Novas

  • O SLG participará este domingo na manifestación ‘Deixade vivir a Cuba’ en Compostela e activa unha campaña de recollida de fondos para mercar sementes e enviar ás labregas cubanas

    O SLG participará este domingo na manifestación ‘Deixade vivir a Cuba’ en Compostela e activa unha campaña de recollida de fondos para mercar sementes e enviar ás labregas cubanas

    • 16,Abr 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • CUBA
    • EEUU
    • sementes
    • soberanía alimentaria
    • O Sindicato Labrego Galego estará este domingo 19 de abril en Compostela apoiando a manifestación ‘Deixade vivir a Cuba – Galiza contra o asedio imperialista’, convocada pola Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” en Santiago de Compostela -saída ás 12 horas dende a Alameda-.

    • Dende a nosa organización, activamos unha campaña a comezos de abril de recollida de fondos para mercar sementes e enviar a Cuba, aberta até o 30 de maio, en solidariedade labrega co pobo cubano por mor do bloque dos EEUU.

    • As cooperativas e as labregas e os labregos de Cuba non están podendo producir os seus alimentos por mor do Bloqueo Económico, Financeiro e Comercial, imposto de forma arbitraria e inhumana polo goberno dos EE.UU.

    • Asociación Nacional de Agricultores Pequenos (ANAP) vén de elaborar un informe onde recolle o impacto do Bloqueo Económico e Financeiro dos EEUU, detallando as consecuencias do bloqueo no desenvolvemento do programa de produción de alimentos das cooperativas e familias labregas organizadas na Asociación, e as dificultades para a aplicación efectiva da Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Labregos e das Labregas e doutras Persoas que traballan nas Zonas Rurais (UNDROP).

    Galiza, 16 de abril de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participará este domingo 19 de abril na manifestación ‘Deixade vivir a Cuba – Galiza contra o asedio imperialista’, convocada pola Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”en Santiago de Compostela -saída ás 12 horas dende a Alameda-. Apoiamos a mobilización e facemos un chamamento á cidadanía para a participación masiva. Ademais, dende a nosa organización, activamos unha campaña a comezos de abril de recollida de fondos para mercar sementes e enviar a Cuba, aberta até o 30 de maio, en solidariedade labrega co pobo cubano por mor do bloque dos EEUU.

    O bloque viola os dereitos das labregas e labregos de Cuba

    A Asociación Nacional de Agricultores Pequenos (ANAP) de Cuba, membro da Coordinadora Latinoamericana de Organizaciones del Campo (CLOC – Vía Campesina) -da que o Sindicato Labrego Galego tamén fai parte- vén de elaborar un informe onde recolle o impacto do Bloqueo Económico e Financeiro dos EEUU. Nel detállanse as consecuencias do bloqueo no desenvolvemento do programa de produción de alimentos das cooperativas e familias labregas organizadas na Asociación, e as dificultades para a aplicación efectiva da Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Labregos e das Labregas e doutras Persoas que traballan nas Zonas Rurais (UNDROP).

    Informe sobre o impacto do Bloqueo Económico e Financeiro dos EE.UU. a Cuba

    As cooperativas e as labregas e os labregos de Cuba non están podendo producir os seus alimentos por mor do Bloqueo Económico, Financeiro e Comercial, imposto de forma arbitraria e inhumana polo goberno dos EE.UU. As medidas xenocidas do goberno dos EE.UU, implementadas para asfixiar ao pobo cubano, datan de épocas tan temperás como o 19 de outubro de 1960, cando o Presidente EISENHOWER impuxo un embargo ou bloqueo parcial e rompeu as relacións diplomáticas con Cuba.

    Por outra banda, xa o 6 de abril do propio ano, Lester de Mallory Subsecretario de Estado, sinalara entre outras cousas que “todas as medidas posíbeis e imaxinábeis deben utilizarse rapidamente para debilitar a vida económica en Cuba, diminuíndo os salarios reais e monetarios, co fin de sementar a fame, a desesperación e conseguir o derrocamento do goberno”. Estas palabras amosan a inhumana idea da restitución en Cuba, da reconcentración de Weyler levada a cabo por ese militar español, a finais do século XIX, cando a partir de 1896, concentrou ás persoas labregas en campos cercados ao aire libre, para evitar a subministración ás forzas insurrectas do exército liberador. Con esta medida Valeriano Weyler logrou asasinar por fame e enfermidades a máis de corenta mil labregas e labregos. Este feito foi a bases dos campos de concentración desenvolvidos por Hitler na súa guerra de exterminio entre 1933 e 1945 contra as poboacións xudías.

    Sobre esa idea de exterminio da poboación cubana, baséase a política de Bloqueo Económico, Financeiro e Comercial que as diferentes administracións dos EE.UU, dende 1959, aplicaron cada vez máis cruelmente ao pobo, por tal de derrocar a Revolución que emerxeu e humanizo aos seus nacionais explotados do campo cubano aos que se lles devolveu o recoñecemento social, convertéronse en donos reais das terras usurpadas dende a colonia española e arrebatadas polo imperialismo ianqui.

    En febreiro de 1962, ante o anterior, o presidente Kennedy, decreta o xenocida e cruel Bloqueo Económico e Financeiro e Comercial contra Cuba. Son xa máis de 60 anos de afectacións que tivo o país e a súa poboación e en especial, o sector cooperativo e labrego cubano, manifestado en diferentes accións de carácter privativo, que impiden o desenvolvemento da produción de alimentos para a subsistencia do pobo co fin de reducir os seus efectos e lograr unha soberanía e seguridade alimentaria.

