isabel Vilalba Seivane, e o deputado da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, Daniel García Fernández, abriron o Foro. Vidal Martínez Sierra, presidente do GDR Terras de Miranda, deu a Benvida ao territorio’ e a seguir desenvolveuse o coloquio ‘Relevo Xeracional: Situación actual e respostas políticas’, onde afondamos no contexto socioeconómico do relevo xeracional no territorio galego da man de Xosé María García Vilaverde, labrego e actual Secretario de Agroecoloxía do SLG; Mar Pérez Fra, doutora no Departamento de Economía Aplicada da USC; Guillermina Fernández Villar, do Programa Terractiva, –e investigadora en relevo Xeracional do Laborate da USC; e de Miguel Teixido Sotelo xerente do GDR Seitura 22, que fai parte do Proxecto Nó Rural.

    Mesa formación foro 1

    Mesa formación foro 2

    Falta de formación e información

    A quenda da palestra ‘A formación que fomenta o relevo xeracional’ estivo cargo de María Couso, do IES San Rosendo; Laura Megias Garriga, da Rede estatal de Espazos Test Agrarios; Fernando García Méndez do Espazo Test Eoalimenta; e Víctor Álvarez Arias, técnico da Consellería do Medio Rural, que iniciou a súa intervención preguntando se a extensión agraria é unha ferramenta útil que fomenta o relevo xeracional, e se a administración de medio rural ten como obxectivo formar ás persoas que van coidar o territorio. Nese senso, destacou a falta de formación e información que se lle dá dende a administración ás persoas que se queren incorporar a unha actividade agraria, froito de que non existe un plan estratéxico para a produción de alimentos nos territorios, unha idea clara de cara a onde queremos ir no ámbito agroalimentario galego.

    Relevo Xeracional

    A segunda xornada do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía inaugurouse onte, domingo 8 de febreiro, con ‘Habelas Hainas: Experiencias de éxito no Relevo Xeracional’, onde participaron a finca As Fadegas T.C, proxecto de hortalizas e froita (Ribadeo- Lugo); Refol S.C, proxecto de vacún de carne (Xermade- Lugo); e Casa Codesal S.L, proxecto de vacún de leite (Friol-Lugo). A continuación, David González Sánchez falounos da súa experiencia en Sustraiak, no marco da mesa ‘O papel da Agroecoloxía no Relevo Xeracional’; e finalizamos as actividades ‘Pensando o relevo desde a organización’, espazo facilitado con REXENERANDO SCG e que levou ao peche do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía cun xantar agroecolóxico no seminario de Mondoñedo.

    Mesa experiencia foro 2

    Mesa foro 1

    REXENERANDO 1

    Soberanía alimentaria e agroecoloxía

    Como ficou claro no Foro Labrego de Agroecoloxía, nos últimos corenta anos houbo un cambio radical na estrutura económica agraria da agricultura e a gandaría galega. Os proxectos labregos mudaron porque a realidade territorial tamén mudou. Se existe abandono xeográfico, existe abandono do territorio e isto ten múltiplas implicacións sociais, ambientais, económicas e políticas. O proceso de feche de granxas e concentración da produción en cada vez menos mans nun sistema ademais orientado á industria e o mercado global e suxeito á especulación- dificulta o relevo xeracional e acelera a destrución dunha infraestrutura fundamental para emprender unha transición agroecolóxica cuxo comezo non pode demorar máis. Ante este contexto, o Sindicato Labrego aposta pola creación dunha Secretaría de Agroecoloxía para seguir loitando na defensa dun medio rural vivo, pola soberanía alimentaria dos pobos, polo dereito das labregas e os labregos da Galiza a vivir dignamente do seu traballo e nunha alimentación sa que coide o medio e as persoas que o habitamos.