Novas

  • O SLG pídelle explicacións á Consellería sobre a falta de fondos das axudas de Medio Rural no Comité de Seguimento do PEPAC

    O SLG pídelle explicacións á Consellería sobre a falta de fondos das axudas de Medio Rural no Comité de Seguimento do PEPAC

    • 30,Abr 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • AXUDAS INCORPORACIÓNS 2025
    • axudas incorporacións 2026
    • PAC
    • pepac
    • Na xuntanza do Comité de Seguimento Rexional do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC), fíxose un seguimento das medidas do segundo piar da Política Agraria Común (PAC) que se aplican en Galiza. Ao reparar no documento “Situación de execución e avances na xestión do plano estratéxico da PAC 2023-2027”, alzamos a voz de alarma ante a falta de fondos para os anos 2026 e 2027.

    • Pedimos explicacións concretas sobre o caso das Axudas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas (MEDIDA 6613) e o Establecemento de persoas xoves agricultoras (MEDIDA 69611).

    • Os datos que nos foron revelados este 30 de abril testemuñan unha baixa nas solicitudes de incorporacións, motivada pola inseguridade e o pouco empeño da Consellería en, realmente, que as mozas e os mozos se incorporen nunha actividade agraria.

    Galiza, 30 de abril de 2026. Esta mañá o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participou na reunión do Comité de Seguimento Rexional do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC), canda outras entidades e organizacións galegas, así como a Consellería do Medio Rural, Ministerio de Agricultura e Comisión Europea. Na xuntanza, fíxose un seguimento das medidas do segundo piar da Política Agraria Común (PAC) que se aplican en Galiza e pedimos explicacións sobre a falta de fondos destinados ás axudas, entre elas as Axudas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas (MEDIDA 6613) e o Establecemento de persoas xoves agricultoras (MEDIDA 69611).

    Antecedentes

    O 31 de xaneiro de 2025 presentamos a este Comité observacións relativas a certas medidas que teñen que ver coas intervencións no sector agrícola e gandeiro. Nestas observacións manifestamos a preocupación do Sindicato Labrego Galego ante o claramente insuficientes fondos para medidas que se convocan todos os anos e para o período que aínda quedaba naquel momento. “Somos conscientes de que incrementos de dotación nunhas intervencións significan minoracións noutras e, precisamente por esta causa, debemos ter claros e coñecer os criterios que fixeron que se dotaran certas medidas cunhas cantidades determinadas e non con outras; e por que modificamos unhas cantidades posteriormente nun sentido ou noutro. Nós non coñecemos a autoría do reparto inicial nin os criterios que se seguiron para facelo”, sinalou na reunión a gandeira Ana Rodríguez Vázquez, representante do SLG no Comité de Seguimento.

    Tendo en conta isto, ao reparar no documento “Situación de execución e avances na xestión do plano estratéxico da PAC 2023-2027”, a nosa preocupación pola falta de fondos para os anos que faltan (para este exercicio de 2026 nalgúns casos e do exercicio 2027) aumenta moito. Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego pedímoslle á autoridade de xestión que explicara dentro do Comité de Seguimento, como ten pensando facer fronte á falta de fondos, manifestada xa en moitas das medidas, e detivémonos no caso das Axudas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas (MEDIDA 6613) e o Establecemento de persoas xoves agricultoras (MEDIDA 69611).

    Axudas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas

    Ana Rodríguez fixo fincapé en que, na acta da cuarta sesión do Comité xa se sinalaran os inconvenientes de minorar en 40 millóns de euros a medida 6613 “Axudas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas”. Nesa data, xa mostrabamos a nosa sorpresa polo feito de que uns meses antes parecían necesarios 60 millóns de euros nesa medida dos que, pouco tempo despois, sobraban 40 millóns. O feito de que esta medida en concreto se convocara durante varios anos con cargo aos remanentes do PDR 2014-2022 non foi suficiente para paliar esa baixada tan forte de fondos desta medida, como era previsíbel.

    Para o Sindicato Labrego Galego esta axuda é unha das máis importantes do segundo piar da PAC, polo reparto fundamental que se fai e porque é a axuda na que priman as persoas labregas a título principal”, declarou a representante do SLG no Comité de Seguimento, subliñando que a Consellería do Medio Rural ten que amosar de maneira clara e anticipada información ao respecto da mesma. Tendo en conta a situación do sector, “necesitamos saber as previsións para o ano 2027”, afirmou Rodríguez, aludindo directamente á Consellería.

    Establecemento de persoas xoves agricultoras

    Pola vital importancia que ten esta medida 69611, no SLG solicitamos que a autoridade de xestión informara a este Comité sobre os motivos para non resolver a convocatoria do ano 2025, cuestión que levamos demandando durante xa moito tempo dende a nosa organización. “Sabemos que solicitaron 380 mozos e mozas e que había un orzamento de 16 millóns de euros”, lembrou a gandeira, destacando que neste 2026 o orzamento co que se conta é de 23 millóns de euros para facer fronte ás que están sen resolver do ano 2025 máis as novas do 2026.

    Nese senso, o Sindicato Labrego Galego solicitou o 16 de abril nun escrito á Consellería do Medio Rural información sobre os expedientes de incorporación de persoas mozas e plans de mellora, cuxo plano finalizou o pasado 9 de abril. En concreto, pedimos, en detalle, cantos deles corresponden á orde de axudas do ano 2026 para a incorporación á actividade agraria (MR404A) e cantos ás axudas para investimentos vinculadas a estas (MR405F), indicando, tamén, cantos fixeron solicitude conxunta de Incorporación e Plan de mellora; separando aqueles que proveñen de expedientes de 2025, dos que son novas solicitudes. Esta solicitude de información non foi contestada nesta data, polo que hoxe solicitamos esta información no Comité Rexional de Seguimento. Os datos que nos foron revelados este 30 de abril testemuñan unha baixa nas solicitudes de incorporacións, motivada pola inseguridade e o pouco empeño da Consellería en, realmente, que as mozas e os mozos se incorporen nunha actividade agraria: 542 solicitudes de incorporacións, sendo 270 da convocatoria de 2025 e 272 de 2026; e 319 solicitudes de plans de mellora135 de 2025 e 184 de 2026-.