
30/11/2023
O SLG non acepta as explicacións da IXP TG arredor dos cambios nos pregos de condicións
Cuestionamos a razón de exclusión da posibilidade de pastoreo dos xatos de máis de oito meses. Preocúpanos que a IXP non saiba dicir que número de granxas se verán afectadas nin a que número exacto de canais afecta
Para o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) as explicacións da IXP Ternera Gallega que deu nos últimos días arredor dos cambios nos pregos de condicións son un despropósito. Trátase dunha fuxida cara a adiante que non aporta solucións á problemática actual.
Dende o SLG-CCLL demandamos que non se exclúa da marca a aquelas granxas que ceban aos seus xatos de máis de oito meses de idade no pasto e que non teñen instalacións para "protexer das condicións climatolóxicas" como se recolle na orde da IXP. Ademais, parécenos irresponsábel que se diga, dende a IXP, que "é suficiente con que os tenreiros poidan estar nun recinto pechado protexidos das condicións climatolóxicas co cal na maioría dos casos chega con acondicionar algunha palleira vella ou con facer un cuberto", como afirmou o Consello Regulador nunha nota informativa emitida este luns, 27 de novembro.
Destas afirmacións poderiamos deducir que non se obriga a acortellar, pero, por outro lado, enténdese que hai que deixar os animais en recinto pechado. Nese senso, dende o SLG preguntámonos que vai acontecer con todas aquelas persoas que teñen gando en montes comunais e as moitas granxas que durante determinadas épocas do ano acaban os xatos nos pastos con calidades de engraxamento e conformación altos. Tendo en conta que existe unha nova normativa sobre benestar animal, que vai obrigar a que non chegue só co alpendre, como di o Consello Regulador da IXP. Preguntámonos se a IXP está tendo en conta esta realidade para a toma de decisións. Así mesmo, estas condicións son contrarias a outras partes do prego onde se fala da importancia de deixar o espazo de 2,2 metros cadrados por xato ou incluso máis. A maiores, dende a nosa organización preocúpanos que a IXP non saiba dicir que número de granxas se verán afectadas por este cambio nin a que número exacto de canais afecta e tampouco saben explicar ou argumentar porque a clasificación de engraxamento e conformación non vale como si vale noutras IXP's.
O Sindicato Labrego Galego non pon en cuestión o pastoreo. Efectivamente seguirá habendo pastoreo na marca, pero si que se cuestiona a razón da exclusión desta posibilidade aos xatos cebados de máis de oito meses. De non ser así, entendemos que deberá explicarse de mellor maneira na orde. En todo caso, a orde que recolle o prego de condicións debe dar seguridade xurídica ás granxas que se poidan ver afectadas por este cambio.
A produción tradicional
Pedimos, ademais, que a IXP Ternera Gallega non se apodere do termo produción tradicional. A produción tradicional en cortello da que falamos realizábase, como no seu momento indicou a orde, con alimentación da propia granxa (patacas, nabos, etc) e non só a base de concentrado, que é o método utilizado agora. O SLG non se opón a isto, pero pide á IXP que sexa honesta e non utilice o termo para descualificar as granxas que fan pastoreo e teñen uns acabados á altura en conformación e graxa das que acaban dentro.
Así mesmo recordamos que no seu momento fíxose un cambio no prego de condicións polo cal a graxa 1 entraba para todos os xatos, porque se detectou un problema cos quilos e era necesario que entraran, pero viuse que con este cambio entraban xatos de peor conformación que distorsionaban a marca e por iso agora se modifica isto, para que só entren con graxa 1 as conformacións (S,E). Entendemos que así xa se está evitando que entren na marca pasteiros e outros xatos cebados de pouca conformación.
Por último, resaltamos que na elaboración da estratexia da carne, fomos unha das organizacións que non asinamos o protocolo. Que a IXP non esqueza que o SLG está en contra destas mudanzas. "Somos sector", como así avalou o noso vogal na IXP, Samuel Formoso, representante do SLG na IXP dende as últimas eleccións celebradas a comezos deste ano, nas que obtivemos máis de 400 votos e, por iso, a opinión do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, debe terse en conta. Para facer cambios deste calado entendemos que debe darse un debate aberto para que poida participar e amosa a súa opinión todo o sector produtivo. O SLG está a realizar asembleas polo país expoñendo este tema para abrir o debate dentro do sector.