
28/01/2025
O SLG presente nas mobilizacións europeas en demanda de medidas de protección para a apicultura
Esta mañá apicultoras/es europeos manifestáronse en distintas capitais esixindo un maior control das importacións de mel. Mobilización tamén contra o acordo UE-MERCOSUR que ameaza con esmagar ás apicultoras comunitarias con mel a baixo prezo
Na mañá de hoxe persoas produtoras de mel no Estado español, Francia e Portugal saíron simultaneamente ás rúas das capitais dos seus respectivos Estados baixo o lema “Apicultoras europeas contra a fraude. Os xaropes manufacturados non son mel”, en demanda de mellores medidas de control das importacións e ferramentas para a protección do sector apícola europeo.
Ademais, sinalan que, de ser aprobado o acordo comercial entre a UE e países do MERCOSUR tal e como está definido neste momento, a entrada de 45.000tm. de mel a baixo prezo ameaza con esmagar ás produtoras dos estados membro. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), así como as demais organizacións integrantes da Coordenadora Europea Vía Campesina opoñémonos frontalmente a este acordo polos seus prexuízos ás persoas produtoras de alimentos dunha e doutra banda do Atlántico.
“Hoxe o sector apícola bótase ás rúas de varias capitais europeas en demanda de medias urxentes se non queremos pór en risco un sector tan esencial para a produción de alimentos, e a biodiversidade en xeral, como é a apicultura. A protección dos polinizadores e o apoio decidido pola calidade nun alimento con destacados aportes para a saúde humana como é o mel ten que ser un obxectivo claro nas políticas comunitarias”, defende o apicultor e membro da Executiva Nacional do SLG Brais Álvarez, desprazado hoxe a Madrid na delegación do Sindicato Labrego presente nas mobilizacións.
O sector leva anos visibilizando a súa preocupación por mor do desprazamento do mel nas áreas comerciais a favor de xaropes ou sucedáneos. Estas denuncias foron confirmadas en marzo do ano pasado por un informe elaborado pola OLAF (Oficina Europea de Loita contra a Fraude), o JRC (Centro Común de Investigación da Unión Europea) e a DG SANTE (Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea). Baseándose no resultado de controis realizados en fronteiras sobre centos de importacións de mel durante 2021 e 2022, a Unión Europea concluíu que o 46% das mostras analizadas eran fraudulentas e no 66% das empresas importadoras inspeccionadas detectouse polo menos un tipo de incidencia neste senso. No caso do Estado español, as porcentaxes soben ao 51% das importacións con produtos fraudulentos e ao 85% das empresas importadoras.
“Canda a anulación do pre-acordo UE-MERCOSUR, se verdadeiramente as nosas administracións públicas recoñecen a importancia da produción apícola e teñen vontade de protexela, as persoas produtoras europeas precisamos xa, como medidas urxentes, que se implementen melloras na trazabilidade para eliminar as importacións fraudulentas, a validación dos métodos analíticos de detección de adulteración no mel e a creación dun laboratorio de referencia a nivel da UE”, concreta Álvarez.
Conscientes desta problemática, aproveitando a presidencia española do Consello da Unión Europea no ano 2022 dende o SLG instamos xa daquela a liderar a nivel europeo a modificación da Directiva do Mel e do Código Aduaneiro da Unión, co obxectivo de que a verdadeira orixe dos meles comercializados no Estado español se reflectira correctamente na súa etiquetaxe. Nesta mesma liña, hoxe somos produtoras e produtores de toda Europa as que esiximos un maior control da calidade dos meles importados, así como e velar pola produción comunitaria eliminando o acordo de liberalización comercial con países do MERCOSUR. Cómpre lembrar, asemade, que dende o SLG e a Coordinadora Europea Vía Campesina solicitamos que se retiren todos os alimentos dos tratados de liberalización comercial, e reiteramos que a alimentación é un dereito, non unha mercadoría ca que negociar contrapartidas.