    As perdas millonarias ocasionadas polo Bloqueo dos EE.UU, no último período, segue afectando tanto ás empresas estatais da agricultura, como ás cooperativas agropecuarias e ás persoas labregas, ao reportarse en valores monetarios estimados de danos por 51 millóns 981 mil 900 dólares entre marzo de 2024 e febreiro de 2025 só no sector agropecuario. Estes danos imposibilitan que as cooperativas e labregos poidan ter acceso a insumos, tales como pezas de repostos para miles de maquinarias, tractores, colleitadoras e outros medios de transportes que teñen paralizados e son obsoletos, materias primas como penso, millo e soia para o alimento animal e outros usos, produtos químicos para lograr mellores rendementos, combater pragas e poñer terras ociosas en produción, adquirir sementes e xenofondo animal e outros. Por outra banda, estes danos impiden que se teña acceso á tecnoloxía máis avanzada da produción agropecuaria e o desenvolvemento dunha achega de produtos aos procesos industriais afectados tamén polo bloqueo, unido ao non poder obter, os combustíbeis, graxas e lubricantes para soster a maquinaria agrícola existente.

    As persoas labregas e cooperativas están afectadas co bloqueo dos EE.UU no comercio exterior, ao non ter acceso ás exportacións dos seus produtos e obter os ingresos polas súas vendas, ao aplicarse severamente a Lei Helms-Burton, como ocorre co tabaco e o ron entre outros, que non se poden vender nos Estados Unidos, así como outros posíbeis alimentos exportábeis cara a ese destino, tales como as froitas frescas e industrializadas, o mel de abellas, o café, etc.

    O agravamento do bloqueo ocasionou impactos negativos ao sistema da agricultura, en especial ás cooperativas agropecuarias e labregas, e por conseguinte afectacións na produción de alimentos para a poboación, o que se fundamenta como esencia no seguinte:

    1. Segue crecendo o número de áreas de terras ociosas e outras deficientemente explotadas, ao non poderse limpar por falta de insumos requiridos, como o potreron que serve para eliminar o marabú.

    2. As terras produtivas cultívanse con baixos rendementos cuxos plans non satisfán a demanda interna da poboación.

    3. A produción de carne porcina do país decaeu neste sector de xeito case total, ante a carencia dos pensos requirido que non se lle venden a Cuba.

    4. Foi necesario cambiar en gran medida a raza de porco de maior rendemento, por porcos de capa escura para lograr a súa alimentación máis rústica e garantir pequenas cantidades das súas carnes, pero é insuficiente.

    5. Deterioración da gandería Bovina ante a falta de alimento e outras causas como a non obtención de medicamentos para a mellora da súa saúde.

    6. Aumento da migración da poboación rural cara á cidade.

    7. Deterioración das vías de comunicación cara ás comunidades rurais, ao impedir o bloqueo adquirir medios requiridos de transportación e comunicación, para o mellor desenvolvemento das cooperativas e a vida social do campo etc.

    8. Escaseza de forza de traballo para asumir a produción agropecuaria e a existente é de avanzada idade.

    9. Cooperativas con pouco desenvolvemento de infraestruturas e pobre economía ao non obter grandes producións, que non lles permite estabilizar forzas de traballo e desenvolver ou mellorar as comunidades das súas cooperativistas.

    10. Outras carencias comúns á poboación en xeral ocasionadas polo bloqueo, que impide unha mellor vida no campo cubano.

    11. Os plans de produción aínda son insuficientes para satisfacer e obter melloras alimentarias da poboación, pois a planificación non satisfai a demanda.

    12. O movemento cooperativo agropecuario cubano está privado de pertencer á Asociación Internacional de Cooperativas, ao ser alto o custo societario, polo que non poden acceder a investimentos para o seu desenvolvemento, financiadas polo sexto banco mundial que pertence a esta entidade.

    CONCLUSIÓN

    O goberno dos EEUU, ao incrementar as medidas de asfixia económica a Cuba coa sostibilidade por décadas do Bloqueo Económico, Financeiro e Comercial, afectou con iso ao Sector Cooperativo e Labrego Cubano moito máis, como ocorre coas 16 políticas públicas aprobadas polo goberno no sector agropecuario, onde se desenvolven as labregas e labregos e cooperativas cubanas, as que están limitadas no seu desenvolvemento e con iso obstaculízase a implementación en gran medida da Declaración sobre Dereitos Campesiños e doutras persoas que traballan nas zonas rurais, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en decembro do 2018, á que fai caso omiso o goberno dos EE.UU, que se opuxo á súa aprobación, aínda que Cuba logra o seu avance de aplicación.

    Os documentos antes referidos, aprobados pola ONU, reflicten de cantos dereitos se lles está a privar ás persoas labregas cubanas, así como ás cooperativas agropecuarias polas arbitrariedades do goberno dos EE.UU coa aplicación do criminal Bloqueo Económico, Financeiro e Comercial, que non permite un mellor desenvolvemento da aplicación das políticas públicas aprobadas onde se recoñecen os seus dereitos. Cos gobernos de Trump nos seus respectivos mandatos, a situación foi moito máis agresiva, cruel e inhumana, sostén hoxe unha política de asfixia total á poboación cubana e en especial ás persoas labregas e ás cooperativas agropecuarias que producirían o alimento da nación.

    campaña SLG sementes Cuba

    manifestación CUBA GALIZA