Máis de vinte persoas propietarias veciñas do Concello de Viveiro levan meses sen poder acceder ás súas parcelas polo peche dun camiño público, o camiño do Castriño (Sobrado – Lamacela), por parte dun particular.
Dende o SLG puxémonos en contacto co Concello, tanto de maneira telefónica como a través do rexistro de solicitudes, nas que denunciamos esta ilegalidade, sen que a día de hoxe se tomase ningún tipo de actuación. Levaremos esta cuestión á Valedora do Pobo e emprendemos as acción legais correspondentes.
Esta limitación indebida do uso dun camiño de carácter público causa importantes prexuízos ás persoas propietarias e usuarias habituais do mesmo, constituíndo un dano grave aos seus intereses e unha falta de compromiso co cumprimento da legalidade por parte desta corporación.
Galiza, 19 de xuño de 2026. Son máis de vinte persoas propietarias veciñas do Concello de Viveiro que levan meses sen poder acceder ás súas parcelas polo peche dun camiño público, o camiño do Castriño (Sobrado – Lamacela), por parte dun particular.
No devandito camiño foron colocadas estacas e pedras que reducen a súa dimensión, co obxectivo de dificultar o tránsito, así como un peche con rede para ovellas, obstaculizando a circulación tanto peonil como de vehículos. Ademais, a inexistencia de tránsito derivada do peche está a provocar un notábel estreitamento do vial, que orixinariamente contaba cun ancho aproximado de entre 2 e 2,5 metros. Este ancho permitía o paso dun tractor pequeno con remolque, preciso para a recollida de froita e outras labores nas parcelas a carón do mesmo. Entre o desuso provocado polo peche e os obstáculos colocados polo responsábel deste, o camiño quedou reducido na actualidade a un carreiro de arredor dun metro de ancho, o que impide o uso tradicional antendito.
Antecedentes
Esta situación xa foi posta en coñecemento dese Concello mediante un escrito asinado polas persoas afectadas, presentado no mes de febreiro de 2023 ao anterior goberno municipal, recibindo unha resposta inaceptábel que non se axustaba á realidade, na que se negaba esta situación que abonda con achegarse para comprobala. Coa entrada do novo goberno as persoas afectadas solicitaron de novo unha entrevista que tivo lugar poucos meses despois do inicio do seu mandato na que se pediu a recuperación deste vieiro. Malia ter sido escoitados, até o de agora as promesas de visita e amaño non foron cumpridas, seguindo as propietarias afectadas sufrindo as consecuencias dunha actuación a todas luces ilegal.
Peticións e escritos sen resposta
Logo de pasar meses sen que se fixese ningún tipo de actuación por parte do Concello, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) -por petición das persoas afectadas-, puxémonos en contacto telefónico co dito Concello -a través da labrega da zona e integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba-, para buscar unha solución a esta situación que afecta directamente aos dereitos das nosas afiliadas e afiliados propietarios. Dende a Secretaría da Alcaldesa quedamos en que nos citaría para termos unha reunión, pero a día de hoxe seguimos sen resposta. Tras iso, o SLG, en representación do coordinador comarcal na Mariña, Iván Rodríguez Lombardero, rexistramos solicitudes por escrito denunciando o corte ilegal e estreitamento do camiño ás que tampouco recibimos contestacións.
Un peche ilegal
Dende o Sindicato Labrego Galego entendemos que esta limitación indebida do uso dun camiño de carácter público causa importantes prexuízos ás persoas propietarias e usuarias habituais do mesmo, constituíndo un dano grave aos seus intereses e unha falta de compromiso co cumprimento da legalidade por parte desta corporación. O silencio ante as demandas veciñais e solicitudes de interlocución supoñen un agravante a esa inacción. Por todo iso, levaremos esta cuestión á Valedora do Pobo para que tome medidas ante a falta de actuación por parte do Concello e emprendemos as acción legais correspondentes.