25/10/2023
O SLG organiza en Friol unha xornada de alternativas sostíbeis nas comunidades de montes
O encontro terá lugar o sábado 28 de outubro no local social de Carballo, dende as 11:00h até as 18:00h. SLG, CMVMC de Carballo, Comuneiros dos montes do Chá, Comuneira do MVMC de Loentia, ORGACCMM participan na xornada
Este sábado 28 de outubro terá lugar a xornada de alternativas sostíbeis nas comunidades de montes, no local social de Carballo (Carballo, Friol), que se prolongará dende as 11:00h da mañá até as 18:00h. Contará con palestras, coa presentación do vídeo Píldoras Verdes, xantar e visita ao Monte Veciñal en Man Común de Carballo.
Esta xornada ten como obxectivo poñer de manifesto o papel de dinamizador dos bens comúns e a propiedade colectiva no medio rural, expoñendo o potencial da xestión comunal da terra e as súas vantaxes. Neste caso enfocado nunha figura tan especial na Galiza como son os montes veciñais en man común.
Programación
Ás 11:00h inaugurarase a xornada coa primeira palestra, impartida polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), onde se afondará no contexto histórico e actual das comunidades de montes e o papel dos bens comúns. A continuación, representantes da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común (CMVMC) de Carballo, afondarán nas alternativas produtivas e a diversificación de aproveitamentos nos montes; e Comuneiros dos montes do Chá nas alternativas de xestión dende a comunidade, visibilizando outra alternativa de xestión común do territorio. Tratarase, tamén, a importancia do aproveitamento comuneiro fronte ao acaparamento da agroindustria, da man dunha persoa comuneira do Monte Veciñal en Man Común (MVMC) de Loentia, afectados pola especulación sobre os terreos que viñan aproveitando co gando; e coñeceremos as ameazas actuais que poñen en perigo a figura das comunidades de montes a través da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM). Tras a fin das palestras, presentarase un vídeo do proxecto Píldoras Verdes da Fundación Entretantos (enlace) sobre o papel que xogan os montes comunais na soberanía alimentaria fronte aos procesos de acaparamento de terras, e rematarase a rolda da mañá cunha quenda de reflexións e conclusións que dará paso ao xantar (14:00h).
Xa de tarde, ás 16:00h, visitaremos o proxecto que veñen desenvolvendo dende hai anos no Monte Veciñal en Man Común de Carballo. A xornada finalizará ás 18:00h.
Información e inscricións
As persoas interesadas en participar na xornada de alternativas sostíbeis nas comunidades de montes o vindeiro 28 de outubro no local social de Carballo (Friol), poderán inscribirse a través do formulario https://forms.gle/UhSKu3uHTR5E9agAA, no enderezo montes@sindicatolabrego.gal ou no teléfono 608 175 565 até mañá, xoves 26 de outubro.