06/05/2020
O SLG pregunta a sete concellos pola reapertura dos mercados alimentarios de proximidade na Terra Chá
A coordinadora do Sindicato Labrego Galego na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, rexistrou onte, 5 de maio, unha instancia dirixida aos concellos de Vilalba, Xermade, Cospeito, Castro de Rei, Muras, Abadín e Guitiriz preguntado polos mercados alimentarios non sedentarios que se celebran periodicamente nos seus termos municipais. En concreto, interpélase aos gobernos municipais para que aclaren se van seguir celebrando estes mercados nos mesmos lugares e cos mesmos horarios que antes da súa prohibición a causa da declaración do estado de alarma.
Tal e como anunciou a Consellaría de Medio Rural a semana pasada, os mercados non sedentarios de alimentos poden volver celebrarse dende o pasado 4 de maio na Galiza, aclarando na resolución que “a venda directa nos mercados limitarase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector de alimentación e produtos perecedoiros”.
Agora, son os concellos os responsables de poñer en marcha os mercados alimentarios da súa competencia coas garantías sanitarias e protocolos que impón a emerxencia sanitaria. En concreto, deberá garantirse “unha limitación ao 25% dos postos habituais ou autorizados e unha afluencia inferior a un terzo do aforo habitual. Porén, poderase aumentar a superficie habilitada para o exercicio desta actividade de maneira que se produza un efecto equivalente a dita limitación”.
Máis en concreto, “os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros, permitíndose unha separación mínima de 4 metros entre os laterais. Como forma de instalación dos postos na superficie do mercado, recoméndase unha disposición ao tresbolillo (en forma de triángulo equilátero, evitando que un punto de venda estea enfrontado a outro)”.
O comunicado que emitiu a Consellaría de Medio Rural para anunciar a reapertura dos mercados especifica que “dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras -que serán as titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga)- deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física”.
Dende o Sindicato Labrego Galego estamos comprobando que en moitos concellos galegos non se está a facer nada por volver poñer en marcha estes mercados dos que depende a economía de miles de familias labregas. A súa reapertura supón contactar cos produtores e produtoras que teñen postos neles, informalos dos protocolos que deben cumprir para desenvolver a actividade con totais garantías e velar polo cumprimento dos mesmos. Por iso, interpelamos aos concellos da Terra Chá para comprobar que están a traballar de cara a que, paseniño, vaiamos recuperando a normalidade no noso agro.