Novas

  • O SLG levará aos alcaldes das Rías Baixas a situación límite da viticultura

    O SLG levará aos alcaldes das Rías Baixas a situación límite da viticultura

    • 05,Ago 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • O Sindicato Labrego Galego  solicitará unha reunión cos alcaldes dos concellos da comarca vitícola das Rías Baixas para trasladarlles a grave situación que atravesa o sector
    • A decisión foi acordada na asemblea convocada polo propio SLG, na que participaron máis de 60 viticultores e viticultoras das Rías Baixas, xunto con David Álvarez, viticultor e novo responsable do sector do viño do Sindicato Labrego Galego, a secretaria xeral do sindicato, María Ferreiro, o responsable da Secretaría de Acción Sindical, Brais Álvarez, e os vogais do SLG na DOP.

     

    Galiza, 5 de agosto de 2026. O Sindicato Labrego Galego (SLG) solicitará unha reunión cos alcaldes dos concellos da comarca vitícola das Rías Baixas para trasladarlles a grave situación que atravesa o sector e reclamar o seu apoio ante o incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e a falta de medidas por parte da Xunta.

    A decisión foi acordada na asemblea convocada polo propio SLG, na que participaron máis de 60 viticultores e viticultoras das Rías Baixas, xunto con David Álvarez, viticultor e novo responsable do sector do viño do Sindicato Labrego Galego, a secretaria xeral do sindicato, María Ferreiro, o responsable da Secretaría de Acción Sindical, Brais Álvarez, e os vogais do SLG na DOP.

    Catro medidas urxentes para salvar o sector

    Na reunión cos alcaldes, o SLG trasladará catro reivindicacións fundamentais:

    – Condicionar as subvencións públicas ás adegas ao cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, excluíndo das axudas aquelas empresas que paguen por debaixo dos custos de produción ou incorran en prácticas fraudulentas.

    – Limitar temporalmente as novas plantacións até que o sector recupere o equilibrio.

    – Manter e reforzar o control da produción máxima, fixada actualmente en 1200 kg por cada 1000 metros, mediante o sistema de tarxetas.

    – Reforzar os controis sobre a orixe da uva e do mosto, evitando a entrada de producións alleas á denominación, e garantir o cumprimento dos límites de rendemento nas parcelas para impedir excesos de produción que prexudiquen ao conxunto do sector.

    Prezos por debaixo dos custos de produción

    O sindicato denuncia que estase ofrecendo contratos a prezos reducidos e moi afastados do custo de produción estimado por diversos viticultores en 1,52 euros por quilo. O Consello Regulador xa acordou trasladar esta referencia á Xunta para a súa oficialización, pero o Goberno galego segue sen establecer un prezo de referencia.

    Mentres tanto, a única referencia existente continúa sendo o valor de 1,40 euros por quilo que utiliza Agroseguro para os seguros da viña, actualizado recentemente a petición do propio Consello Regulador.

    Perigo de abandono da viticultura

    O SLG alerta de que, se esta situación continúa, moitas pequenas explotacións veranse obrigadas a abandonar a actividade, co conseguinte impacto económico, social e ambiental sobre o territorio, incluído un maior risco de incendios.

    O sindicato lembra que a Denominación de Orixe Rías Baixas naceu grazas ao traballo das pequenas explotacións familiares, e advirte de que o modelo actual está a favorecer intereses alleos ao territorio mentres pon en risco ás explotacións que construíron o prestixio da denominación.

    “Corremos o risco de que desapareza a pequena explotación que deu orixe á denominación, mentres o nome da zona acaba beneficiando a empresas alleas ao territorio”, advirte Rosario Domínguez Iglesias, viticultora e coordinadora do SLG na bisbarra.

    Recuperar a diferenciación das comarcas

    O SLG reclama tamén recuperar a diferenciación de calidade das comarcas do Condado e O Rosal respecto do Salnés, unha valoración tradicional ligada ás características da uva —como a acidez e os aromas— que as adegas deixaron de recoñecer nos últimos anos.

    Para iso, o sindicato propón elaborar un mapa de calidades das distintas comarcas, que permita poñer en valor as súas características propias e contribuír a unha mellor valorización da produción.

    As mobilizacións intensificaranse se non hai resposta

    O Sindicato Labrego Galego advirte de que, se os alcaldes non atenden esta petición ou non trasladan á Xunta a necesidade de adoptar medidas urxentes para garantir a viabilidade do sector, as mobilizacións convocadas polo sindicato intensificaranse nas vindeiras semanas, co obxectivo de esixir solucións efectivas que garantan un futuro digno para as viticultoras e viticultores das Rías Baixas.