Novas

  • O SLG SOLICÍTALLE Á CONSELLERÍA  DO MEDIO RURAL A CONVOCATORIA INMEDIATA DO CONSELLO AGRARIO

    O SLG SOLICÍTALLE Á CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL A CONVOCATORIA INMEDIATA DO CONSELLO AGRARIO

    • 28,Set 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • consello agrario
    • sindicato labrego galego
    • Ante a crise sistémica que atravesa o sector no seu conxunto (seca, custos de produción, prezos baixos no leite, carne e uva…, enfermidades, pragas, incerteza na futura PAC), o SLG pídelle á Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata do Consello Agrario para afrontar devandita crise.

    • Advirten ademais que están á espera das medidas que transmita mañá martes o Ministerio de Agricultura para facer fronte a esta crise, e que, no caso de non seren suficientes, valorarán iniciar mobilizacións. En todo caso, os 50.174.300€ que contempla o Regulamento de Execución (UE) 2026/1894 da Reserva Agrícola de crise considéranse totalmente insuficientes para facer fronte a esta crise.

    • O SLG recórdalle á CMR a súa obriga de gobernar, e que nesta crise ten moitas competencias que poden axudar ás granxas galegas, como aportar fondos propios para paliar os custos de produción ou deseñar sistemas de axuda que permitan ás granxas adaptarse á nova realidade.

    Galiza, 28 de setembro de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) esíxelle á Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata do Consello Agrario Galego co fin de buscar solucións ante a crise estrutural que vive o sector agrario. Denuncia, ademais, o colapso absoluto da Consellería do Medio Rural que, “mentres o sector afunde por mor do aumento dos custos de produción, baixos prezos, enfermidades, pragas etc, a CMR non se sabe onde está, nin que está a facer en temas tan importantes como a próxima PAC, Lei da Cadea….a parálise é total”, denuncia o Secretario de Acción Sindical do SLG, o apicultor Brais Álvarez.

    O SLG solicitou hai un mes a convocatoria do grupo de traballo da próxima Política Agraria Común (PAC), creado dentro do Consello Agrario, e que leva sen reunirse dende o pasado mes de febreiro. “Estase a decidir o futuro da próxima década en Bruxelas e descoñecemos as actuacións do goberno galego”, sinala Álvarez. “Lembrámoslle á Consellería que en febreiro acordamos traballar nunha fronte común para defender os intereses das gandeiras galegas en Bruxelas, e o que está demostrando a CMR, unha vez máis, é que ten poucas ganas de gobernar, soamente pensa en sacar a foto de cara á difusión pública”.

    SILENCIO ABSOLUTO POR PARTE DA CMR

    O Sindicato Labrego leva meses interpelando á Consellería do Medio Rural con infinidade de temas sen que esta dea ningún tipo de resposta. “O colapso da CMR ante esta crise é total, demostran non saber que facer, nos últimos meses pedíuselles convocar as mesas do leite e da carne para avanzar no estudo dos custos de produción e fixar prezos de referencia, o mesmo co prezo da uva e a crise en DO como Rías Baixas, crear unha mesa de traballo sobre o cambio climático, fauna salvaxe, pragas, suba dos insumos e do gasóleo sen en que ningún caso houbese unha resposta pola súa banda nin se actuase ao respecto”, alerta o apicultor.

    Polo tanto, o SLG neste comunicado quere denunciar a incompetencia absoluta da CMR e a falta total de calquera traballo co sector, resaltando que o pasado venres na Comisión do Medio Rural na que compareceu o Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros, as representantes do SLG e doutras asociacións apícolas, tiveron que escoitar da súa boca como 8 días despois de rexistrar un manifesto pola apicultura do noso país diante da Xunta de Galicia, a Dirección Xeral competente non sabía da súa existencia. “Isto é o exemplo máis claro do desmantelamento que está a ter a CMR e o pouco que lle interesamos ao goberno da Xunta de Galicia”, advirte Álvarez. Por todo iso, dende o SLG esiximos que con carácter inmediato se convoque o Consello Agrario e que neste se tomen medidas de carácter excepcional “que axuden a sacar o sector da UVI que é onde esta actualmente”, afirma o Secretario de Acción Sindical do SLG.

    O SECTOR AFOGA SEN QUE OS FONDOS PÚBLICOS SE GASTEN

    A Consellería do Medio Rural “é incapaz tan sequera de gastar o presuposto asignado, un presuposto que só supón 4,3 € dos 100€ que gasta a Xunta de Galicia”. Ano a ano vemos como parte dos fondos non se gastan ou son asignados a outras Consellerías e, neste momento de crise do sector, esiximos, ao mesmo que ao Ministerio de Agricultura, que a Consellería do Medio Rural cre os mecanismos necesarios de diálogo civil a través do Consello Agrario para, de xeito permanente, traballar nunha mesa do sector que permita adaptarse á nova realidade.

