05/12/2024
O SLG recolle nun díptico as principais novidades para a solicitude única da PAC do ano 2025
As novidades están vinculadas coas modificacións que fixo o Ministerio de Agricultura do Real Decreto 1049/2022 e do Real Decreto 1048/2022. Estas modificacións teñen que ver coa flexibilización da PAC que prometera o Ministerio de Agricultura e a Comisión Europea tras as mobilizacións deste ano, nas que participou o SLG-CCLL
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas vén de realizar un díptico informativo que recolle as principais novidades que se aplicarán na solicitude única da Política Agraria Común do vindeiro ano 2025 e que están vinculadas coas modificacións que fixo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Real Decreto 1049/2022, de 27 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación da condicionalidade reforzada e da condicionalidade social que deben cumprir as persoas beneficiarias das axudas no marco da Política Agraria Común que reciben pagos directos, determinados pagos anuais do desenvolvemento rural e do Programa de Opciones Específicas por la Lejanía y la Insularidad (POSEI); e do Real Decreto 1048/2022, de 27 de decembro, sobre a aplicación, a partir do pasado 2023, das intervencións en forma de pagos directos e o establecemento de requisitos comúns no marco do Plan Estratéxico e da Política Agrícola Común, e da regulación da solicitude única do sistema integrado de xestión e control; entre outros.
No SLG-CCLL estamos pendentes da publicación das modificacións que poida realizar a Consellería do Medio Rural, ademais da nova convocatoria das axudas agroambientais para ecolóxico.
O Ministerio de Agricultura publicou o 19 de xuño o Real Decreto 567/2024, do 18 de xuño, que modifica o Real Decreto 1049/2022, polo que se establecen as normas para a aplicación da Condicionalidade Reforzada e da condicionalidade social que deben cumprir as persoas beneficiarias das axudas no marco da PAC. Neste Real Decreto modificouse a aplicación de certas obrigas da condicionalidade reforzada que teñen que ver coas Boas Condicións Agrarias e Medioambientais (BCAM): modifícase a BCAM5, a BCAM6, BCAM7 e BCAM8.1. Tamén se eximen dos controis de condicionalidade ás granxas cunha superficie agraria igual ou menor a 10 has.
Este ano publicouse o Real Decreto 1028/2024, do 8 de outubro, polo que se modifican diversos Reais Decretos en materia da PAC. Neste inclúense a modificación das condicións de certos ecorréximes: os de pastos (pastoreo extensivo, sega sostible, illas de biodiversidade), espazos de biodiversidade e cubertas en cultivos leñosos.
Tamén se “flexibiliza” o uso das fotografías xeorreferenciadas e a voluntariedade do caderno dixital en todas as anotacións que teñen que ver coa solicitude única da PAC.
Estas modificacións teñen que ver coa flexibilización da PAC que prometera o Ministerio de Agricultura e a Comisión Europea despois das mobilizacións de principios deste ano nas que participou o Sindicato Labrego Galego. Dende o SLG-CCLL lamentamos profundamente que fora unha oportunidade perdida para facer cambios na PAC, e noutros Reais Decretos, considerando a realidade galega.