O Sindicato Labrego Galego fai público este comunicado trala xuntanza da dirección do leite do SLG celebrada o pasado venres 29 de maio, e en resposta ás demandas que a Xunta de Galicia trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para modificar as condicións de contratación no sector lácteo, de cara á próxima renovación dos contratos do leite, que debe estar asinada o 1 de agosto.
A Lei obriga ás industrias a enviar as ofertas ás granxas con dous meses de antelación á sinatura dos novos contratos. Con todo, son moi poucas as industrias que cumpriron este requisito. Aínda que o venres pola tarde se recibiron algunhas ofertas, faltan moitas outras que chegarán fóra de prazo pero con data de sinatura do 31 de maio. Das ofertas recibidas ata o momento, ningunha mellora a situación actual nin repara a baixada catastrófica de prezo de hai dous meses, o que pon de manifesto que as industrias continúan a actuar con total impunidade fronte ás persoas gandeiras. Esta nova renovación chega, ademais, tras meses de mobilizacións, denuncias e accións do SLG para defender os dereitos das persoas produtoras fronte ás prácticas abusivas do sector industrial.
Cronoloxía dunha loita: meses de reivindicacións do SLG
O SLG leva alertando dende a chegada das primeiras ofertas en xaneiro dunha posíbel baixada do prezo do leite nun contexto, ademais, de peche de granxas por todo o país. Cando Lactalis fixo chegar ás granxas a proposta definitiva de contrato para os seguintes catro meses con fortes baixadas de prezo —sen xustificación no mercado actual— e outras empresas seguiron o mesmo camiño, o sindicato respondeu de inmediato.
O 23 de marzo, o SLG convocou unha concentración diante de Lactalis en Vilalba contra a baixada do prezo do leite. O 31 de marzo, último día para asinar as propostas de renovación, o sindicato pediu nun comunicado a intervención urxente da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, e presentou unha denuncia ante a AICA e ante os órganos de competencia para que tomasen medidas.
O 6 de abril, o SLG daba a coñecer o caso das catro granxas de Ribadeo ás que Reny Picot deixou de recoller o leite por non aceptar as súas ofertas abusivas, esixindo a convocatoria urxente do Consello Agrario Galego —que non foi reunido en toda a crise, malia ser o órgano de máxima interlocución— e da Mesa do Observatorio do Sector Lácteo. O 8 de abril, a integrante da Executiva Nacional do SLG Isabel Vilalba acudiu á mesa sectorial do leite convocada polo Ministerio de Agricultura para esixir unha posición clara do Goberno a favor do sector, mentres se sumaban dous novos casos na zona da Ribeira de Piquín, tamén abandonados por Reny Picot. “Estes contratos deberan considerarse ilegais polo feito de que destrúen claramente o valor e temos unha subida de custos de produción que non se está tendo en consideración”, subliñou Vilalba á entrada do Ministerio.
Nesas mesmas datas, o SLG reuniuse coa AICA xunto cunha delegación da COAG para denunciar o que estaba a suceder e pedir un incremento das inspeccións de oficio ante prácticas que vulneran a Lei da Cadea Alimentaria. O 21 de abril, o sindicato reiterou que Reny Picot incumprira tanto a Lei da Cadea Alimentaria como o Real Decreto 95/2019, en concreto a obrigatoriedade de preavisar con dous meses ás granxas a finalización da recollida. Entretanto, o SLG denunciou publicamente que había granxas que seguían a tirar diariamente o leite semanas despois de renovados os contratos, sen que ninguén llas fose recoller.
Valoración das medidas propostas pola Xunta
A Xunta de Galicia trasladou ao Ministerio de Agricultura propostas como impedir que os novos contratos se asinasen con prezos inferiores ao rexeitado e prorrogar automaticamente os contratos en caso de non chegarse a un acordo, garantindo a continuidade da recollida durante o período de negociación. O SLG súmase á petición de que o prezo finalmente contratado nunca poida empeorar a oferta, pero advirte á industria de que derrubar os prezos na oferta para poder asinar contratos á baixa é unha práctica de destrución da cadea de valor expresamente prohibida pola Lei da Cadea Alimentaria. A mesma lei que xa contempla a posibilidade de prorrogar os contratos mentres estes se están a negociar ou cando non exista acordo no prezo, polo que esiximos o seu cumprimento efectivo sen necesidade de agardar a novas modificacións normativas. O SLG sinala que estas propostas chegan tarde e que a súa eficacia dependerá dos mecanismos de control e do compromiso real das administracións para facelas cumprir. Non abonda con anunciar medidas se despois a AICA non ten recursos para inspeccionar e os incumprimentos quedan sen consecuencias.
Denuncia da non recepción das ofertas en prazo
De cara á renovación do 31 de agosto, o SLG denuncia que hai granxas que non están a recibir as ofertas contractuais dentro dos prazos legalmente establecidos, tal e como xa ocorreu na renovación anterior. Este incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e do Real Decreto 95/2019 priva ás persoas produtoras do tempo necesario para analizar e negociar as condicións. O sindicato esixe que a AICA e a Xunta incrementen as inspeccións de oficio e que os incumprimentos teñan consecuencias reais para as empresas que os cometen.
Axudas para a recollida: con garantías ou non
O SLG defende que a administración debe promover e articular axudas para garantir a recollida nas granxas que as industrias privadas abandonan, pero sempre condicionadas ao cumprimento estrito das condicións contractuais legais, dos prezos xustos e da normativa vixente. Non se pode destinar financiamento público a empresas que ao mesmo tempo incumpren a lei e abusan das persoas produtoras.
O papel imprescindible das Cooperativas
O Sindicato Labrego Galego destaca o papel fundamental das cooperativas como garantes da recollida nas granxas que as industrias privadas abandonan e como instrumento de fortalecemento da posición negociadora do sector produtor.