
02/02/2025
O VII Foro Labrego de Agroecoloxía pecha reafirmando a demanda social dun cambio de modelo produtivo
Posta en común de experiencias de transformación agroecolóxica en Antas de Ulla ao longo de toda a fin de semana. Irregularidades de Altri-Greenalia, contaminación de Alcoa e minas de Touro e Corcoesto, problemáticas denunciadas
A VII edición do Foro Labrego de Agroecoloxía que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) desenvolveu ao longo desta fin de semana en Antas de Ulla (Lugo) pechou hoxe cunha conclusión clara: existe unha demanda crecente dun cambio de modelo que permita avanzar cara a agroecoloxía, en tanto que modelo de produción de alimentos medioambiental e socialmente sostíbel, así como alternativa económica a expandir no noso territorio desbotando iniciativas empresariais contaminantes fortemente rexeitadas pola cidadanía como a macro celulosa que Altri_Greenalia pretende instalar na Ulloa, a reapertura da contaminante mina de Touro ou os episodios de contaminación da balsa de residuos tóxicos de Alcoa.
“Os nosos proxectos, as nosas comunidades, os nosos territorios, as nosas vidas están sendo atacadas pola imposición de proxectos nocivos para a saúde humana e medioambiental. Esta fin de semana afondamos en moitos casos concretos. Ao longo de toda Galiza multitude de persoas están organizadas para denunciar e defender as súas contornas vitais, unha situación que debería de ser canto menos anómala nunha democracia, mais que no noso país, habida conta da estratexia de manipulación lexislativa que privilexia determinadas empresas concentradas no espolio de recursos naturais, é unha constante”, explica Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do SLG-CCLL.
Minas, eólicos, liñas de alta tensión, celulosas... Galiza é contemplada por elites político-económicas galegas, estatais e internacionai como un terreo de sacrificio, moi lonxe de ser posto en valor pola súas extraordinarias potencialidades a nivel medioambiental, onde podemos englobar dende a produción de alimentos até a paisaxes ou o patrimonio de todo tipo, e onde debemos contemplar e destacar os multidimensionais efectos positivos na saúde da poboación e, por ende, na saúde pública.
Fronte a estas ameazas, o VII Foro Labrego de Agroecoloxía centrouse en analizar e deseñar políticas públicas que permitan o avance da produción agroecolóxica, visibilizar a loita contra Altri-Greenalia dende unha perspectiva labrega e agroecolóxica e coñecer de primeira man experiencias labregas na defensa da terra fronte megaproxectos noutros territorios.
A xornada do sábado deu inicio ca mesa “A Ulloa, unha comarca en equilibrio”. A Secretaria Xeral do SLG, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, abriu este espazo destacando a importante actividade económica da comarca e alertou da perigosidade que conlevaría o incremento de plantacións de especies pirófitas no caso de aprobarse a macrocelulosa de Altri-Greenalia. Fixo fincapé na multidimensionalidade da actividade agraria, que implica tamén todo tipo de servizos vinculados, patrimonio, etc... Un potencial no que podemos avanzar para ter produción de alimentos saudábeis.
Sonia Villapol, neurocientífica da Terra Chá con vinte anos de traxectoria en centros de investigación estadounidenses e unha das autoras do informe sobre Altri_Greenalia coordinado polo Consello da Cultura Galega, explicou que a documentación presentada por Altri-Greenalia non cumpre os requisitos mínimos de deontoloxía, presentando fortes eivas de transparencia en cuestión metodolóxicas e de conflito de intereses. Villapol destacou tamén o feito de que non inclúen un trato específico do impacto sobre as persoas traballadoras, malia estar constatado o aumento de cancros nas persoas que traballan neste tipo de fábricas. Así, explicou, na documentación do proxecto Gamma hai carencia de datos esenciais sobre metais pesados e compostos que estarían presentes nas emisións. Sonia Villapol foi moi clara ao respecto da documentación presentada por Altri: “era moi difícil darlle unha credibilidade científica”.
O investigador do CISPAC Xavier Simón advertiu que as estratexias de mercantilización da vida eluden pór valor cousas moi importantes: “o relevante son os valores e intereses que están en disputa, cales son tomados, e cales non, para tomar as decisións”. Simón reflexionou sobre as eivas das ferramentas clásicas do paradigma científico, cualificándoas como de “non válidas” para facer fronte nin a retos globais como o cambio climático ou as crecentes inequidades sociais, nin para o caso de Altri-Greenalia. “Hai que dialogar, non impoñer, como se está facendo co macroproxecto Gamma”, concretou. Ademais, destacou Simón, enfrontámonos a un marco normativo que está deseñado para privilexiar á grandes corporacións, fronte ao que alentou a levar adiante iniciativas económicas transformadoras e fortalecer a loita contra Altri-Geenalia: “non queremos Altri, nin hoxe, nin mañá nin nunca máis” concluíu.
Pechando esta mesa, Alejandro García, gandeiro de Cachenas Cas Fidalgo e activista na Plataforma Ulloa Viva, afondou no contexto no que está a ter lugar esta ameaza para a comarca situando: “é o modelo de eucaliptización o que nos fai dano, Altri é o monstro que vén comer o pastel ao final da festa. Perdemos moitísima terra de cultivo nas última décadas, acompañado tamén da destrución da paisaxe e o patrimonio arquitectónico galego. É un modelo destrutivo do interese xeral e lucrativo dos intereses particulares, tanto por acción como por inacción da administración. O que precisamos é un modelo construtivo, inspirado no modelo agrario galego. Eu quero seguir vivindo na terra, nunha terra limpa, quero seguir modelando a paisaxe cas miñas vacas. Altri NON”.
Retomamos a sesión do sábado pola tarde centrándonos en analizar como desenvolver a comarca da Ulloa dende a agroecoloxía. Para iso dimos a coñecer experiencias que xa están en marcha, como o programa rural de Educación Infantil e Primaria “Da Escola á Granxa”, “EoAlimenta: a Estratexia Alimentaria Participativa da biorrexión do Eo”, o Servizo de Dinamización Local Agroecolóxica de Orduña, Ekoizpen e o proxecto "Ruralitud, recursos para o emprendemento rural".
O domingo pola mañá transcurriu na Casa da Cultura de Antas de Ulla, comezando cun faladoiro labrego baixo o título “Megaindustria é destrución: Experiencias de loita e resistencia”, ca participación de veciñanza organizada contra a mina de Corcoesto, a mina de Touro, Altri-Greenalia e experiencias de resistencia contra Alcoa.
“Que sentido ten traer a macrocelulosa para aquí sabendo que vai ter consecuencias? O noso país ten un problema moi grave do despoboamento e o sector produtor de alimentos é clave para manter un medio rural vivo, é o noso sector o que debería ser estratéxico e non unha macrocelulosa. Temos unha comunidade que se levantou que se organizou, pararemos este proxecto. A Terra non se vende", defendeu o afiliado do SLG Lois Varela, implicado na loita contra Altri-Greenalia.
Ás 12h. Tivo lugar a preestrea do filme “O Ulla si, un proxecto audiovisual colectivo para reprensar o presente e o futuro do Ulla”, cun enriquecedor debate posterior.
Logo dun xantar con petiscos agroecolóxicos, ás 15.30 retomaremos a sesión da tarde cunha visita guiada a cargo de Xurxo Mouriño, biólogo e activista da Plataforma Ulloa Viva, que porá fin a esta sétima edición do Foro Labrego de Agroecoloxía.