    “A forma de producir alimentos está cambiando, queiran velo ou non estamos nunha crise estrutural do modelo de produción agroindustrial de alimentos, o cambio climático e a suba dos custos de produción levan ao modelo actual á ruína e ao peche de granxas, e o momento de actuar xa e lexislar cara a un modelo agroecolóxico e máis resiliente ao contexto xeopolítico e ás crises climáticas”, afirma Brais Álvarez.

    Nese senso, o SLG volve insistir na cegueira total da CMR e tamén do Ministerio que se negan a ver o colapso do sistema actual sen actuar de forma contundente. “Esta falta de contundencia e negación do problema sistémico o único que vai provocar é a desaparición de gran parte do sector primario”, avisa o apicultor.

    Ante esta crise actual e o inmobilismo da administración, o SLG non vai ficar de brazos cruzados e, de non cumprirse con estas demandas, iniciará mobilizacións para que as labregas e os labregos de Galiza sexan escoitadas.

    REIVINDICACIÓNS A CURTO E LONGO PRAZO

    No carácter inmediato, o SLG pide tanto ao Ministerio como á Consellería medidas que axuden a seguir producindo e non leven ao colapso económico do sector. Ademais, a organización recorda que o PP de Galicia, que goberna na CMR, ten facultades para tomar medidas e axudas que contribúan a salvar o sector e que non se limiten soamente a facer a foto como onte domingo e anunciar que van presionar en Madrid. “Non será por competencias en gandaría e agricultura que teñen as CCAA, esa foto demostra non van facer nada e só lles importa chegar ao goberno de Madrid ao prezo que sexa, aínda que sexa matándonos de fame”, recoñece Álvarez.

    Entre as medidas reivindican:

    Ao Ministerio de Agricultura,

    1- Prórroga inmediata da axuda do gasóleo agrícola e da fiscalidade mínima do Imposto sobre Hidrocarburos (IEH), polo menos até o 31 de decembro, coincidindo coa vixencia do marco de METSAF, como xa fixeron Portugal.

    2- Elevación ou eliminación do tope dos 0,20 cnt de xeito que o 70% que permite o marco europeo se aplique efectivamente sobre o diferencial real do prezo: 33,3 cnt . Para a aplicación desta axuda, solicitan que o Ministerio busque a maneira de facer unha aplicación directa de xeito que non se teña que agardar á devolución posterior.

    3- Reimplantación do tipo reducido do 10% do IVE nos carburantes.

    4- Publicación por parte da CNMC do informe de marxes brutos da distribución con desagregación provincial, no exercicio das facultades reforzadas polo RDL 18/2026.

    5- Índice corrector para o sector apícola con redución do valor mínimo do módulo aplicábel e inclusión do gasóleo A usado nas granxas e que ao non ser agrícola non teñen acceso.

    6- Índices correctores no IRPF por consumos enerxéticos tanto en estimación obxectiva como directa.

    7- Inclusión dos pastos permanentes na axuda aos fertilizantes e axilidade na publicación dos listados.

    Ao Ministerio de Transición Ecolóxica,

    1- Creación dunha axuda directa para mitigar a dependencia das granxas dos combustíbeis fósiles, o uso de derivados dos mesmos e o uso de fertilizantes. Inclusión de liñas que permitan adaptar as granxas para reducir o consumo enerxético camiñar cara a o uso de enerxías máis limpas e diminuír o uso de combustíbeis fósiles.

    Á Consellería do Medio Rural:

    1- Na asignación ás CC.AA da axuda de 50.174.300€ que corresponde ao Estado español da Reserva Agrícola de crise da PAC, para compensar o encarecemento dos fertilizantes e a enerxía provocado pola crise de Oriente Próximo. Piden á CMR que procedan a incrementar esta cantidade até o máximo permitido (200%) para atender a situación de sobrecustos dos profesionais do sector.

    2- Creación dun grupo permanente de traballo que afonde no estudo e na proposta de medidas para contribuír a desintensificación das granxas e, polo tanto, da súa dependencia de insumos derivados de combustíbeis fósiles e adaptación ao cambio climático.

    3- Creación dunha liña específica dunha axuda directa para mitigar a dependencia das granxas dos combustíbeis fósiles, o uso de derivados dos mesmos e o uso de fertilizantes. Inclusión de liñas que permitan adaptar as granxas para reducir o consumo enerxético e camiñar cara ao uso de enerxías máis limpas e diminuír o uso de combustíbeis fósiles.

    4- Convocatoria inmediata do Consello Agrario Galego e do grupo de traballo da PAC.