A gandeira de Becerreá María Osorio foi escollida nova responsábel do Sector, xunto ao tamén gandeiro Iago Vilar (Allariz), como vicerresponsábel do Sector de Carne do Sindicato Labrego Galego.
O sector puxo o foco nos prezos e no mercado, na PAC, na fauna salvaxe, na sanidade animal, na simplificación da burocracia nas granxas e no relevo xeracional. “É necesario que sigan existindo pequenas e medianas granxas familiares porque é a maneira de que se fixe poboación”, recalcou a actual responsábel do Sector da Carne do Sindicato Labrego Galego.
As políticas públicas seguen a fomentar o peche de granxas por todo o territorio, a perda de superficie agraria útil, a falta absoluta de relevo xeracional e, en definitiva, o abandono do rural.
Portomarín, 25 de abril de 2026. Durante a mañá de hoxe, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) realizou o seu Congreso do Sector do Vacún de Carne na Casa da Cultura de Portomarín. A gandeira de Becerreá María Osorio foi escollida nova responsábel do Sector, xunto ao tamén gandeiro Iago Vilar (Allariz), como vicerresponsábel do Sector de Carne do Sindicato Labrego Galego. Dúas persoas novas que estarán á fronte da Dirección do Sector durante os vindeiros catro anos, xunto ás correspondentes comarcais, que tamén foron renovadas.
O Secretario de Acción Sindical do SLG, o mozo apicultor Brais Álvarez, abriu o acto e presentou a mesa do Congreso, integrada por María Osorio (presidenta), Iago Vilar (vicepresidente), Diego Sánchez Agra (secretario) e María Carmen López Varela (vogal).
Análise do sector
O sector analizou o traballo do SLG durante estes últimos anos, que viviu nunha incerteza continua marcada polas políticas neoliberais que afectan ao día a día do mesmo, sen que os problemas estruturais que sofre se virán acompañados de políticas que permitiran garantir un futuro digno ás máis de 15000 granxas de carne que vertebran gran parte do territorio galego e, especialmente, ás zonas de alta montaña das provincias de Lugo e Ourense. Estes últimos anos viñeron dominados pola contradición entre o noso modelo tradicional de produción de carne e as políticas neoliberais e produtivistas emanadas das administracións públicas e fomentadas pola industria do sector. As políticas públicas seguen a fomentar o peche de granxas por todo o territorio, a perda de superficie agraria útil, a falta absoluta de relevo xeracional e, en definitiva, o abandono do rural.

O traballo do SLG neste período
En 2021, o SLG denunciou ante a xustiza e a sociedade como as granxas de menos de 10 vacas nutrices eran excluídas das axudas para resistir á crise da COVID19, unha axuda xa de por si insuficiente en cantidade que ademais excluía a máis da metade de granxas do sector na propia orde e que só percibiron 4621 granxas das case 19000 existentes naquel momento. Ese ano caracterizouse por unha forte suba dos custos de produción, que, xunto cuns prezos en orixe situados en valores de máis de 10 anos atrás, estrangulaba a viabilidade granxas galegas. A grave situación que seguía a vivir o sector fíxonos lanzar a campaña “Polo futuro do sector da carne, polo futuro das nosas comarcas” a principios de setembro do ano 2022, facendo concentracións en varias vilas por todo o país como Xinzo de Limia, Vilalba ou Betanzos, onde se pretendía lograr o apoio dos concellos para defender o sector.
No relatorio sindical lido no Congreso tamén se fixo fincapé na situación sanitaria que enfrontaron e enfrontan as granxas galegas e o desleixo por parte da administración diante de enfermidades tan perigosas para o noso gando como a EHE, que ante o colapso absoluto da administración, como sucedeu coas concentración de Ourense en 2024. Ou a loita pola necesidade de mellorar os protocolos en relación ao control e seguimento de enfermidades como a Tuberculina o que nos levou a ter que parar baleirados sanitarios como o de Palleiros tamén en 2024. Non esquecemos, por suposto, a loita polo recoñecemento dos nosos dereitos diante dos ataques da fauna salvaxe e as consecuencias da convivencia necesaria con ela que ten nas nosas granxas e que de xeito intencionado non se quere recoñecer.
Nos últimos meses as loitas do sector enmárcanse noutras máis xerais pero de especial importancia para a subsistencia do sector. Cómpre resaltar as mobilizacións continuas dos últimos meses contra o acordo UE-MERCOSUR e os tratados de libre comercio, así como o traballo desenvolvido nos últimos meses por unha PAC que sirva para regular o mercado e protexer as nosas producións.
IXP Vaca e Boi de Galicia
En febreiro de 2023 convocáronse as eleccións a Consellos Reguladores, entre elas, as eleccións á IXP VACA E BOI DE GALICIA. No Sindicato Labrego Galego participamos cunha candidatura no censo de produtores de Tenreira Galega Suprema, resultando elixido un vogal (Samuel Formoso) para o período 2023-2027. Os principais debates que se deron durante estes anos están orientados a industrializar cada vez máis a IXP e quitar peso e visibilidade á produción de Tenreira Galega Suprema, evitando unha distinción clara cara á persoa consumidora entre Tenreira Galega Normal e Tenreira Galega Suprema, querendo introducir novas razas non vinculadas ao territorio, ou modificar o prego obrigando a un acortellamento para poder comercializar como Tenreira Galega Suprema.
“Os retos futuros son moi importantes se queremos seguir a producir o noso produto de calidade e non desaparecer. Nese futuro, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas ten moito que dicir e moito polo que loitar, sendo a única organización labrega formada por labregas e que defenden as granxas tradicionais deste país. Por todo isto hoxe máis que nunca e transcendental o noso traballo dentro da IXP VACA E BOI DE GALICIA”, sinalou Samuel Formoso, vogal do SLG na IXP e que foi, até o de agora, o responsábel do Sector da Carne do SLG. “Eu sempre vou defendéndovos a vós, ao sector”, afirmou.

