Tractor queimado

28/08/2020

O SLG pide ao Concello de Guitiriz que asuma as perdas do tractor incendiado en Labrada por omisión de socorro

Tras denunciar a omisión de socorro do Concello de Guitiriz no incendio dun tractor na parroquia de Labrada, e tras negar a alcaldesa as acusacións, agora un informe da Axencia Galega de Emerxencias desminte á rexedora (podes descargalo na icona que atoparás no remate desta páxina). Por iso, dende o SLG pedimos ás autoridades municipais guitiricenses que asuman responsabilidades e indemnicen ao propietario do tractor sinistrado por non acudir a extinguir o incendio cando foron avisados.

A semana pasada, o Sindicato Labrego Galego denunciaba a omisión de socorro dos servizos de emerxencia de Guitiriz cando foron alertados de que se producira un incendio nun tractor en Labrada. Nun comunicado emitido por esta organización agraria, informabamos que, ao ser notificado o incendio, “o consistorio guitiricense escusouse da súa obriga de asistir a emerxencia aducindo que non tiñan chofer para o vehículo de extinción de lumes. Ao final, tiveron que acudir os bombeiros de Vilalba, pero o seu camión non puido acceder á zona do incendio, polo que tiveron que pedir a colaboración da veciñanza e utilizar outro tractor cunha cisterna cargada de auga para extinguir as lapas, pero cando se puxeron cos labores de extinción xa non había nada que facer” (comunicado completo en: bit.ly/TractorLabrada).

Ao pouco, publicábanse declaracións da alcaldesa en varios medios de comunicación nos que desmentía esta versión dos feitos, afirmando que o persoal municipal do Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia en Guitiriz non foi avisado, engadindo que prestan servizo dende as 8:00 da mañá até as 12:00 da noite. A alcaldesa rematou culpando de “falta de coordinación” aos servizos de emerxencias e cualificando de “moi graves” as acusacións do SLG.Agora, co informe emitido pola Axencia Galega de Emerxencias, dependente de Vicepresidencia da Xunta, demóstrase que a alcaldesa de Guitiriz mentiu para defenderse.

En efecto, no informe relátase que, unha vez constatado que os bombeiros de Vilalba quedaban demasiado lonxe e que os seus vehículos non eran os idóneos para acceder ao lugar do suceso, ao tentar contactar coas autoridades locais dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112, deron aviso á Agrupación de Protección Civil de Guitiriz e se toparon co contestador automático da Policía Local. Ao pouco, recibiron a contestación de Protección Civil para informarlles de que “...non hai persoal do Concello para saír ao incendio”. Podes lelo ti mesm@ no detalle do informe que publicamos a continuación ou descargando o documento orixinal na icona que atoparás no remate desta nova):

Detalle informe

Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos que a neglixencia do Concello de Guitiriz causou unhas grandes perdas económicas á familia de Labrada dona do tractor sinistrado, polo que reclamamos que a alcaldesa, como máxima representante do consistorio, asuma responsabilidades e destine unha partida económica a cargo das arcas municipais para cubrir as perdas ocasionadas.

O SLG pide ao Concello de Guitiriz que asuma as perdas do tractor incendiado en Labrada para compensar a súa omisión de socorro