Novas

  • O SLG solicitoulle á Consellería e á Deputación información arredor das plantas de biogás que Moeve pretende instalar en Abadín (Lugo)

    O SLG solicitoulle á Consellería e á Deputación información arredor das plantas de biogás que Moeve pretende instalar en Abadín (Lugo)

    • 06,Mar 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • ABADÍN
    • MOEVE
    • PLANTA BIOGÁS
    • No Sindicato Labrego Galego defendemos que Abadín, cun modelo de gandaría de granxas extensivas e familiares, non precisa deste tipo de plantas.

    • Por que a Xunta inverte en grandes proxectos industriais, como é o caso da planta de biogás de Abadín, pero logo denega os plans de mellora das mozas e mozos que queren apostar pola vida no rural e facer investimentos nas súas granxas, como sucedeu en 2024 coa denegación masiva dos plans de mellora?

    Galiza, 6 de marzo de 2026. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitámoslle á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e á Deputación Provincial de Lugo información e copia dos informes que se teñan emitido sobre o proxecto das plantas de biogás, promovidas por Moeve -antiga Cepsa- e InProEner, na parroquia de Quende, en Abadín, na provincia de Lugo. Ademais, neste escrito rexistrado á Consellería de Medio Ambiente, solicitamos que se considere ao Sindicato Labrego Galego como parte interesada no procedemento.

    A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu afirmando que “na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade recibíronse o 5.8.2025 dúas solicitudes de autorización ambiental integrada e avaliación de impacto ambiental ordinaria para dúas novas plantas de produción de biometano por dixestión anaerobia de residuos orgánicos que se proxectadas no concello de Abadín (Lugo) e presentadas por Moeve. Actualmente estas solicitudes están en trámite, nunha fase anterior ao trámite de información pública. Informala ademais de que o 20.11.2025 recibimos a solicitude de Moeve para cambiar a titularidade das ditas instalacións a Crux Biomethane, SL e a Carina Biomethane, SL.”.

    Posteriormente, no Sindicato Labrego Galego pedímoslle á Deputación Provincial de Lugo copia dos informes que se teñan emitido por parte dos servizos de Medio Ambiente da Deputación na fase de tramitación ambiental dos proxectos industriais que afectan ás zonas da Reserva da Biosfera Terras do Miño, entre os que se encontran as plantas de biometano en Abadín e o proxecto do parque eólico Cordal-Ousá e as súas infraestruturas de evacuación, situado nos concellos de Friol, Begonte, Rábade,Outeiro de Rei e Castro de Rei (Lugo) e promovido por Eólica de Cordales, S.L. Polo de agora non recibimos resposta.

    Doutra banda, pasado sábado 28 de febreiro, participamos nunha charla informativa en Gontán na que informamos á cidadanía arredor desta plantas e dos seus efectos que terá no medio rural galego.

    Unha planta de biogás en Abadín, para que?

    No SLG defendemos que Abadín, cun modelo de gandaría de granxas extensivas e familiares, non precisa deste tipo de plantas. Trátase dun concello ao que non lle sobran residuos de orixe animal e, polo tanto, unha planta deste tipoloxía tería que depender de xurros e esterco xerados noutros concellos. Alén diso, as plantas de biogás non só traballan con xurro e esterco, senón que tamén con outro tipo de materiais como restos de matadoiros, restos de agroindustria, lodos de depuradoras, etc, e tamén precisan materia orgánica vexetal. Doutra banda, estas plantas xeran dixestato. Se na actualidade hai un problema de xurros e estercos, motivo polo cal se implanta esta planta, co dixestato o problema vai seguir existindo ou mesmo vai ser peor ao introducir máis residuos dos que se xeran no territorio onde se instala a planta, xa que a cantidade de material vai ser case a mesma e nin o Nitróxeno nin o Fósforo se eliminan durante o proceso.

    O modelo da grande industria

    O modelo da planta de biogás que se quere instalar na parroquia de Abadín non é un modelo novo. No Estado español xa houbo exemplos desta tipoloxía -como sucedeu en Catalunya a comezos dos anos 2000- e, a día de hoxe, están pechadas. De novo, estamos ante un proxecto xerado e pensando polas grandes industrias enerxéticas ás que pouco ou nada lles importan os pequenos proxectos labregos que temos en Galiza.

    A falta de Superficie Agraria Útil e a denegación de plans de mellora, o problema de fondo

    Se realmente existe un problema de xestión de xurros e estercos en Galiza a cuestión radica en que as granxas non teñen suficiente superficie agraria para xestionalos. Como vimos denunciando dende o Sindicato Labrego Galego, en Galiza temos unha Superficie Agraria Útil (SAU) para a produción de alimentos moi por debaixo da media estatal e europea. Un 20% na Galiza, fronte a datos próximos ao 40% no contorno da Unión Europea. Dende a nosa organización preguntámonos: Por que a Xunta inverte en grandes proxectos industriais, como é o caso da planta de biogás que se quere instalar en Abadín, pero logo denega os plans de mellora das mozas e mozos que queren apostar pola vida no rural e facer investimentos nas súas granxas, como sucedeu en 2024 coa denegación masiva dos plans de mellora -434 expedientes viron denegados os plans de mellora fronte aos 180 aprobados-?

    No Sindicato Labrego Galego estivemos ao carón da veciñanza de Abadín noutras loitas pola terra e contra outros proxectos industriais, como foi a Loita da Fragavella, contra as minas e na defensa dos montes comunais, e agora seguiremos apoiando e loitando contra este proxecto de plantas de biogás que se quere instalar na parroquia de Quende.