As loitas de futuro
No marco do Congreso do Sector, expuxéronse os puntos clave cara aos que cómpre ollarmos en relación ao futuro do sector da carne. Nese senso, en vinculación aos prezos e ao mercado, dende o SLG esixímoslle á Consellería do Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura unha Lei da Cadea Alimentaria que realmente sexa unha ferramenta útil e de negociación para as granxas do sector. As administracións públicas deben lexislar escoitando o sector e tendo como eixos prioritarios de traballo establecer as ferramentas para canles de comercialización curtas e o aumento do valor engadido das producións das persoas labregas. Ademais, reivindicouse unha verdadeira simplificación da Política Agraria Común (PAC), defendendo unha futura PAC cun orzamento sólido e o mantemento de ambos piares reforzando o piar II onde se encaixan as axudas para desenvolvemento rural -incorporacións e plans de mellora-. En canto á terra, dende a nosa organización subliñamos que é necesario loitar por defender a terra agraria e incrementala, favorecer que as granxas poidan acceder á terra a prezos dignos e que se deixen de dedicar as terras agrarias a outros usos especulativos como as plantacións, eólicos e minaría.
Ademais, a atención á fauna salvaxe, á sanidade animal e á simplificación da burocracia nas granxas, son outros puntos imprescindíbeis nos que a nova Dirección Sectorial do Vacún de Carne do SLG traballará na vindeira lexislación, sen esquecer o relevo xeracional.
“Na maioría das granxas deste tipo de vacún de carne a media de idade é de 55 anos, entón é complicado que o sector vaia cara a adiante nestas circunstancias”, advertiu a María Osorio, nova responsábel do Sector. “Agora mesmo hai demanda de produto, pero iso non sabemos canto vai durar. Conseguir un prezo xusto para a carne é fundamental porque….como se vai incorporar xente nova se estás producindo a perdas? Iso é imposible. Non podes fixar poboación nin xente no sector senón ten un traballo remunerado”, recalcou.
As novas responsábeis do Sector Vacún de Carne do SLG
María Osorio colleu o relevo da granxa familiar de vacún de carne no ano 2021. Ao incorporarse, fixo a transición a ecolóxico e, a día de hoxe, na súa granxa encontramos vacas de raza vianesa en extensivo. “Meu pai xa estaba afiliado ao Sindicato Labrego Galego e ao facer o cambio na granxa aquí seguín eu”, confesou a moza. “Tendo en conta o momento no que vivimos é moi importante que a xente do sector nos xuntemos para conseguir as reivindicacións que temos formuladas a nivel sindical”, dixo, facendo fincapé na importancia do traballo colectivo para alcanzar os obxectivos do Sector da Carne. “Vivimos uns momentos incertos…os insumos encarécense, o gasóleo agrícola sube, e todo iso ten moita influencia no produto final, e senón somos capaces de cubrir custos de produción iso vai comprometer o noso futuro”, sinalou a nova responsábel do Sector da Carne do SLG. “Estas granxas vertebran o territorio, sobre todo na montaña de Lugo e de Ourense, e é necesario que sigan existindo pequenas e medianas granxas familiares porque é a maneira de que se fixe poboación”, recalcou a actual responsábel do Sector da Carne do Sindicato Labrego Galego. Osorio tamén fixo mención á invisibilización das mulleres no sector. “Hai que recoñecer todo o traballo das que foron antes, eu son titular, pero miña avoa non era”, exclamou.

E dende Lugo imos cara a Ourense, onde se encontra o novo virresponsábel do Sector da Carne do SLG. Iago Vilar é criador de vaca cachena en extensivo en O Rial, na parroquia de Meire (Allariz), dende hai arredor de dez anos. “A zona estaba abandona e cando chegamos vimos a posibilidade de montar a gandaría nas zonas de pasto que eran aproveitábeis”, indicou o mozo. “Os pastos en xeral non tiñan moita calidade, entón apostamos pola cachena porque é unha raza rústica e autóctona que subsiste ben co que encontra e ao mesmo tempo permite rexenerar o territorio co seu propio traballo, así, desa maneira, imos mellorando os pastos pouco a pouco á vez que producimos alimentos, que era o que nós pretendiamos”, recoñeceu.
