A admisión a trámite do recurso de inconstitucionalidade 6810-2025 xera incerteza sobre a aplicación dos preceptos recorridos e, por extensión, sobre a situación dos expedientes administrativos vinculados aos mesmos.
No noso país, miles de valoracións de discapacidade quedan nun limbo xurídico por dito recurso de inconstitucionalidade. A manipulación dos datos roza o ridículo: mesturan e suman expedientes de discapacidade e dependencia como se fosen equivalentes.
A calidade das valoracións de discapacidade e a atención presencial é unha cuestión non só de cantidade, senón tamén de calidade. Estamos a falar dos dereitos das persoas, non somos números!
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) presentou onte mediante rexistro á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia unha solicitude de información relativa ao recurso de inconstitucionalidade 6810-2025 e valoración de discapacidade do ano 2025.
Nos últimos días, diversos medios de comunicación recolleron a nova, publicada posteriormente no BOE núm. 31 de 04/02/2026, do Acordo do Pleno do Tribunal Constitucional polo que se admite a trámite o recurso de inconstitucionalidade núm. 6810-2025. Dito recurso vai dirixido contra os artigos 30.2, 30.3, 30.17, 30.19, 30.20, 30.21, 30.25 e 45.5 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. A admisión a trámite deste recurso xera incerteza sobre a aplicación dos preceptos recorridos e, por extensión, sobre a situación dos expedientes administrativos vinculados aos mesmos.
Información sobre os expedientes administrativos
Dende o Sindicato Labrego Galego –que forma parte do Consello Galego de Benestar Social (CGBS)–, solicitamos no escrito que se nos facilite información completa sobre a situación dos expedientes administrativos que se vexan afectados ou poidan verse afectados pola admisión a trámite do mencionado recurso de inconstitucionalidade.
Especificamente, solicitamos: en primeiro lugar, un informe sobre o número total de expedientes afectados cunha desagregación detallada dese número de expedientes e/ou persoas afectadas por: grao de discapacidade recoñecido, provincia de residencia, unha comparativa entre as valoración que se lles recoñeceu dificultades de mobilidade para a utilización de transportes colectivos e necesidade de axuda de 3ª persoa no anos 2023, 2024 e 2025, e o número de valoracións que se atopan recorridas e en que fase do procedemento.
Informe estatístico das valoracións realizadas en 2025
Doutra banda, dado que os datos estatísticos relativos ás valoracións de discapacidade realizadas durante o ano 2025 aínda non foron obxecto de publicación oficial na web da Xunta, solicitamos: que se nos facilites un informe estatístico detallado das valoracións realizadas no ano 2025, que inclúa como mínimo a seguinte desagregación: número total de valoracións, distinción entre procedementos de homologación e valoracións por informes sen presencialidade e valoración con presencialidade, datos desagregados como idade, sexo, provincia, grao de discapacidade resultante, e calquera outra que xa se publicase en informes de anos anteriores.
Información sobre o persoal de reforzo contratado
Ademais, no escrito presentado onte, tamén demandamos información sobre o persoal de reforzo contratado, e sobre a evolución do mesmo durante o 2025, en todas as categorías profesionais, indicado a que Centro de Valoración pertence así como o número de total de profesionais e equipas en funcionamento, por provincias.
A manipulación dos datos
Esta petición por parte do SLG-CCLL súmase á denuncia efectuada pola nosa organización hai xusto unha semana. O pasado, 5 de febreiro, vímonos na obriga de desmentir as cifras que dende a Consellería de Política Social se lanzaron á opinión pública. No noso país, miles de valoracións de discapacidade quedan nun limbo xurídico por dito recurso de inconstitucionalidade. A manipulación dos datos roza o ridículo: mesturan e suman expedientes de discapacidade e dependencia como se fosen equivalentes.
Ademais, coñecemos casos nos que os propios profesionais fan constar nos expedientes as limitacións que lles supón valorar por informes en contra do seu criterio. Temos verificado numerosos expedientes nos que a valoración foi recorrida por non ser presencial, e a nova resolución non tiña nada que ver coa inicial. Exemplo real: un matrimonio de Lugo que, ao recorrer e obter unha valoración presencial, obtivo os seguintes cambios:
• O señor pasou do 57% ao 59% de discapacidade, e de 0% a 27% en mobilidade.
• A señora pasou do 13% ao 49% de discapacidade, e de 0% a 32% en mobilidade.
Porén, podemos constatar que as listas de espera continúan a superar os dous anos en todas as provincias. En Lugo, por exemplo, hai solicitudes de agosto de 2023 que seguen sen ser atendidas. Sabemos que a maioría das valoracións realizáronse mediante homologación do grao de dependencia ou ben sen presencialidade.
Mentres tradicionalmente facíanse ao redor de 5.000 valoracións anuais, a Xunta ofrece agora cifras salientábeis: 57.582 novas no 2025, das cales 12.626 son por homologación do grao de dependencia. Isto deixa preto de 40.000 feitas por informes sen presencialidade.
Se o dato das homologacións xera preocupación, o das valoracións por informes é aínda máis alarmante, posto que esta práctica non está recorrida e parece consolidarse como modelo.
Limitacións e falta de verificación
Xa houbo colectivos que denunciaron no seu momento a falta de rigor das valoracións non presenciais e a imprecisión que poden acadar. O novo sistema de homologación supón unha homoxeneización carente de base técnica, sen correspondencia coa realidade de situacións moi diversas, e que non valora cuestións esenciais como as necesidades de autocoidado e ou a mobilidade reducida.
Inseguridade xurídica
Outra cuestión que non consideramos menor é a inseguridade xurídica de moitas destas valoracións de discapacidade, ao estar admitido a trámite o recurso de inconstitucionalidade nº 6810-2025 e que pode evidenciar o risco de vulneración de dereitos por un sistema de valoración homoxeneizado e pouco rigoroso. A suspensión deixa nun baleiro legal e expón a ter que reverter miles de valoracións se finalmente o Tribunal lle dá a razón ao Goberno central.
En resumo, dende o Sindicato Labrego Galego esiximos a Consellería de Política Social un cambio de rumbo definitivo en política social un sistema de atención digno, personalizado e axustado a dereito e un compromiso público para reorientar o modelo, revertendo a deriva cara ás prestacións económicas e recuperando o investimento en servizos públicos de calidade. A nosa sociedade non pode construírse sobre cifras manipuladas e dereitos suspendidos. A dignidade das persoas dependentes e as súas familias non é negociábel.