12/08/2024
O SLG esixe medidas concretas para as granxas afectadas pola EHE e para os distintos sectores
A Secretaria Xeral e labregxs da Executiva Nacional do Sindicato Labrego reuníronse esta mañá ca Conselleira do Medio Rural. Reiteramos que CMR e Ministerio teñen a responsabilidade de traballar conxuntamente para solucionar os problemas do sector
A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba; o apicultor e integrante da Executiva do SLG-CCLL Brais Álvarez e a gandeira e vicerresponsábel do sector leiteiro Ana González reuníronse na mañá de hoxe ca nova Conselleira do Medio Rural (CMR), María José Gómez Rodríguez, nas dependencias da Consellaría do Medio Rural en Santiago de Compostela. O encontro foi solicitado no mes de abril, se ben a CMR non deu resposta até a pasada semana.
Entre os temas a abordar, por parte do SLG tratáronse, entre outros, as consecuencias da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nas granxas galegas, a crise de sobreprodución na Ribeira Sacra ou os baixos prezos no sector cárnico, leiteiro e da horta.
Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)
Dende o ano pasado vimos alertando do aumento da incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nas granxas galegas. A día de hoxe as perdas para o conxunto das explotacións gandeiras do noso país pode chegar a superar os 20 millóns de euros.
Para facer fronte a esta situación solicitamos á CMR a cobertura total dos gastos veterinarios, así como do lucro cesante tanto polos animais mortos como polos que superan a enfermidade.
“Percibimos en temas fundamentais como a EHE que a día de hoxe seguimos sen ter solucións -advirte Isabel Vilalba-. O argumento da Consellaría é que o Ministerio ten que facer unha adxudicación do importe que corresponde en Galicia, e que inda que o anunciou en xuño vaise facer en novembro. O preocupante é que, de ser así, hoxe a Consellaría botou balóns fóra e argumentou que probablemente á Xunta non lle daría tempo de facer a Orde da convocatoria e a xustificación da mesma. Nós traslámoslle na xuntanza de hoxe que consideramos que tanto a Administración estatal como a galega teñen a responsabilidade de pór medidas de apoio ao sector xa, inmediatamente, e tamén de coordinarse para activar decontado mecanismos para financiar os gastos veterinarios, que poden chegar aos 400€ por animal, así como de actualizar as indemnizacións por morte do gando para cubrir as perdas reais”.
Crise de excedentes na Ribeira Sacra
Como lle trasladamos á Conselleira, no Sindicato Labrego Galego tamén estamos moi preocupadas pola situación na que están os viticultores e viticultoras da DO Ribeira Sacra, e da que levamos advertindo dende fai meses.
“Con respecto á petición que fixemos para garantir a recollida da Ribeira Sacra, hoxe a Consellaría afirmou que ían anunciar unha serie de medidas, pero non concretou nada. O que si que nos dixeron foi que as adegas non deron unha resposta positiva á proposta da destilación de crise. Polo tanto sobre este tema saímos ca preocupación de non poder dicir ao sector que existan medidas concretas que garantan prezos e recollidas”, lamenta a Secretaria Xeral do SLG.
Dende o Sindicato Labrego insistimos en que é necesario crear unha mesa de traballo entre todas as partes da Denominación de Orixe (DO), poñer enriba da mesa todas as opcións que podemos ter e ver cales poden ser mellores ou cales se poden realizar na Ribeira Sacra ou se se precisan todas. Tamén realizamos propostas máis concretas, que van dende a propia destilación de crise até a limitación de plantacións, unha campaña de promoción específica, estudo de custos de produción e un mapa que permita coñecer con certeza os límites desta DO.
Prezos sector cárnico, leiteiro e horta
Levamos meses con baixada de prezos no sector cárnico e leiteiro. En reiteradas ocasións denunciamos esta situación á CMR e apelamos a facer respectar a Lei da Cadea Alimentaria. Ademais nestas últimas semanas os abusos das industrias lácteas chegaron ao punto de ameazar con deixar de recoller o leite.
Ao igual que ca EHE ou a crise de excedentes na Ribeira Sacrea, tampouco con respecto a este tema semella que haxa resultados concretos. A Consellaría reiterou na xuntanza de hoxe que estaba mantendo unha interlocución cas industrias, pero xa fai días que sabemos disto e a interlocución inda non deu lugar a conclusións. Agardamos que nun sector tan importante para o noso país como é o leiteiro as industrias recúen con esta decisión. Sería moi grave que tiveran que pechar granxas por non ter quen lle recolla o leite.
Ademais, na reunión mantida ca Consellaría hoxe tamén trasladamos que a situación de prezos é moi preocupante non só no sector leiteiro e cárnico, senón tamén noutros como o da horta, significativamente invisibilizado e ao non adoitan chegar os apoios económicos fronte ás perdas.
A CMR sacou a colación a Estratexia da Horta, pero á vista dos feitos dende o SLG entendemos que nesta estratexia está a ter máis peso a horta da grande distribución que as persoas produtoras de alimentos, é dicir, as pequenas e medianas granxas que fornecen alimentos de proximidade e manteñen vivo o noso medio rural.
A Consellaría afirmou hoxe que para abordar a cuestión dos prezos ía crear un observatorio da Cadea. Dende o Sindicato Labrego insistimos en que é urxente recuperar os prezos nos distintos sectores, e incidimos en que até o dagora o funcionamento da Lei da Cadea foi moi deficiente, polo que agardamos que crear un observatorio vinculado á mesma non teña como resultado final simplemente constatar o seu mal funcionamento, senón tamén garantir medidas para que sexa respectada polos elos máis fortes da cadea, nomeadamente industria e grande distribución.
Por parte do Sindicato Labrego Galego mantémonos dispostas a seguir tendo unha comunicación periódica ca Consellaría, se ben da xuntanza de hoxe non podemos máis que extraer a conclusión de que é necesario seguir reiterando e esixíndolle que concrete as súas palabras en medidas reais, e que estableza uns indicadores para saber se esas medidas son efectivas.
De feito, este mércores imos levar adiante unha concentración reivindicativa na Consellaría do Medio Rural en Ourense, unha das provincias máis afectadas pola EHE, para insistir na necesidade de medidas. Instamos á CMR a adoptar o grao de implicación que precisamos para abordar esta problemática, tanto na calidade da súa interlocución co Ministerio como na posibilidade de mobilizar fondos propios para axudar ás granxas afectadas.
Autoría da imaxe: Consellaría do Medio Rural