mercado silleda

08/05/2025

O SLG solicita a intervención con urxencia da Consellería do Medio Rural ante a problemática da poxa de Silleda

Por terceira semana consecutiva, o mercado de Silleda podería non celebrarse o vindeiro martes 13 de maio. O último día da poxa, o pasado martes 6 de maio, preto de 300 animais tiveron que volver para as súas casas

O mercado de Silleda é o principal mercado que hai en Galiza, o cal, por terceira semana consecutiva, podería non celebrarse o vindeiro martes 13 de maio ante a oposición de compradores e vendedores de gando a que a poxa se realice unicamente mediante unha aplicación electrónica, como pretende a Central Agropecuaria de Galicia.

Ante esta situación, no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas solicitamos con urxencia a intervención da Consellería do Medio Rural para poñer fin a esta problemática. “Solicitamos que a Consellería trate de maneira urxente este tema, poña unha solución e se chegue a un acordo entre tratantes e dirección e, no caso contrario, que o diga antes para que a xente o saiba con claridade”, denuncia a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane.

Por mor desta situación, o último día da poxa, o pasado martes 6 de maio, preto de 300 animais tiveron que volver para as súas casas. “Isto non é o habitual”, sentencia Vilalba, “o habitual é que os animais, logo da feira, vaian ao seu segundo destino, o feito de que veñan de volta para as casas supón que teñan que facer corentena, xa que así indican as persoas veterinarias, porque estivo en contacto con outros animais e deben estar illados, ademais de que as gandeiras e os gandeiros van ter que seguir alimentándoos. Entón a parte dos custes de trasporte ao mercado, hai sumarlle estas dúas cuestións”, engade.

Por todo iso, dende o Sindicato Labrego Galego solicitamos coa máxima urxencia que a Consellería do Medio Rural chegue a un acordo e poña unha solución para que, como cada martes, se volva a realizar o mercado de Silleda, como dixemos, o mercado principal de Galiza.