28/03/2023
O SLG pide que se elimine a obrigatoriedade do caderno dixital e demais burocracia innecesaria da PAC
Solicitamos unha moratoria para aplicación das novas esixencias, así como exencións para as pequenas e medianas granxas. Demandamos que as granxas non paguen as consecuencias do nefasto funcionamento administrativo desta campaña da PAC
O coordenador do Sector Leiteiro no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Xulio Fernández, cualifica de “posta en escena” a xuntanza mantida onte co conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na que a Xunta pedíu axuda desesperada ás organizacións agrarias para interceder ante o Ministerio por mor das numerosas dificultades que está a carrexar a xestión da nova Política Agraria Común (PAC).
Dende o Sindicato Labrego Galego queremos denunciar que o periodo da tramitación da PAC comezou en teoría o día 1 de marzo, pero a propia Consellaría non publicou nin sequera a Orde que regula estas axudas até 20 días despois. Canda esta demora, atopámonos con que a día de hoxe, 28 de marzo, a aplicación informática para as tramitacións ten sen habilitar ou presenta eivas en boa parte das súas funcións, e tamén que a Consellaría ten sen celebrar unha parte importante das reunións informativas previstas por ela mesma.
Aliás, o caderno dixital que está desenvolvendo a Consellería, o XEAGA, tamén vai con atraso e non semella que vaia incorporar todas as esixencias de recollida de datos incluídas na nova normativa; neste senso, tampouco se activou a posibilidade de contar cunha aplicación telefónica que poidan usar as persoas agricultoras e gandeiras para facilitar a incorporación dos datos e a visualización dos mesmos.
No caso da normativa de ordenación das granxas de bovino, até a semana pasada non coñecimos cal era o trámite para facer os cambios nas clasificacións das granxas, cuestión que depende integramente da Consellería. No caso das axudas de Desenvolvemento Rural, competencia directa tamén da Consellería, existe o memo nivel de pouca concreción que para o resto de axudas da PAC, e con cambios constantes de criterio.
No que compete á normativa de nutrición sostible dos solos agrarios, directamente non temos nin información por parte da Consellería de como se vai aplicar a partir do ano que vén, e dubidamos moito de que poda ser aplicable. Ademais, hai certas cuestións da nova PAC que teñen que ver con este Real Decreto, como é o caso da BCAM 10 Fertilización sostible, que non se aplican no resto da Unión Europea e vai supoñer un problema para moitas granxas.
Canda estas eivas vinculadas á deixadez de funcións da Consellaría, o desmantelamento das Oficinas Agrarias Comarcais fai que neste momento o asesoramento sobre todos estes cambios recaia sobre as propias organizacións agrarias e cooperativas, pero tamén cada vez máis nas mans de empresas de servizos, entidades bancarias, etc.
Non pode ser que todas estas eivas no funcionamento da propia Administración, tanto do Ministerio como da Xunta, acabe supñendo unha perda de dereitos para as persoas agricultoras e gandeiras. Como vimos repetindo dende fai meses, o Ministerio e a Consellería teñen que asumir que esta PAC é moi complexa, e que ámbalas dúas administracións son responsábeis de facilitar a implementación da mesma.
Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos a supresión da descomunal e innecesaria burocracia que se lle está a meter as granxas, que por un lado é imposíbel de cumprir e por outro supón uns custos inasumíbeis para as propias granxas, e neste sentido pedimos unha moratoria para todos os cambios que impliquen estas novas esixencias debido á complexidade da nova PAC, así como a exención para as pequenas e medianas granxas labregas. A estas medidas cómpre engadir outras como a imprescindíbel revisión da aplicación da BCAM 10, flexibilización das normas medioambientais, a exención da obrigatoriedade do caderno dixital e ampliación do prazo de solicitudes da PAC, habida conta das graves consecuencias que a mala xestión desta Política Agraria Común vai ter para as persoas gandeiras e labregas.
Na xuntanza convocada onte pola Consellaría do Medio Rural tamén se abordou a actual situación do sector lácteo, inmerso na renovación de contratos nun contexto de fortes baixadas e incumprimento das mormas contractuais recollidas no paquete lácteo. A este respecto o SLG valorará este problema mañá na Dirección do Leite que celebrará en Meira.