David Álvarez, viticultor de Pantón (Lugo), é o novo responsábel do Sector do Viño do Sindicato Labrego Galego; canda a tamén viticultora Cristina Carrera (na zona do Condado), que pasa a asumir o cargo de vicerresponsábel do Sector.
A realización do Congreso do Sector do Viño do SLG afrontouse coa mirada posta na defensa dunha vitivinicultura social, ligada ás persoas, á terra, ás nosas variedades autóctonas e a unha cultura milenaria como nai sustentadora do sector.
“Temos ferramentas e temos leis, o que cómpre é loitar polo seu cumprimento”, destacou a Secretaria Xeral do SLG, María Ferreiro. “Para a administración as nosas problemáticas non existen, temos que enfrontarnos a ela e autoorganizarnos”, exclamou.
Galiza, 29 de maio de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) realizou onte, xoves 28 de maio, o Congreso do Sector do Viño en Crecente (Pontevedra). O acto aconteceu no Restaurante O Palancas e nel fíxose unha diagnose da situación actual do sector e definíronse os pasos a seguir pola organización nos vindeiros catro anos, ademais de renovarse a dirección do sector, composta polas correspondentes comarcais, responsábel e vicerresponsábel do Sector do Viño do Sindicato Labrego Galego. David Álvarez, viticultor de Pantón (Ribeira Sacra), saíu escollido novo responsábel do Sector do Viño do Sindicato Labrego Galego; canda a tamén viticultora Cristina Carrera (na zona do Condado), que pasa a asumir o cargo de vicerresponsábel do Sector, ademais de ser unha das vogais do SLG no Consello Regulador Rías Baixas, xunto a José Antonio Presa, coñecido como Pancho.

Transcurso do Congreso
A gandeira e Secretaria Xeral do SLG, María Ferreiro, comezou explicando o marco contextual no que se sitúa este Congreso, facendo referencia ao XI Congreso do SLG que tivo lugar en Lalín o 29 de novembro de 2025, baixo o lema Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro. Tras iso, ao longo deste ano, realizamos os Congresos Sectoriais da organización, que finalizaron onte coa celebración do do viño. Con el ficaron pechadas as novas Direccións Sectoriais do Sindicato Labrego Galego.
O coordinador do Sector do Viño, Xosé Manuel Parente, presentou o relatorio sindical proposto, que foi debullado polas viticultoras e os viticultores do SLG-CCLL, para afondar nas problemáticas e reivindicacións nas que cómpre traballar como sector. A continuación, o Secretario de Acción Sindical do SLG, o apicultor Brais Álvarez, procedeu a presentar a parte deste relatorio vinculada coa PAC e coa Lei da Cadea Alimentaria. “Temos que loitar porque existan unhas ferramentas para defender ás persoas que quedamos no territorio producindo alimentos”, defendeu Álvarez.
As viticultoras e os viticultores asistentes ao Congreso dividíronse en grupos co obxectivo de propoñer as cuestións nas que é preciso incidir para garantir o futuro do Sector do Viño. “Temos ferramentas e temos leis, o que cómpre é loitar polo seu cumprimento”, destacou a Secretaria Xeral do SLG, María Ferreiro. “Para a administración as nosas problemáticas non existen, temos que enfrontarnos a ela e autoorganizarnos”, exclamou, ademais de agradecer a todas as persoas que a diario participan nos espazos de decisión e debate en representación do SLG, tanto nos Consellos Reguladores como noutros espazos, polo seu esforzo e implicación.

Con respecto a iso, tamén tiveron a palabra os vogais do SLG nas diferentes Denominacións de Orixe de ditos Consellos Reguladores –Primitivo Lareu, da DO Ribeira Sacra; e José Antonio Presa e Cristina Carrera, pola banda da DO Rías Baixas-, que falaron da situación da DO, poñendo de manifesto a urxencia de activar medidas para salvagardar o sector vitivinícola. Tamén interviu o colleiteiro do SLG na zona do Ribeiro, Antonio Míguez Amil, que amosou a realidade do sector do viñedo do Ribeiro.

Reivindicacións do SLG para o Sector do Viño
Foron moitos os puntos sobre os que as viticultoras e os viticultores do SLG debateron. Entre eles, destacamos a urxencia na recuperación das mesas sectoriais do viño e no cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, por unha banda, e a importancia de defender e potenciar a calidade dos nosos viños, resaltando que as variedades autóctonas en risco de desaparición, sexan a base da diferenciación. “É triste reivindicar que queremos que se cumpra a normativa”, salientaron as produtoras, poñendo sobre a mesa o desprezo das administración cara ao sector. Ademais, demandamos unha solicitude da PAC para o viñedo, control da produción, garantía da recollida da uva, resolver a problemática da falta de man de obra que existe na actualidade, un prezo xusto polo produto que cubra custos e que sexa unha garantía de viabilidade para manter o viticultor as súas producións, a redución da burocracia nos trámites e a reivindicación da cultura do viño e da identidade vitivinícola galega. Estes foron algúns dos aspectos nos que se incidiu, alén da importancia de frear o acaparamento de terras que grandes grupos, fondos de inversión, etc, están levando a cabo en Galiza, o que supón unha sobreprodución e, polo tanto, que exista máis oferta que demanda, o que pode levar a unha situación de crise ao sector. Polo tanto, urxe, máis que nunca, controlar a plantación, o acceso á terra e o uso que se fai da mesma cos produtos fitosanitarios.
Ficou claro que é imprescindíbel a digna permanencia dos viticultores e viticultoras e das pequenas adegas de colleiteiro/a. A arquitectura do viño é un elemento fundamental das nosas ribeiras e dos pobos produtores.

David Álvarez e Cristina Carrera, á fronte do Sector
David Álvarez é viticultor no Concello de Pantón, na parroquia de Santiago de Cangas, no centro da Ribeira Sacra. Incorporouse ao sector tras a xubilación da súa avoa e foi collendo viñedos de veciños que por idade ían quedar en desuso, ademais de plantar dúas hectáreas, tendo agora mesmo tres hectáreas e media en activo. Con todo, Álvarez sufriu as consecuencias dos incendios en Galiza do ano pasado, ardeulle media hectárea. “Hai un par de anos nesta DO sufriumos unha situación inédita, quedou moita uva sen recoller”, recordou Álvarez, sendo el un dos afectados, e lembrou todo o traballo que fixo o Sindicato Labrego Galego nese respecto. En palabras do novo responsábel do Sector do Viño do SLG, “o Sindicato Labrego foi a única organización que estivo ao lado das persoas viticultoras da Ribeira Sacra”.
Cristina Carrera é enxeñeira técnica agrícola e viticultora. Formouse en Lugo e logo fixo diversos cursos de especialización de viticultura e enoloxía. No seu proxecto xestionan oito hectáreas de viñedo na zona do Condado, dentro da DO Rías Baixas, que están repartidas nos concellos de Salvaterra, Salceda e Ponteareas. Ademais, Carrera asesora a outros viñedos. “Este ano comezamos moi tranquilos pero este maio foi moi chuvioso, houbo moitos problemas porque non houbo temperaturas, entón agora si que xorden os problemas porque hai moita humidade e xa se empeza a ver manchas en follas e corremos o risco que diminuía a colleita”, aseverou a vicerresponsábel do Sector do Viño do SLG, aludindo á situación actual. “As dúas grandes problemáticas neste momento son manter o prezo da uva e dispoñer de man de obra”, recalcou, facendo tamén referencia á suba de custos de produción, o que non fai viábel o cultivo do viñedo.
