28/04/2020
O SLG facilita o modelo de declaración responsable para desprazarse a hortas e viñedos de autoconsumo
A Consellaría de Medio Rural vén de permitir a agricultores e agricultoras profesionais poder desprazarse ás súas hortas ou viñedos para traballar. Fíxoo cunha modificación da Orde do 23 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 publicada hoxe, 28 de abril, no Diario Oficial de Galicia (DOG). Podes consultala AQUÍ
Esta orde segue mantendo restricións insalvables no caso das persoas non profesionais, que se contan por miles na Galiza, especialmente no caso do viñedo. Limitar a atención de hortas e viñas só se están no propio termo municipal onde se reside, ou a un máximo de 5 Km se está noutros concellos, denota un descoñecemento profundo da realidade galega e destes sectores. No caso da viña, é normal que as persoas que as traballan vivan noutros concellos ou mesmo en cidades, debido á estacionalidade e espazamento que requiren as actividades relacionadas e os seus coidados.
En calquera caso, a orde da Consellaría de Medio Rural obriga a levar unha declaración responsábel a todas as persoas que, podendo, queiran desprazarse á súa horta ou viñedo. De seguido, compartimos con vós un modelo de declaración responsábel para imprimir, cumprimentar e levala sempre enriba cando vos despracedes á leira ou ao viñedo. Podedes descargala premendo na icona que hai a continuación: